SESIÓN DE CONTOS: AS AVENTURAS DE MARIÑA

Seguindo coas actividades que xiran arredor das Letras Galegas, hoxe o alumnado de E. Infantil do noso centro, desfrutou dunha sesión de contacontos titulada "As aventuras de Mariña". 

Mariña, no verán, vai para unha vila mariñeira porque a coida a súa avoa, mentres os seus pais traballan. Gústalle moito o mar e os animais que nel habitan. Hai un peixe que é moi especial ao que ela bautizou co nome de Xarda. Grazas a el vai descubrir unha morea de cousas. 

A loita contra a contaminación, a amizade e o respecto son temas que estiveron moi presentes nesta sesión de contacontos, que combina a narración oral co teatro de monicreques. 

Agradecemos a familiaridade e a cercanía da compañía de teatro Galeatro co noso alumnado, xa que nos permitiu gozar dun momento moi agradable.

  

  

 Esta actividade foi financiada polo Concello de Arzúa.

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DA BIBLIOTECA - DENTRO DAS PAISAXES

Quen di que unha biblioteca é só para ler? Este ano actualizamos a nosa biblioteca escolar con algúns "recunchos creativos" como a mesa de luz ou o Kapla, pero somos moi ambiciosas e queremos potenciar aínda máis a vosa creatividade e introducirvos no mundo da arte e a fotografía. Por iso, para terminar o curso cunha boa sorpresa, anunciamos o concurso de fotografía de Fin de curso para os alumnos e alumnas de Educación Primaria. Aproveitamos a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente para traballar coa natureza e apreciar as paisaxes tan fermosas que nos rodean e as cales debemos atesourar e protexer.

Fixádevos ben nas indicacións para participar! e PREME AQUÍ para acceder ao blogue e ver a publicación completa coas imaxes das pinturas, das cales escolleredes unha para o voso proxecto. A data límite para a entrega é o 1 de Xuño, e o gañador/gañadora anunciarase na semana seguinte á entrega. 

1) Escolle unha das pinturas que publicamos no blogue

2) Inspírate nela para crear a túa versión e fai unha fotografía (non vale unha foto antiga)

3) Imprime a foto en papel fotográfico ou cartolina e escribe o teu nome e curso por detrás para entregala na Biblioteca. Tamen podes enviala por correo a ceiparzuabiblioteca@gmail.com

Non esquezades poñer nome e curso!

- O gañador/gañadora do primeiro premio recibirá unha cámara de fotos instantánea e un libro.

- O gañador/a do segundo premio recibirá un libro.

Moita sorte!

CONCERTO LETRAS GALEGAS_2023

Esta semana comezamos no noso colexio coas actividades que xiran arredor da conmemoración das Letras Galegas. 

A primeira delas é este concerto didáctico que deron Mero, Pakolas e Manolo Dopico o luns, 8 de maio; ao que asistiu todo o alumnado do centro. Con eles fixemos un repaso polo folclore popular galego e acompañamos varias cancións cantando con eles o retrouso das mesmas. Moitas cantigas populares teñen unha morea de anos e fixeron as ledicias das nenas e nenos que asistiron ao concerto.

Ao final, o alumnado de quinto e sexto ata se animou e bailou algúns temas. 

    

  

Esta actividade é subvencionada polo Concello de Arzúa.

Fotos da Semana do Libro

Ata aquí chegou a Semana do Libro! E xa temos o blogue actualizado coas fotografías das nosas actividades, como a visita de Claudia Castro, as lecturas interactivas, a feira da espurga e o teatriño "Princesa Kevin".

 

 

Podedes ver a publicación completa e máis fotos no blogue, PULSA AQUÍ

CLAUDIA CASTRO VISITA O NOSO CENTRO

Unha das actividades organizadas con motivo da celebración do Día do Libro é este obradoiro de poesía, dirixido ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º E.Primaria.

Durante este mes de abril, os nenos e nenas de 3º e 4º EP leron o libro de poemas "Galicia, o país das marabillas" e da man do Rato Amelio e do Gato Pepe descubriron moitos lugares de Galicia que merece a pena visitar. As mestras xa tomamos boa nota dalgún destes sitios que lles gustaría coñecer!

   

Esta mañá tivemos a sorte de escoitar como esta escritora nos recitaba algún poema do libro e, despois, deixamos voar a nosa imaxinación para encher un folio cun debuxo que nos recordaba algún poema do libro, o lugar que máis nos gusta de Galicia, o debuxo do Rato Amelio ou do Gato Pepe... e así convertémonos por un intre en ilustradoras e ilustradores. 

 

 

Este foi o mural que fixeron os nenos e nenas de 3º A.

  

E este é o mural que se fixo na clase de 3ºB.

   

E así de fermoso quedou o mural de 4ºA.

Co alumnado de 5º e 6º de E.Primaria, Claudia Castro traballou o libro "Amiga lúa, amigo mar". As nenas e nenos recibírona con este mural que previamente fixeron na súa clase, pois tamén dedicaron varias sesións á lectura deste libro.

Claudia explicoulles a razón pola que escolleu este título e faloulles da súa ilustradora, Luz Beloso. Despois de recitar xunto a Claudia algún dos seus poemas, viron un vídeo e remataron facendo voar os avións de papel que contiñan os seus soños.

 

Grazas Claudia por compartir esta xornada connosco e axudarnos a descubrir outro xeito de achegarnos á poesía. 

 

Semana do libro

Xa temos o cartel da Semana do Libro na Biblioteca do CEIP de Arzúa! Celebraranse varias actividades para fomentar a lectura e traballar coa literatura infantil e xuvenil, e tamén actualizaremos o recuncho das lecturas recomendadas coa temática correspondente a esta semana.

 

E para calquera dúbida estamos na Biblioteca nos recreos :)

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

En 1948, a Primeira Asamblea Mundial da Saúde propuxo que se establecera un DÍA MUNDIAL DA SAÚDE para conmemorar a fundación da OMS (Organización Mundial da Saúde).

Todos os países do mundo uníronse e fundaron a OMS para promover a saúde, manter o mundo seguro e servir aos máis vulnerables, para que todos e todas, en todas partes, poidan alcanzar o máis alto nivel de saúde e benestar.

Desde 1950, todos os anos o Día Mundial da Saúde celébrase cada 7 de abril.

Desde o colexio, tamén quixemos traballar e profundizar máis sobre esta conmemoración e elaboramos un mural colectivo baixo o lema “Somos Auga” onde quixemos relacionar a importancia da auga , eixe vertebrador deste curso, coa nosa saúde.

Deste xeito, os nenos e nenas de Primaria decoramos diferentes órganos do noso corpo humano, explicando cal é a súa función e indicando o seu porcentaxe de auga. Colocámolos ao redor dunha silueta humana que indica a porcentaxe de auga que contén o corpo humano coloreando unha parte da mesma.

Os nenos e nenas de Infantil decoraron flores como símbolo da importancia da auga para a vida. Regando as plantas hai vida, bebendo auga hai vida e saúde.

                                                                       

SAÍDA A PORTO DO SON

Dentro do programa Ti si que es un bo peixe! o alumnado de 2º de EP desprazouse ata Porto do Son para mergullarse in situ nalgunhas das actividades relacionadas co mundo mar e da pesca. En concreto, tiveron o privilexio de coñecer de primeira man a importante labor das redeiras; así coma o crecente uso do plástico para confeccionar as redes de pesca e á contaminación que iso conleva para o mar.

No museo Marea recordamos o gran desastre medioambiental provocado polo afundimento do Prestige no ano 2002 e tomamos conciencia da importancia de coidar entre todas e todos da natureza.

 

 
Ademais, tamén descubrimos un montón de aspectos interesantes e descoñecidos do mundo do mar, entre os que se atopan, por exemplo, os diferentes aparellos de pesca, tipos de redes... 

Podcast 5º EP - 2º trimestre

Bo día amantes da música! Este segundo trimestre os alumnos de 5º traballaron de novo no proxecto dos podcast, esta vez investigando e traballando con diferentes estilos musicais.

Temos ao grupo "Os de Galiza" falando do Rock'n Roll:

O grupo "Los músicos del bosque" falando do Pop e do Pop rock:

E por último, o grupo "Stranger Music" falando do Blues e o Jazz! :

 

Un aplauso para todes eles! Cada vez traballan mellor buscando información e recursos e vanse adaptando ao traballo en equipo, que non é nada doado!

Para as nosas investigacións utilizamos blogues de internet como a Wikipedia, e un libro moi interesante sobre a evolución da música e os grandes artistas de cada un dos diferentes estilos musicais, " Maestros de la música. Una historia de la música para niños" de Mick Manning e Brita Granström. 

Desfrutade da música!

 

ACTIVIDADE CONCELLO ARZÚA: A VILA DO MAÑÁ

O Concello de Arzúa programa esta Semana Santa unha nova edición da actividade "A vila do mañá".

A Vila do Mañá é un proxecto educativo e de divulgación no que a través do xogo e da creatividade se transforma o lugar que habitamos dando voz aos que normalmente non a teñen, os nenos e os adolescentes, impulsando o seu dereito para formarse un xuízo propio do hábitat no que viven e a poder expresalo e poñelo de manifesto. Ao mesmo tempo, esta iniciativa serve como medida para axudar á conciliación en periodo de vacacións escolares,

Datas
O programa levarase a cabo os días 3, 4, 5 e 6 de abril.

Horarios e quendas
- Quenda 1: polas mañás de 10:00 a 13:30 para menores de 5 a 11 anos
- Quenda 2: polas tardes de 16:30 a 20:00h para rapazada de 12 anos en diante.

Inscricións
Para participar é obrigatorio inscribirse previamente nas oficinas do Departamento de Cultura ou chamando ao teléfono 981500222 desde mañá, martes 28, ata este venres 31 de marzo en horario de 8:30 a 14:00h. A inscrición é gratuíta e as prazas limitadas. As mesmas iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición.

https://arzua.gal/o-concello-de-arzua-programa-esta-semana-santa-unha-nova-edicion-da-actividade-a-vila-do-mana/

 



    

Powered by Drupal - Design by artinet