Normalización Lingüística

SEMANA DA PRENSA

Na semana do 4 ao 8 de marzo conmemoramos a Semana da Prensa na escola, uns días para recordar na aula a importancia do periodismo.

Desta vez, no mural colectivo, simulamos o formato dun xornal dixital, con noticias de diferentes partes do mundo que foron buscadas en diferentes plataformas dixitais.

Cada aula tivo que construir un puzle para formar a imaxe da noticia e traballar co titular.

 

 

                                                                    

Ademais, traballouse nas aulas con diferentes xornais en papel e en soporte dixital, realizáronse actividades relacionadas coa prensa, elaboráronse noticias… que amosamos a continuación.

   

 

MARÍA CANOSA VISITA O CEIP DE ARZÚA

Este venres, 15 de marzo, María Canosa achegouse ata o noso centro para ter un encontro coas nenas e cos nenos de E.Primaria. Co alumnado de 1º e 2º falou do seu libro "Unha fábrica de bicos"; co de 3º, de "Lobo Ramón"; co de 4º, de "Rubicundo"; e, co de 5º e 6º, de "Muriel". 

Durante cada sesión, puido contestar as súas preguntas e desvelar algúns misterios como: en quen se inspirou para escribir o libro, de onde sacou o nome do personaxe principal, cantos libros leva publicados, o motivo polo que escolleu un oficio tan estrano para o protagonista... Ao final tivo un momento para asinar os exemplares de cadaquén. 

Moitas grazas María por compartir esta mañá con nós!!

   

  

  

8 DE MARZO- DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

 

O 8M como día internacional da muller foi adoptado pola Asemblea Xeral da ONU en 1977. A súa orixe está nas manifestacións das mulleres que, especialmente en Europa, reclamaban a comezos do século XX o dereito ao voto, mellores condicións de traballo e a igualdade entre homes e mulleres. 

Aínda que se conseguiron moitos dereitos, temos que seguir loitando pola súa consolidación e avanzando cara unha sociedade cada vez máis igualitaria.

Nesta semana, no noso colexio fixéronse moitas actividades que se foron plasmando en diferentes murais e traballos de aula. 

Deixámosvos aquí unha pequena mostra deles:

   

 

Todo o alumnado de E.Infantil realizou este mural:

 

  

O alumnado de 6º EP, da sección bilingüe de Plástica, fixeron este traballo:

   

 

RECURSOS PARA TRABALLAR O DÍA DA MULLER NAS AULAS

Deixámosvos aquí algúns recursos que podedes aproveitar para traballar o Día da Muller:

  • Pequenas biografías de mulleres galegas e un modelo de ficha para completar. Preme aquí
  • Tríptico do blogue da mestra Cris. Preme aquí
  • Unidade didáctica para Infantil e Primaria. Preme aquí
  • Genially "Quen cociña nos contos". 8 de marzo. Preme aquí
  • Proposta de "aulasgalegas.org" para E.Infantil e Primaria. Preme aquí

ROSALÍA DE CASTRO_CURSO 2023-24

Este curso, para conmemorar o Día de Rosalía decidimos montar este mural colectivo que leva por título "Viaxamos con Rosalía!". Cada titoría traballou un poema da escritora e despois preparou unha palabra dese poema dentro dun avionciño de papel. Quixemos destacar con este mural a importancia das palabras e así "viaxar" con Rosalía espallando esas palabras por todo o mundo. 

Ademais, apoiamos a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e moitas clases fixeron un collage coas ilustracións realizadas polas nenas e nenos dos distintos poemas que se traballaron. Aquí vos deixamos unha mostra destes traballos.

  

 

 

    

 

 

 Tamén se están realizando outras actividades relacionadas con esta temática:

Cada alumna e alumno de 6º EP aprendeu uns versos do poema de Rosalía de Castro que leva por título "Adios ríos, adios fontes" e despois recitárono deste xeito. Preme AQUÍ

Déixamosvos un anaquiño do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2024, que este ano encargaron a Carlos Callón e que lle dedica á escritora:

Hai século e medio, unha moza con pouco máis de vinte anos mudou a Historia. Iso de mudar a Historia non é cousa que aconteza todos os días. Ela era consciente de que os seus libros abrían camiños, que con eles “levantaba unha bandeira” da que non ía desertar. De feito, este recanto do mundo chamado Galiza non é o mesmo após Rosalía de Castro. Hai un antes e un despois.

As palabras que lanzou abriron moitos ollos e calmaron moitas sedes. Non é difícil decatarse da sequidade nos beizos desa cultura silenciada por xeracións e xeracións, mesmo con violencia. Na escola —nunca o esquezamos—, a rapazada que usaba a lingua de Follas novas era castigada vilmente.

As palabras de Rosalía dábanlle dignidade e sentido á fala do pobo galego e ás súas vidas sen nome. As traballadoras e os traballadores conseguían un espello para pensar e un altofalante para denunciar os abusos que padecían...

RECURSOS PARA TRABALLAR ROSALÍA DE CASTRO NAS AULAS

Déixamosvos aquí algúns recursos que podedes empregar para achegar ao alumnado á vida e obra de Rosalía de Castro:

- Unidade didáctica Rosalía de Castro. Preme aquí

- Libriño Rosalía de Castro "amestracris" Preme aquí

- Genially "Descubrindo a Rosalía de Castro". Preme aquí

- Genially "Unidades didácticas Rosalía de Castro". Preme aquí

 

- A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) escolleu para este ano o lema: #oamordapatriagalega

Proposta da AELG para E.Infantil e primeiro ciclo de Primaria:

Le estes versos de Rosalía de Castro e elaborar un debuxo co que che inspiren. Podedes elaborar despois un collage cos debuxos.

Que feira, rapaza,
si cantas faremos...!
Festiña por fóra,
festiña por dentro. (...)

Así mo pediron
na beira do mar,
ao pé das ondiñas
que veñen e van.

Así mo pediron
na beira do río
que corre antre as herbas
do campo frorido.

Cantaban os grilos,
os galos cantaban,
o vento antre as follas
runxindo pasaba.

Campaban os prados,
manaban as fontes
antre herbas e viñas,
figueiras e robres.

Proposta para o segundo e terceiro ciclo de E.Primaria:

Le o poema “Adiós ríos, adiós fontes”, que é a despedida dun home que ten que deixar o lugar onde naceu para procurar traballo lonxe. A persoa que se expresa neses versos é consciente de que probabelmente non poida voltar nunca ao seu país e que vai ter difícil comunicarse de novo cos seus seres queridos: é unha despedida para sempre. Rosalía quixo, a través de poemas coma ese, que se falase de problemas que afectaba a moitas galegas e moitos galegos sen poder e sen diñeiro.

  • Le o poema como se foses unha actriz / un actor, dándolle a emoción que hai detrás desas palabras.
     
  • Repara na estrutura do poema: son versos de 8 sílabas; a maioría das estrofas son de 4 versos e teñen rima asonante só os versos pares. Tenta facer un poema con esa mesma estrutura, para falar dun problema actual de Galiza, como faría Rosalía se vivise en 2024.     
  • Atrévete a aprender o poema! Vaste sorprender co fácil que é memorizar estes versos se lles dedicas un tempiño. A escritora elaborou este texto cun ritmo e unha musicalidade que axudan moito á aprendizaxe..

 

 *Iremos actualizando este apartado co material que nos vaia chegando ao longo destes días.

 

 

ENTROIDO 2024

É TEMPO DE ENTROIDO!

 

A semana do 5 ao 9 de febreiro estaremos ás ordes dos Mandados do Meco!

Animádevos e a desfrutar!

 MANDADOS DO MECO

 

Se a volta ao mundo queres dar,

disfrázate con nós

e vén desfrutar!

 

O luns, para comezar,

trae algo na cabeza

e a bailar!

 

O martes, para continuar,

unha volta ao pobo imos dar,

de países e turistas,

que ben o imos pasar!

 

O mércores, para desfrutar

trae algo no pescozo

e a gozar!

 

O xoves, para descansar

xa non quites o pixama

e a soñar!

 

O venres, para rematar,

vén disfrazado do que queiras,

e unhas risas imos botar!

 

 

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

O 30 de xaneiro conmemoramos o Día da Non Violencia e a Paz.

Escolleuse esta data en memoria de Mahatma Gandhi, líder pacifista da India.

A súa frase “Non hai camiño para a Paz, a Paz é o camiño” converteuse nun lema universal contra a violencia.

Estes son algúns dos traballos realizados polas diferentes titorías:

    

 

 

Día da Educación

Xa temos o mural para o Día da Educación, no que expoñemos un pequeno "dicionario" con verbos e imaxes relacionados con esta conmemoración, lembrando o afortunados e afortunadas que somos por ter acceso á Educación, xa que ten un papel fundamental nas nosas vidas.

Podedes ver o interior do Dicionario mundial da educación que fixemos entre as distintas aulas neste formato revista AQUÍ

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet