Normalización Lingüística

24 OUTUBRO_DÍA DA BIBLIOTECA

Dentro da programación do Día das bibliotecas, o venres 22 de outubro, tivo lugar no salón de actos do noso colexio, unha sesión de animación á lectura. Deu xenio ver ao noso alumnado participar na escenificación de varios contos, da man de Vicky. Grazas á súa pericia e á entrega dos nosos nenos e nenas, puidemos gozar dun momento moi agradable e realmente divertido. 

Estas imaxes corresponden ao pase que se fixo para E. Infantil de 4 anos, 5 anos-A e 5 anos-B, co conto "O dragón Plácido". 

   

   

Fixéronse outros dous pases para 1º, 2º, 3º e 4º de E.Primaria e o conto escollido para eles e elas foi "As cores da xoaniña Renata". 

  

   

Desde o 24 de outubro de 1997 celébrase o Día Internacional das Bibliotecas co obxectivo de conmemorar a destrución da Biblioteca de Saraievo, queimada en 1992, durante o conflito dos Balcáns.

Nós tamén quixemos recordar esta data e durante esta semana traballamos o Día das Bibliotecas nas distintas titorías do centro. Para o mural colectivo pedíuselle ao alumnado que debuxara a carátula do libro que eles e elas salvarían en caso dunha catástrofe e puxeran por detrás os motivos polos que o salvarían. Escolleuse un traballo de cada titoría e con todos eles montouse o mural colectivo que se colocou ao lado da biblioteca do colexio.

 

 

LECTURAS RECOMENDADAS PARA O VERÁN

Os equipos de Dinamización Lingüística e Biblioteca fixemos unha selección de lecturas que desexamos sexan do voso interese. Durante as vacacións temos máis tempo libre e podemos ler máis. Ler no verán é moi beneficioso para non perder as habilidades de lectura adquiridas, para gañar destreza lectora e ampliar vocabulario. Ademais é un bo momento para descubrir historias que nos permitan viaxar a mundos fantásticos, coñecer outras culturas, vivir diferentes aventuras...

Por iso, este verán "Se queres aventura, lánzate á lectura".

Para poder ver as lecturas recomendadas fai click na seguinte imaxe:

LETRAS GALEGAS CEIP DE ARZÚA_2021

Durante este mes de maio estamos facendo unha morea de actividades arredor da figura de Xela Arias. 

O mural colectivo compúxose con caricaturas da escritora, realizadas nas distintas titorías do centro, que levan debaixo unha parte da súa biografía. 

O alumnado de 5º e 6º EP trouxo unha foto da súa familia. Coa foto diante fixo unha listaxe de cousas que lles chaman a atención das súas familias, cousas que se din, cousas que se fan e que marcan as nosas relacións... e, despois de escoitar algúns poemas do libro "Darío a diario" de Xela Arias, lanzáronse a escribir os seus propios poemas. Cos traballos deles montamos dous murais; un na primeira planta e outro na segunda. 

    

Na clase de 3º EP realizouse tamén unha actividade similar á anterior que quedou plasmada neste mural.

 

O 14 de maio visitounos a compañía de teatro Galeatro para ofrecernos unha versión reducida da súa obra "Carabela", baseada nun libro de Paula Carballeira, no que a autora quere lanzarnos a mensaxe da importancia de coidar o noso medio ambiente.

Carabela é a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico, onde está soa e rodeada de peixes mutantes que a advirten de que son tóxicos. Para aliviar a súa tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. 

Estas imaxes corresponden aos distintos pases que se fixeron no salón de actos do noso colexio, durante a representación desta peza teatral. 

    

  

  

  

 

CONCERTO DE MAMÁ CABRA NO NOSO CENTRO

O 3 de maio todos os nenos e nenas do CEIP de Arzúa puideron gozar dun concerto en directo a cargo de dúas integrantes da compañía Mamá Cabra. Con elas fixemos un percorrido pola fraga, os seus sons, as árbores que hai nela, e a importancia de coidala. Esta narración oral foi acompañada de cancións interpretadas coa axuda das guitarras. 

O espectáculo que leva por título "Patrimonio Natural" foi financiado polo Concello de Arzúa. 

    

    

Estas fotografías e o vídeo corresponden ao pase que se fixo para o alumnado de E. Infantil.

     

  

 

ACTIVIDADE LETRAS GALEGAS DIRIXIDA AO ALUMNADO DE 1º E 2º DE E.PRIMARIA

O 23 de abril o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria puido desfrutar dun contacontos gratuíto que nos ofreceu o  Departamento de Cultura do Concello de Arzúa.

Nesta actividade narróuselles aos nenos e nenas oralmente a historia do libro "Mulleres Galegas. Xela Arias", pertencente á colección Mulleres Galegas, editado por Lela Edicións. Durante esta sesión os membros da compañía Polo Correo do Vento deron pinceladas da obra e vida da escritora e ao final fixeron un obradoiro de debuxo no que se realizou unha caricatura da poeta nada en Sarria. 

   

   

  

 

RECURSOS PARA TRABALLAR A LINGUA GALEGA

Os máis pequenos e pequenas tamén se poden divertir cos estas "Brincadeiras da lingua" de Migallas Teatro, con ditos e xogos que teñen como protagonistas as mans e os dedos. 

 

DÍA DO LIBRO 2021

A primeira celebración do Día Mundial do Libro tivo lugar o 23 de abril de 1995, e foi establecida pola UNESCO coa intención de fomentar a lectura, a edición de publicacións impresas e recoñecer os dereitos de autor.

Por que o día 23 de abril? Porque se corresponde coa data de aniversario do falecemento de grandes autores da literatura universal como son Miguel de Cervantes Saavedra e William Shakespeare.

Dende o Equipo de Biblioteca do noso cole animámosvos a ler, neste día e sempre, porque os libros e a lectura coidan de nós, fannos máis fortes, máis áxiles mentalmente, melloran o noso vocabulario e enriquecen a nosa imaxinación.

Ven á nosa biblioteca, escolle un libro que che guste e desfruta das súas historias, saborea as súas palabras, viaxa coa túa imaxinación a lugares marabillosos, vive fantásticas aventuras, aprende dos seus saberes e dos seus valores...

Aquí vos deixamos unha serie de recomendacións de libros a través deste orixinal e artístico formato coñecido como "bookface", que de xeito tan divertido e creativo, levaron a cabo as nenas e os nenos do noso cole.

Esperamos que descubrades algunha lectura do voso interese.

 

 

Lembrade que os libros son tesouros de palabras e grandes amigos.

Feliz Día do Libro 2021!

 

 

RECURSOS PARA TRABALLAR A FIGURA DE XELA ARIAS

Aquí vos deixamos algúns recursos para traballar na aula a figura de Xela Arias, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Iremos actualizando este apartado coas novidades que nos vaian chegando.

 *No primeiro enlace xa tedes colgadas as unidades didácticas de E.Infantil e Primaria elaboradas polo Seminario Galán. Nuns días tamén estará este material dispoñible na web do Seminario Galán.

O CEIP Frei Luís de Granada gravou esta presentación na que empregaron a técnica do croma que inclúe unha fermosa canción cun apegadizo retrouso. 

Yolanda Castaño fala de Xela Arias neste vídeo. Trátase dun resumo do libro publicado por Xerais e que  leva por título "Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias". Este libro xa o tedes na biblioteca do noso centro.

DÍA DA MULLER_2021

 

Desde o ano 1975, cada 8 de marzo, celébrase o Día Internacional da Muller. Naceu para mostrar as desigualdades entre homes e mulleres e reclamar unha sociedade máis xusta e igual. 

A orixe desta celebración está no século XIX, cando algunhas mulleres traballadoras comezaron a protestar contra as inxustizas que sufrían: non tiñan dereito ao voto, non podían xestionar os seus cartos, non se lles permitía estudar determinadas carreiras...

 

No noso colexio quixemos este curso render unha homenaxe ao traballo de todas as mulleres co mural colectivo que colocamos na entrada do centro, baixo o slogan "As mulleres moven o mundo".

Estes son outros traballos realizados en distintas aulas do centro:

   

  

        

SEMANA DA PRENSA_2021

A Semana da Prensa celebrouse por primeira vez en Galicia do 17 ao 21 de abril de 1989 co fin de integrar os medios de comunicación na aula. Desde entón, todos os anos conmemórase en marzo esta celebración.

Este curso pedimos un lote de xornais á Voz de Galicia que repartimos entre todas as titorías do centro, dado que este ano por mor da pandemia non puideron rotar os xornais polas aulas. Desde aquí queremos darlle as grazas a este xornal por colaborar de forma desinteresada connosco.

Durante a semana do 8 ao 12 de marzo realizáronse diferentes actividades arredor dos xornais no noso colexio: elaboración de "fake news" sobre medioambiente e saúde, análise dunha noticia, entrevistas...

   

   

  

    3º EP

   

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet