Normalización Lingüística

NA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS CONTAREMOS COA VISITA DA COMPAÑÍA DE TEATRO "GALEATRO"

Este curso 2019-20 poderemos gozar do espectáculo "O Gran Día", a cargo da compañía de teatro Galeatro, de Carballo. "O Gran Día" é a nova proposta de Galeatro para as Letras Galegas 2020 na que os contos, a interacción coas nenas e nenos e a diversión están aseguradas. Con esta obra de teatro queremos achegar a figura de Carballo Calero a todo o alumnado do noso colexio.

A actuación terá lugar no salón de actos do noso centro o 8 de maio de 2020, formando parte das actividades que organiza o EDLG con motivo das Letras Galegas. Realizaranse dous pases; un para o alumnado de E. Infantil e outro para o de E. Primaria. 

O Concello de Arzúa vén de concedernos unha subvención ao CEIP de Arzúa que nos permite financiar esta actividade. 

           

 

LECTURAS RECOMENDADAS PARA ESTE NADAL

O Equipo de Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega propóñenvos esta selección de lecturas para este Nadal. Desexamos que unha vez máis gocedes lendo!!

 

Na nosa Biblioteca podedes coller en préstamo algúns destes libros!!

ENCONTRO COA ESCRITORA PAULA CARBALLEIRA

Hoxe visitou a nosa biblioteca a escritora, actriz e contacontos Paula Carballeira,  con motivo da lectura do seu libro “A tartaruga Amodovou” por parte dos nenos e nenas de 1º e 2º de Educación Primaria. Paula faloulles sobre esta curta novela que ten como protagonista a unha valente tartaruga que se chama ” Amodovou “. Desde que aprendeu a camiñar, Amodovou soubo que quería percorrer o mundo, malia a que este é moi grande tamén é verdade que as tartarugas viven moitísimos anos para cumprir tan grande fazaña. Neste percorrido vaise atopando diferentes animaliños: paxaros, vagalumes, ata unha balea…A pesares das dificultades a tartaruga seguirá adiante cun sorriso na súa cara enrugada. As nenas e os nenos estiveron moi participativos nas diferentes propostas da narradora, fixéronlle preguntas, intercambiaron experiencias e ata cantaron xuntos. Foi un encontro moi gratificante no que escritora e lectores gozaron da complicidade de narrar e desfrutar unha mesma historia. Moitas grazas Paula. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

SESIÓN DE CONTACONTOS PARA EDUCACIÓN INFANTIL

Un grupo de voluntarios e voluntarias da Biblioteca escolar levaron a cabo esta semana unha actividade de “contacontos” para o alumnado de Educación Infantil. O libro escollido foi La Maleta, de Chris Naylor-Ballesteros. Esta obra trata sobre a amizade e a valentía dos que son capaces de acoller e aceptar aos que veñen de fóra.

Tanto os colaboradores da biblioteca  coma os nenos e nenas de Infantil gozaron moito desta actividade, que remataron cantando xuntos a favor dun mundo onde o que realmente importe sexa a bondade e o corazón das persoas máis que a súa raza, o seu aspecto físico ou a súa condición  social.

Aquí tedes unha mostra gráfica do que aconteceu na biblioteca do noso centro.

 

 

 

 

 

 

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER_25 NOVEMBRO

Co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a eliminación da violencia de xénero, no CEIP de Arzúa leváronse a cabo as seguintes actividades:

- Mural da entrada. Baixo o lema "Non te pares ante a violencia: Móvete!", o alumnado de 6º A preparou este mural que preside a entrada do colexio. 

- Mural colectivo, co título "Déixaa que baile!". A letra da canción de Melendi e Alejandro Sanz inspirounos para realizar estoutro mural que reivindica a liberdade da muller á hora de realizarse como tal. Escollemos algunhas frases significativas como:

  •  "Ela non é unha princesa delicada".
  •  "A ela nin ti nin ninguén lle para os pés".
  •  "Ela non é só o que ves".
  •  "Baila con ela nesta festa que é global".

- Traballo desta temática a partir de distintos contos, segundo a idade do alumnado. Seguimos así enriquecendo os fondos da nosa biblioteca. 

- Proxección de películas. Aproveitando o eixe vertebrador deste curso "Á volta ao cine en 274 días", estase a traballar con distintos filmes que fan referencia á temática da igualdade de xénero. 

Deixámosvos aquí o trailer de dúas das películas seleccionadas:

 

 

- Taller para traballar a igualdade en 5º E.P. David, un rapaz madrileño que pertence á "Asociación de Hombres por la Igualdad de Género" (AHIGE), axudou ao alumnado de 5º E.P a analizar os videoxogos. Despois de facer algunhas actividades, chegaron á conclusión de que os videoxogos inflúen no noso comportamento e contribúen a perpetuar as diferenzas entre os dous xéneros.

 

- Charla da garda civil, dirixida ao alumnado de 5º e 6º E.P. Nesta charla reflexionouse sobre as diferentes formas de exercer a violencia de xénero: física, psicolóxica ou sexual, e como podemos buscar a solución a este problema que afecta a toda a sociedade; a través da educación para a igualdade e liberándonos de moitos prexuízos.

  

DÍA DA INFANCIA_2019

No noso colexio traballamos esta semana os Dereitos da infancia, porque é importante que o noso alumnado tome conciencia dos seus dereitos e da importancia que estes teñen para o seu futuro.

Cada titoría, despois de repasalos todos, centrouse nun dos dereitos para ilustralo e colaborar no mural colectivo, que se colocou na entrada do centro.

Durante esta semana, tamén participamos nas actividades ofertadas polo Concello de Arzúa; unha serie de espectáculos dirixidos ás rapazas e rapaces de Infantil e Primaria.

Deste xeito, as nenas e nenos de E.Infantil foron ver o luns, 18 de novembro a obra "Gatuxo" de Magín Blanco.

O alumnado de 1º, 2º e 3º de E. Primaria foi o martes, 19 de novembro desfrutar do espectáculo "Umm!" de Teatro Avento.

E, os maiores do colexio foron ver a obra "Nómades" de Xarope Tulú.

Grazas por contar un ano máis connosco!!

O NOSO MAGOSTO

Este mes de novembro fixemos actividades que xiraron arredor das castañas. O alumnado de 3º E.P foi o encargado de anunciar a celebración do Magosto e a do Samaín cun fermoso mural, que se colocou na entrada do colexio.

Aprendemos refráns, cantigas e adiviñas, que están moi arraigadas na nosa terra!! Os maiores traballaron poemas sobre esta temática. Aquí vos deixamos un moi fermoso de Manuel María, que aparece nos seu libro "Os soños da gaiola".

Decoramos tetrabriks, vasos, bolsas... con motivos alusivos ao cine, para recoller as castañas asadas. E o 8 de novembro xuntámonos todos e todas no patio para degustalas.

  

  

Non puidemos gozar dos tradicionais xogos que facemos sempre o día do Magosto porque o tempo non o permitiu, pero haberá outro momento para desfrutalos ao longo deste curso!!

 

TEMPO DE SAMAÍN

Un ano máis, o CEIP de Arzúa, celebra o Samaín realizando unha morea de actividades para dar a coñecer esta festa, que representa a época do ano en que os antigos celtas gardaban as provisións para o inverno e sacrificaban animais. Remataba o tempo das colleitas e tocaba prepararse para a chegada do frío. 

Os corredores do centro enchéronse de cabazas  e vasoiras decoradas con motivos relacionados co cinema, a temática deste curso, e a biblioteca preparou o seu recuncho de lecturas de medo.

        

 

   

          

 O alumnado de E. Infantil fixo moitas manualidades relacionadas co Samaín e desfrutaron onte dunha xornada moi especial. 

    

       

Pero tamén houbo momentos para gozar do cinema e ata unha bruxa visitou aos máis pequenos e pequenas do cole!!

   

Os maiores tamén viron curtametraxes de medo que lles serviron para traballar a expresión oral e escrita e os de 6ºE.P prepararon PowerPoints, onde intentaron resumir o máis importante desta festa celta. 

 Deixámosvos un PowerPoint realizado polo alumnado de 6ºE.P. Esperamos que vos axude a entender un pouco mellor o Samaín.  

Preme aquí

 

Ti por que razón les?

Os equipos de Actividades Extraescolares, Dinamización Lingüística e Biblioteca, con motivo tamén da celebración do Días das Bibliotecas Escolares propuxemos unha actividade á que chamamos "Ti, por que razón les?".

 

Nesta proposta colaborou todo o cole, e entre as motivacións que argumentaron os nosos nenos e nenas polas que a lectura é importante nas nosas vidas saíron as seguintes:

     
     
     

 

Así que xa sabes: a lectura é esencial, por iso é algo que temos que alimentar ao longo da nosa vida. O noso alumnado teno claro.

 

Sesión de animación á lectura con Erica González

Con motivo da conmemoración do Día das Bibliotecas escolares esta semana visitou a nosa biblioteca a actriz e contacontos Erica González. Erica converteu a nosa biblioteca, por unhas horas, nunha selva na que soñou e imaxinou que ocorrían moitas historias.

A raíña foi a serpe “Manchitas” que conquistou o corazón dos nosos pequenos e pequenas.

 

Pero foron moitos os animaliños que protagonizaron os contos de Erica, e que nos ensinaron valores aos humanos: o dragón Zog, por exemplo amousounos que coa amizade e a igualdade se pode conseguir un mundo mellor. Un pequeno rato, que tamén vivía nesta selva imaxinaria, ensinounos que o tamaño non é o máis importante, senón as gañas de facer as cousas e o empeño que poñamos para conseguilas.

Tamén rimos moitos coa xirafa Marcelina, que non sabía nada de cociña pero quería facerlle unha gran cea que lle gustase a súa sobriña. Que desastre de cociña!

 

 

Aos máis maiores Erica lembroulles o importante que é abrir as mentes á imaxinación nun mundo tan dixitalizado e sobreinformado. Para iso botou man dun conto no que o protagonista, Karín, soñador e valente, que vivía nun país devastado polas guerras, soñaba con ver cebras. Pois ben, o bo corazón dos seus amigos conseguirá facer realidade os desexos deste rapaz.

Tamén lle botaron imaxinación para ver ao flamengo Renato Nicanor bailando flamenco. Foi moi divetido descubrir, grazas a esta simpática ave, que nada é imposible para un corazón disposto. Todo esforzo ten a súa recompensa.

A nosa polifacética narradora animounos a cantar a historia do namoramento dunha pulga e un piollo, acompañada de dúas culleres e dos coros deste magnífico auditorio.

 

Para rematar endulzounos a sesión cun rico “pastel para inimigos” que nos descubriu que o noso primeiro inimigo se pode converter no noso primeiro amigo.

 

 

Grazas Erica por estas divertidas leccións de valores e por amosarnos, unha vez máis, que os libros e a lectura espertan a nosa imaxinación e enriquecen o noso corazón, e a nosa mente. Grazas.

Powered by Drupal - Design by artinet