Normalización Lingüística

DE CONTOS CON ERICA GONZÁLEZ

Para conmemorar o Día das Bibliotecas, este curso puxémonos en contacto coa actriz e contacontos Erica González. 

Hoxe, 4 de novembro, visitou a nosa biblioteca e grazas a ela o noso alumnado puido desfrutar dunha sesión de animación á lectura. 

A través dun mar en calma, Erica foi narrando historias que nos atraparon e que calaron nos nosos corazóns. Cun conto explicounos a importancia de aceptarse e sentirse "guapas e guapos" para que os demais aprecien a nosa beleza. Con outro, díxonos os ingredientes para ser felices: a familia, a ilusión, a harmonía e a saúde e comentou que se algún deles nos falta nun momento determinado, podemos intentar cociñar a felicidade cos ingredientes que nos quedan. Tamén co flamengo Renato Nicanor descubrimos que nada é imposible para un corazón disposto porque todo esforzo ten a súa recompensa. Estes e outros relatos foron os integrantes dunha xornada chea de fantasía e ilusión que, de seguro, quedará gravada na nosa memoria. 

Grazas Erica por compartir estas divertidas historias connosco e por amosarnos, unha vez máis, que a través dos libros podemos viaxar e aprender moitas leccións e valores. 

 

 

  

   

SAMAÍN

O Samaín é unha festa chea de maxia e misterio. A noite do 31 de outubro facíase unha celebración moi especial que, de feito, constituía a festa celta máis importante: era o comezo do Ano Novo Celta.

Conmemoraba o tránsito da luz (verán) á escuridade (inverno), un momento máxico no que, por unha soa noite, quedaban abertas as ventás do máis alá, o cal era aproveitado polas almas dos difuntos para visitar o mundo dos vivos.

Ademais de traballar e aprender máis cousas sobre esta festividade, decoramos as nosas aulas así de terroríficas!

 

  

 

RECURSOS PARA TRABALLAR O MAGOSTO NAS AULAS

Botádelle unha ollada a estes recursos que poden resultar interesantes:

- Compilación de crenzas e supersticións, cantigas, adiviñas, refráns, poemas e suxestións gastronómicas.

https://en.calameo.com/read/004018423bf5c49b1729b

- Unidades didácticas para traballar o Magosto. Preme aquí.

- Páxina web cunha selección de xogos ancestrais da nosa cultura ou acervo familiar, para xogar no interior ou no exterior e que aposta polas tecnoloxías dixitais para preservar, desenvolver e gañar públicos para a cultura e a lingua galegas.

http://xogostradicionais.consellodacultura.gal/

 

 

RECURSOS PARA TRABALLAR O SAMAÍN NAS AULAS

Deixámosvos aquí diferentes recursos para achegarnos á festividade do Samaín:

- Unidade didáctica do Samaín. Preme aquí para visualizala.

- Contos de medo do Samaín. PREME AQUÍ

- Xogo para aprender curiosidades do Samaín en formato Genially:

https://view.genial.ly/61575c7175267b0e312bca8e

- Vídeo do Samaín:

 

A orixe  da nosa lingua guapa: Unha meiga, unha profesora e un grupo de nenas e nenos protagonizan a primeira película de ficción da Real Academia Galega, baseada en feitos abraiantes pero reais como a vida mesma. Non perdades esta fascinante historia do nacemento dun idioma especial coma ningún outro, porque sodes vós as persoas que tendes o superpoder de seguir a darlle mil primaveras máis de vida. Só tendes que berrar e practicar este retrouso máxico: Nós, en galego! A nosa lingua guapa! 

 

LETRAS GALEGAS_2022

Neste mes de maio, ademais de traer diferentes espectáculos ao noso colexio para festexar as Letras Galegas, tamén fixemos moitas actividades desde o propio centro. 

Este é o mural colectivo que montamos na planta baixa, no que aparecen tres caricaturas de Florencio Delgado Gurriarán, realizadas polo alumnado de 4º, 5º e 6º EP, e un marcapáxinas representando a cada titoría. 

 

Estes son algúns dos traballos que se fixeron nas distintas aulas do colexio.

  

 

TEATRO GHAZAFELHOS TRAE A OBRA "A MÁQUINA DO TEMPO" ANO NOSO CENTRO

O venres, 13 de maio a compañía de teatro Ghazafelhos trouxo ao noso centro a súa obra "A máquina do tempo"; unha peza de teatro que ilustra dun xeito ameno e pedagóxico a historia das civilizacións. Coa axuda dunha curiosa escenografía, Pepablo Patinho e Montse Piñón, fixeron un percorrido pola historia a través de dúas chamativas personaxes: a doutora Mon e o seu axudante Pe. Durante o espectáculo solicitaron a axuda dos nenos e nenas para viaxar xunto coa doutora e o seu axudante a distintas épocas da nosa historia. Con esta peza teatral vivimos unha aventura educativa a partir do humor e botamos unha boas risadas. 

Fixéronse dous pases para que puidera asistir todo o alumnado de Primaria a esta representación teatral.

   

  

    

   

  

Este espectáculo foi financiado polo Concello de Arzúa.

 

ESPECTÁCULO DE NARRACIÓN ORAL PARA EDUCACIÓN INFANTIL

Dentro das actividades organizadas polo Equipo de Dinamización Lingúística con motivo da semana das Letras Galegas, hoxe o alumnado de E. Infantil acudiu ao salón de actos do noso colexio para ver "Estrafalaria". Trátase dun espectáculo que combina a  narración oral coa manipulación de obxectos. Os personaxes que interveñen na historia caracterízanse pola súa peculiaridade e levan a diferenza como bandeira.

   

  

Esta actividade foi financiada polo Concello de Arzúa.

CONTACONTOS ILUSTRADO BASEADO NA BIOGRAFÍA DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Para celebrar o Día das Letras Galegas, trouxemos o grupo de Polo Correo do Vento ano noso centro. Fixeron unha actividade de contacontos ilustrado baseado na biografía de Florencio Delgado Gurriarán, editada por este colectivo, coa que xa estamos traballando no colexio. 

Primeiro, narráronnos oralmente a historia, sempre dando pinceladas da obra e vida do autor e, despois, fixeron un obradoiro de debuxo no que todo o alumnado de 4º, 5º e 6º de E. Primaria realizou, seguindo as súas indicacións, unha caricatura do poeta nado en Córgomo. 

Foi unha actividade que gozou de moi boa acollida entre os nenos e nenas que asistiron á mesma.

  

  

  

 

 

CONTOS SOLIDARIOS CON ANXO MOURE

Nesta semana do Día do Libro, estamos facendo diferentes actividades no noso centro. Hoxe visitounos Anxo Moure para facernos partícipes do seu proxecto "Contos solidarios"; unha proposta na que as nenas e os nenos son os protagonistas. Anxo relatounos un conxunto de historias que amosan a solidariedade entre as persoas e coa natureza. O cociñeiro intercultural Mourehammed Quechua viaxou ata o noso colexio para cociñar uns contos, que levaron ás nenas e ós nenos ate as diferentes culturas do mundo, protagonizados por uns monicreques tecidos por cooperativas do comercio xusto na India, Guatemala e Galicia. As nenas e os nenos aprenderon a plantar as árbores da paz, a dicir non aos insultos fomentando a tolerancia e o respecto. Cunha singular Pazdeireta cantaron e contaron unha cantiga para fomentar a non violencia. 

Estas fotografías recollen a sesión que se fixo co alumnado de 3 anos e co de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de E. Primaria. Fixéronse en total cinco sesións para que todas as nenas e nenos do colexio puideran gozar con estas historias narradas polo contacontos Anxo Moure. 

    

  

  

Powered by Drupal - Design by artinet