Aclaración importante sobre doazóns

Ante as noticias aparecidas nas últimas horas nalgunha rede social, a dirección do IES Río Cabe informa de que no instituto NON se reciben doazóns para Ucraína. Desexamos ademais manifestar a nosa solidariedade coa población ucraína que está sufrindo a guerra.

 

Festival de Entroido

Este venres 25 de febreiro celebramos no Río Cabe un divertido e esperado entroido que fixo bailar e desfrutar  a pequenos e maiores. 

A temática elixida para desfrazarnos todos foi o mundo hippy, e Flor, encargada da biblioteca e Anxo, xefe do departamento de debuxo, ocupáronse  da decoración e ambientación.  

Cada grupo preparou unha coreografía que bailou no xardín do centro nas horas de despois do recreo. Tamén os profesores e profesoras se animaron con outro baile. A todos eles, alumnos e profes,  moitas grazas e felicitacións!!

Rematamos cun postre tradicional (orellas) e co prato forte do instituto: a actuación do grupo “Os caralludos do Río Cabe”, con Xurxo á cabeza,  as alumnas Ariadna e Ximena e ex-alumnos Antón e Adrián, a quenes, una vez máis, agradecemos de corazón a súa participación e magnífica actuación. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Se queres ver máis, visita a nosa galería de fotos.

 

 

Simulacro ABAU

Na próxima semana, os días 3 e 4 de marzo, por terceiro ano consecutivo, realizaremos un simulacro de ABAU dacordo ao seguinte horario.

Dende o centro animamos ao alumnado de 2º Bacharelato diúrno e nocturno a participar.

                                                 

 

Visita ao Centro Oleiro Rectoral de Gundivós

Este luns 21 de febreiro, os alumnos/as de 3ºESO desprazáronse ata a parroquia de Santiago de Gundivós, no concello de Sober, para coñecer de primeira man por que a esta parroquia se lle chama “terra de cacharreiros”. Esta visita (que realizamos en dúas quendas: un grupo pola mañá e outro pola tarde) é unha nova actividade que se enmarca no Plan Proxecta Patrimonio Etnográfico da Ribeira Sacra, no que os noso alumnado está a traballar.

Desprazámonos ata Gundivós cun claro obxectivo: coñecer as características tan peculiares da súa olería e que fan que as pezas que alí se elaboran sexan únicas. A nosa curiosidade pronto tivo reposta. E nisto moito lle temos que agradecer a Elías González, un rapaz novo que no seu día arriscou e apostou por seguir coa tradición na elaboración dos cacharros ata converter a súa Rectoral nun centro de referencia da olería tradicional. Elías explicounos de onde provén o barro que usa para elaborar as pezas (das chamadas “veigas”), a técnica que utiliza (torno baixo ou lento), como se elaboran as pezas, en que consiste o método de churros (especial en Gundivós), os distintos tipos de cacharros (desde as pezas de bodega como os xarros, ámboas ou escurrecubas, ata outras como os meleiros, chocolateiras, braseiros, boleiros, barreñóns, sacaleites, etc); cal é a súa decoración típica (bigotes, bincos, liñas discontinuas, rectas ou en forma de ondas), as distintas partes dun xarro (orellas, barriga, biqueira), o combustible empregado para cocer os cacharros no forno (a carqueixa), como se lle dá esa cor negra opaca por fóra e brillante por dentro tan característica (queimando a peza e botándolle resina ou pez no interior), etc.

 A verdade é que foi unha visita do máis produtiva: aprendemos e pasámolo moi ben. E iso sempre é bo. Agradecemos a Elías González a súa paciencia e explicacións. Grazas a el coñecemos un pouquiño máis o patrimonio tan rico que temos na nosa contorna.  

Xornada sobre Dereitos Humanos

O alumnos de 1º de  Bac asistiron a unha xornada sobre a nova lei 8/2021 sobre persoas con discapacidade , vixente dende setembro de 2021,para acercar os alumnos-as á extensión de dereitos humanos. Os altofalantes foron as personalidades xudiciais de Monforte de Lemos: o notario, o fiscal, a xuíza do xulgado de Monforte, e a avogada e profesora da UNED , Mª José González.

A nova lei é unha autentica revolución, que rompe coa tradición que arranca do s. XVIII, onde “os capaces” tutelaban e limitan a liberdade e a dignidade das persoas afectadas, ás veces ocultando intereses espureos  . A nova lei adecúa as leis españolas  á Convención Internacional sobre dereitos das persoas con discapacidade de Nova Iorque de 2006. A nova lei fundaméntase no respecto á dignidade, á liberdade e á vontade da persoa , ela toma as decisións e  nunca perde os seus dereitos, desaparecendo o término e proceso xurídico de “incapacidade legal”.

Desaparecen a tutela e a patria potestade sobre os maiores de idade,e a prodigalidade ( que familiares ou titores, en defensa de seus interese persoais,  denuncien que o pródigo malgasta o seu caudal con lixeireza, impedíndolle  gastar o seu patrimonio en liberdade e impoñéndolle curatela  xudicial ou que o mesmo veto).

As novas figuras xurídicas son a curatela ( asistencial, ou excepcional de representación) para ámbitos  determinados, (médicos, asuntos bancarios, asistenciais...) , o defensor xudicial ( en caso de conflito entre a persoa e  quen lle axuda), o gardador de feito,a prioridade das medidas voluntarias que a persoa pode  solicitar con anticipación  (ex:  ó principio da súa enfermidade de alzheimer) , a revisión periódicas por xuíces  das medidas de apoio no prazo máximo de 3 anos.

Tamén se informou que o cidadán se poderá dirixir a fiscalía para solicitar os apoios necesarios para desfrute dos seus dereitos en apoio as súa discapacidade.

Así mesmo os xuíces españois terán un prazo máximo de 3 anos para revisar todos as sentencias de incapacidade xurídica anteriores a setembro de 2021.

 

 

 

XIII Olimpíada de Xeoloxía

O mércores 16 de febrero, celebrouse a XIII Fase Galega da Olimpíada de Xeoloxía, actividade convocada pola AEPECTGALICIA (Asociación Española para la Enseñanza da Ciencias de la Tierra), na que participaron, por terceiro ano consecutivo, 12 alumn@s de 1º Bacharelato do noso centro, o  IES Río Cabe.

A Facultad de Ciencias del campus de Ourense foi a sede provincial do certame para os centros de Ourense, e do noso por proximidade a Ourense.

As actividades propias do certame desenvolvéronse entre as 10:30 e as 16:00 h,  e consistiron: nunha primeira proba práctica Xincana por equipos, nos corredores da facultade e no exterior da mesma, e despois dun pequeno receso para xantar, unha segunda proba teórica individual con 40 preguntas tipo test.

Unha vez rematadas as probas, os estudantes puideron desfrutar dunha visita guiada polo xeólogo Eduardo Clavijo, ao Museo Olería de Niñodaguia, situado a 30 km da cidade.

Xa de volta na Facultade, ás 18:15 h tivo lugar a clausura da Olimpíada por parte da vicerreitora do Campus de Ourense, María Esther de Blas Varela e entrega de premios aos gañadores da mesma

Os nosos alumn@s, que estiveron acompañados por Rocío e Pablo, profesores do centro, tiveron a oportunidade de compartir un día único con outros estudantes cun interés común pola ciencia, e concretamente pola Xeoloxía.

Aínda que non conseguisen acadar o pase para representar a nosa comunidade na Fase Nacional, que este ano terá lugar en Almería, desfrutaron dun día que, de seguro, lles quedará gravado nas súas retinas durante moito tempo.


 

                                    Parabéns, rapaces!!!

Convocatoria de cursos de lingua galega

Infórmase da convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

O prazo de presentación das solicitudes de inscrición será de 15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se queres saber máis preme o seguinte enlace:

                                          Resolución 26 xaneiro 22 (DOG 14 febreiro)

 

Balbordo con Susana Sánchez Aríns

A autora arousá  Susana Sánchez Aríns  acompañounos  na máis recente reunión do club de lectura Balbordo, que tivo lugar hai uns días na biblioteca do Río Cabe. A novelista e poeta falou da súa obra "Seica", traducida ó castelán como "Dicen" e ó inglés "And they say", na que conta a historia dos seus avós en tempos da represión franquista, e pola que obtivo o Premio ó  mellor libro de Ficción 2019, pola Asociación de librarías de Madrid.

 

“Seica” narra feitos reais nunha rede de voces acaladas  durante xeracións; non foi escrito dende a reflexión política senón dende a xusticia poética, é o relato contemporáneo da posguerra española, no que se poden ver reflectidas moitas outras familias galegas.

 

 

Agradecemos a Susana a súa presenza desinteresada así como a xornada que pasamos con ela e felicitámola polos seus éxitos presentes e os que, sen dúbida, lle esperan. 

Cazando petróglifos

Na primeira semana de febreiro, Begoña G. Aguiar visitou a aula de Turismo para achegarnos ao mundo dos petróglifos do suroeste de Lugo, tema sobre o que versou a súa tese doutoral.

A disertación tivo continuación nunha saída de campo polo Concello de Sober na que visitamos os gravados rupestres da Pena do Xestal en Proendos, os da Paxota na parroquia de Bolmente e os da Pena do Lagarto na parroquia de Pinol. 

Resultou unha experiencia moi interesante pola calidade dos recursos e polo ben facer da guía oficial de Turismo e doutora en historia, Begoña G.

Entrevista a Obdulia Rodríguez,"Lula", referente da olería de Gundivós

O martes 2 de febreiro pola tarde, unha representación do alumnado de 3º ESO (Alejandro de 3ºA e Paula, Sabela e Gabriela de 3ºB) xunto con dúas das súas profesoras, desprazáronse ata a casa de Obdulia Rodríguez (máis coñecida como Lula), oleira xa xubilada de Gundivós, para facerlle unha entrevista. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do Plan Proxecta “Patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra” que neste curso estuda a olería no concello de Sober, centrándonos na parroquia de Gundivós, na que Lula desempeñou un papel fundamental.

Lula recibiunos na entrada da súa casa onde ten un auténtico museo no que garda, en estantes e moi ben colocadiñas, gran variedade de pezas das que ela elaboraba. Explicounos como se chamaba cada unha delas e para que se usaban (dende o meleiro, a chocolateira, o xarro “abuelo”, o boleiro, maceteiros, escorrecubas, olas para mazar o leite, para traer auga, ámboas para o viño, etc.), onde ían buscar o barro xa que en Gundivós non había, como o traían en carros, o duro que era o traballo de oleiro, como funcionaba o torno baixo, etc. Explicounos tamén un pouquiño da súa vida: que tiña 12 anos cando empezou a traballar o barro, que lle ensinou unha tía súa o oficio cando esta casou, que estivo emigrada uns anos en Suíza e ao volver retomou o oficio, etc. Ao final da entrevista Alejandro preguntoulle: “se se puidera viaxar ao pasado, volvería elixir esta profesión?”. Sen dubidar nin un segundo contestou cun rotundo “si”, e iso a pesar da dureza do traballo de oleiro na súa época!

Moito foi o que aprendemos con esta actividade, e sobre todo tivemos o pracer de coñecer e entrevistar a unha muller forte, emprendedora, traballadora, decidida, amante da súa profesión,  que aos seus case 95 anos segue tendo as ideas moi moi claras. A mágoa foi non poder realizar esta actividade con todos os alumnos/as de 3º ESO, pero as circunstancias (a pandemia, a idade de Lula) non no lo permitiron.
Agradecemos a Lula e a Chelo, súa sobriña, o cariño co que nos recibiron na súa casa e todas as explicacións que nos deron. Tamén agradecemos a participación dos nosos alumnos reporteiros Alejandro, Sabela, Paula e Gabriela que, en representación dos seus compañeiros, pasaron unha tarde distinta… pero seguro que moi proveitosa.Sorriso

Distribuir contido