Viaxe de fin de etapa da ESO

Este pasado martes tivo lugar a reunión coas familias para dar a coñecer e ultimar os detalles finais da viaxe de fin de etapa da ESO. Agradecemos a colaboración das familias e a organización por parte do grupo de profesoras implicadas na actividade, comezando por Ana, a responsable de Actividades Extraescolares e Complementares.

París agarda polo alumnado de 4º ESO entre o 31 de marzo e o 4 de abril. Xa falta menos!!!

Encontro co novelista Fernando Lalana

Na tarde de hoxe, martes 5 de marzo, o alumnado de 3º ESO participou nun coloquio co escritor Fernando Lalana, que mantivo unha charla entretida e interesante sobre a novela 13 perros a partir das preguntas que lle foron formulando os rapaces e as rapazas. 

A obra é unha novela de detectives que desenvolve con grandes doses de humor unha brillante homenaxe ao cinema negro e ás novelas de espías. Nela, o tenente Felipe Manley, do Centro Nacional de Intelixencia, acaba de descubrir que o satélite europeo Meteosat está en perigo. A esta investigación súmase outra historia protagonizada por Elvira Ballesteros, unha maestra en paro que acaba de obter o diploma de detective privada e se enfronta, coa axuda do seu fillo Félix, ao seu primeiro caso: a desaparición dun galgo persa. Que relación podería ter o can desaparecido co caso internacional que segue o tenente?

A actividade foi posible grazas á organización das profesoras do Departamento de Lingua Castelá e a Editorial Bambú.

Torneo de Xadrez de Primavera

Chega a primavera e coa nova estación un novo Torneo de Xadrez, que se desenvolverá os vindeiros xoves 7, 14 e 21 de marzo durante os dous recreos de cada día na Biblioteca. 

 

Lembrade que podedes pearticipar todos os alumnos e alumnas interesados malia que non esteades inscritos nas clases de xadrez que imparte o profesor Roberto. 

 

Animádevos e anotádevos na Biblioteca!

 

Tamén se fala da Estrada no MillaFALAdoiro

A campaña Aquí Tamén se Fala que se desenvolve no noso centro e en máis de 180 centros de ensino de toda Galicia chegou á radio escolar do IES do Milladoiro (Ames), o MillaFALAdoiro. Os alumnos e Brais Tato Mejuto e Pedro Souto Riveira e o profesor Román foron entrevistados por Diego Madarnás, un rapaz deste centro amesán que conta cunha sección propia, as Entrevistas con Diego, que vos animamos a escoitar. Grazas a Diego e aos técnicos Erik e Mario, así como oa profesorado coordinador da radio, Valentina Formoso e Manolo Maseda, por contar connosco para afirmar unha vez máis que #aquítaménsefala e moito!

Sortie au théâtre en français: Les trois mousquetaires

O pasado 26 de febreiro o alumnado de Lingua Francesa de 3º e 4º ESO asistiu á representación teatral de Les trois mousquetaires, que tivo lugar no paraninfo do Colexio La Salle de Santiago de Compostela. Este texto clásico de Alexandre Dumas foi adaptado e representado pola compañía BHM Producciones – La Bohème e a saída foi organizada polo Departamento de Francés do noso centro coa finalidade de permitirlle o alumnado coñecer e gozar, a través do teatro, de obras de autores franceses e practicar e motivar a aprendizaxe do idioma. 

Prazo de admisión para o novo alumnado (Curso 2024-25)

Todo o alumnado procedente de centros educativos non adscritos que desexe estudar o próximo curso no IES Nº1 deberá presentar solicitude de admisión.

Prazo de presentación: do 1 ao 20 de marzo, ambos incluídos.

Na secretaría do centro deberán presentar a seguinte documentación:

Admisión de alumnado para o 2024-25

O IES Nº1 comunica que todos os alumnos e alumnas procedentes dos centros adscritos foron admitidos.

Teñen, por tanto, a praza asegurada; deberán realizar a matrícula nas datas indicadas no calendario que publicaremos no mes de xuño.

A listaxe está exposta no taboleiro de anuncios do Centro, por se quixeren consultala.

"O espello de Claude", fotografía e identidade na adolescencia

23-24 O espello de Claude

O proxecto "O espello de Claude" regresou ao noso centro da man do fotógrafo e psicólogo Fuco Reyes e grazas ao patrocinio de //Afundación. Obra Social ABANCA. Nos últimos meses o alumnado de 3º e 4º ESO da materia de Educación Plástica traballou neste laboratorio de fotografía e identidade para adolescentes que procura ver a través do obxectivo da cámara diferentes aspectos clave desta etapa de transición como a construción da identidade, a autoimaxe, a autoestima, a xestión das emocións e a motivación. 

O proxecto articúlase en dúas partes, as sesións de traballo co grupo na que se expoñen os diferentes temas e se visualizan imaxes propias e de autores e autoras recoñecidas; e o desenvolvemento dun pequeno proxecto artístico que permita plasmar como sente e pensa a adolescencia en relación a temas que lle son importantes.

Abrimos as fiestras no día grande de Rosalía de Castro

A colaboración de Pablo García Villamor e Desirée Vidal Godoy nun novo especial do programa Recuncho da Lingua, que coordina Pilar Bernárdez en Radio Estrada, puxo o ramo á celebración do Día de Rosalía 2024 no noso centro. Pablo e Desirée achegáronse á obra da poeta interpretando as cartas nas que ela e mais o seu home, Manuel Murguía, conversaron arredor da creación poética e o proxecto ao que dedicaron boa parte das súas vidas: a dignificación da lingua e a cultura galegas. Podedes escoitalos a partir do minuto 29. No programa tamén participaron alumnos e alumnas dos Colexios Pérez Viondi, O Foxo e Cabada Vázquez. 

Viva o noso alumnado!!!

Atención, señores, digan todos á miña voz, vivan os entroidos de Santa María de Couso cos seus correos, xenerais, coros e directores que os mandan e dirixen!
VIVA!
Viva a xente que nos rodea e mira!
VIVA!
Viva a nosa unión!
VIVA!
Atención, señores, digan todos á miña voz, Viva o IES N1 da Estrada cos seus alumnos, profesores e equipo directivo que manda e dirixe!
VIVA!
Viva a xente que nos rodea e mira!
VIVA!
Viva a nosa unión!
VIVA!
 

Na frente unha estrela, no bico un cantar

Roteiro Rosalía 23-24

Así foi o Festival do Entroido 2024

23-24 Entroido

Un ano máis, o espírito do entroido invadiu o noso centro grazas á implicación de toda a comunidade educativa. Os disfraces, a imaxinación, a creatividade e o bo humor voltaron ás aulas e aos corredores durante as últimas semanas, nas que os diferentes grupos estiveron preparando as súas actuacións nas Titorías. E este venres pasado, 9 de febreiro, baixo a coordinación da profesora Ana Mesego e o alumnado de 4º ESO, eclosionou a festa, que tivo o seu momento máis especial no festival, no que os grupos presentaron os seus números. 

Houbo coreografías, crítica de temas de actualidade, representación de historias de sempre e fantasías, con Pablo, Iria e Carla como presentadores con moito oficio, con Hugo e compañía na parte técnica e cun xurado de profesores/as que o tivo moi difícil para resolver a difícil papeleta de elixir os mellores números do festival. 

O importante era participar e reecontrarse de forma festiva máis é de xustiza recoñecer que "O consultorio de Charo e Chari" (4º ESO A) e "Wonka" (1º ESO B) brillaron con luz propia e gañaron, ex aequo, o concurso. 

Os nosos parabéns e o agradecemento a todos e todas as participantes e até o ano que vén. Que viva o entroido!

Longa vida ao Entroido de Couso!

2024 02 11 Entroido Pontevea

Despois de 8 anos sen se celebrar, a parroquia de Couso recuperou o seu entroido tradicional. Os Encontros de Correos e Xenerais, o Coro dos Bonitos e mais o Coro dos Vellos e a danza típica do Entroido do Ulla recuperada pola asociación O Rexionalista luciron en todo o seu esplendor e cobraron toda o seu sentido no contexto onde teñen razón de ser: o entroido córrese na aldea para a aldea. 

A chuvia non desanimou os veciños e as veciñas e a comitiva percorreu as aldeas de Sequeiró, Castro, Maíndo, Couso, Barco, Fontenlo e o Souto de Vea cunha parroquia volcada na súa festa. As músicas, os vivas, as coplas entre uns e outros, a retranca nunhas regueifas que cantaron ao Festival As Nosas Músicas, ao empoderamento das mulleres ou a esa teima urbanita de querer levar o entroido rural ás vilas e ás cidades descontextualizando totalmente a festa: "Couso baila mentres o Concello chora" sentenciaba o retrouso das charangas.  

Nas ondas con Pedro Souto Riveira

Pedro Souto Riveira, alumno de 4º ESO, participou hoxe no programa nº 408 (07-02-2024) do Proxecto Neo, unha experiencia radiofónica veterana e recoñecida do IES Perdouro de Burela. A partir do minuto 48, o Pedro falou das súas paixóns e experiencias en proxectos educativos e locais. 

Houbo tempo para dar a coñecer o Praíña Sp. C, do clube e mais del mesmo como xogador; divulgar a tradición dos Xenerais da Ulla, especialmente do Entroido de Couso; e comentar a súa implicación en iniciativas audiovisuais e na campaña Aquí tamén se fala do IES Nº 1. Falou Pedro e falou ben!

Estamos moi agradecid@s a Bernardo Penabade e Vanesa Vila-Verde por convidarnos a participar neste proxecto referente da radio escolar e o diálogo intercultural. Foi un pracer! Convidámosvos a escoitalo!!!

Contos, debuxos, contos e xogos para festexar o Día de Castelao

23-24 Día de Castelao (30-01-24)

O noso centro festexou o aniversario do nacemento de Castelao este pasado martes 30 de xaneiro. Médico de formación, destacou como escritor, debuxante, activista cultural e político. Fundador e deputado do Partido Galeguista, foi un dos pais do Estatuto de Autonomía de 1936 e é considerado a figura máis importante do século XX en Galicia.

Pola mañá, a Biblioteca acolleu unha actividade de divulgación da súa biografía e da súa obra, con especial protagonismo para a relación que Castelao tivo coa Estrada. Roque, Celia e Paula, de 1º ESO, demostraron coñecer moi ben o rianxeiro e levaron cadanseu regalo simbólico de mans da directora.

Xa pola tarde, os mozos e as mozas de 1º ESO dramatizaron para todo o alumnado dous relatos do libro Retrincos (1934), "O Rifante" e "O retrato", ás que lle souberon dar vida. Noraboa!

Historias, poesía e meigas

23-24 Club de Lectura O neno do pixama a raias (09-02-24)

O pasado 9 de xaneiro reuníronse unha vez máis os clubs de lectura do noso centro para poñer en común as lecturas que fixeron nas vacacións de nadal. Por unha banda, co Día escolar pola Non-Violencia e a Paz moi próximo (30 de xaneiro), os máis novos traballaron a novela O neno do pixama a raias baixo a coordinación da profesora Rosario. O best-seller de John Boyne relata a historia de Bruno e Shmuel, dous nenos entre os que vai xurdir a amizade nas moitas tardes que pasan falando, xogando e comentando o estilo de vida de cada un a ambos lados dun arame que separa dous mundos que non chegan a comprender ben. Nun mundo no que aínda persisten moitos arames e as guerras non cesan, o alumnado imaxinou como pode ser vivir entre valos e tamén puxo imaxes á historia de Bruno e Shmuel visualizando varios fragmentos da película homónima. 

Paixón pola profesión

 

O pasado xoves día 18 de xaneiro, estivo no noso centro Uxía Rodríguez Nebra, unha moza estradense que trasladou ao noso alumnado a paixón polos seus estudos e profesión; a mecánica. Todo un referente, non só por romper barreiras nun mundo eminentemente masculino, senón tamén por trasladar valores como o esforzo e a perseveranza, e expresar emocións reais e sen filtros, pouco comúns no mundo virtual ao que todos estamos expostos na actualidade.

Agradecemos moito a Uxía a súa visita e desexamóslle moitos éxitos!

O Proxecto Neo conecta A Estrada e Burela

O noso centro estivo presente na emisión nº 406 (31-01-2024) do programa radiofónico do Proxecto Neo, unha iniciativa educativa nacida  hai 12 anos no seo do Modelo Burela como proxecto de innovación educativa do IES Perdouro. Este programa de diálogo intercultural está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde e pódese escoitar en calquera lugar do mundo a través da radio á carta ou das emisoras Radio Foz e Radio Valadouro na Mariña, Cuac FM na Coruña, Radio Filispín en Ferrol, A Xente de Teo en Compostela e Radio Piratona en Vigo 

Plan Director para a mellora da convivencia e seguridade

 

Nestas últimas semanas desenvolveuse no noso centro o Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e na súa contorna, desenvolvido pola Secretaría de Estado de Seguridade e impartido por profesionais expertos da Garda Civil.

O alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO asistiu a charlas sobre acoso escolar, ciberseguridade, violencia sobre a muller ou adiccións, temáticas necesarias para contribuír á protección dos adolescentes e o seu dereito á seguridade persoal. 

Xogar para aprender

CP INCLÚE 23/24

No marco do Programa CPInclúe organizamos esta actividade coa axuda de Chafarís Compostela, que utlizou o xogo de mesa como recurso educativo e de mellora do coñecemento e cohesión entre o alumnado.

Os nenos e nas de 1º e 2º da ESO, divirtíronse e aprenderon con xogos como "connecto", "sospeitosos inusuais", "mente vacina", etc. Estes e outros moitos forman parte dun banco de recursos que pretende dar alternativas para os tempos de lecer do alumnado do noso IES, complementando así a oferta de actividades do noso centro.

Grazas a Chafarís polo gran traballo!

PROBAS PARA OBTER O TÍTULO DA ESO PARA MAIORES DE 18 ANOS

12/01/2024 08:48

Recentemente a Consellería publicou a convocatoria de probas para obter o título da ESO, dirixida ás maiores de 18 anos.

Amplía información no seguinte enlace.

PROBAS DE ACCESO A CICLOS DE FP DE GRAO MEDIO E SUPERIOR

11/01/2024 12:32

A Consellería vén de publicar a convocatoria para as probas de acceso a ciclos de grao medio e superior. 

prazo de inscrición para as probas de GRAO MEDIO abrangue dende o 26 de febreiro ao 8 de marzo. A proba realizarase o 23 de MAIO. 

Amplía información no seguinte enlace ou a través do Departamento de Orientación.

Sen límites, entre todos e todas

23-24 DÍA INTERN.DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

O día 3 do pasado mes de decembro celebrouse o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional. Como todos os anos, dende o noso IES quixemos dar visibilidade ás experiencias das persoas usuarias do centro COGAMI CRD Medelo de Silleda e ao traballo das súas educadoras deste centro de recursos de atención diúrna terapéutica e ocupacional da comarca do Deza-Tabeiros-Montes. 

O alumnado de 2º da ESO participou nunha xornada de convivencia e sensibilización coas persoas usuarias. Compartimos tempo con eles e elas, non só para coñecer a situación persoal de cadaquén, senón tamén para empatizar e vivenciar os atrancos que no día a día se atopan as persoas con discapacidade.

Sigamos loitando e educando á mocidade para construír unha sociedade máis inclusiva no que todos e todas poidamos vivir sen barreiras.

A enerxía en xogo

Este pasado luns 8 de xaneiro o alumnado de 3º e 4º ESO participou na actividade "A enerxía en xogo", impartida por un representante da Plataforma Efigy Planet. unha ferramenta interactiva de innovación pedagóxica que combina a formación dixital e presencial, baseada na gamificación e que permite traballar contidos transversais no ámbito da enerxía, as tecnoloxías e as ciencias ambientais. 

A actividade foi organizada polo Departamento de Física e Química e o alumnado traballou conceptos sobre enerxía, eficiencia enerxética, sostibilidade e medio ambiente. Fran, de Efigy Planet, guiou un xogo de rol no que os estudantes deberon responder ao reto de tomar decisións para conseguir ser máis eficientes e sostibles no uso e a xestón da enerxía e, ao tempo, cumprir con parámetros de sostibilidade e menor contaminación.

Recomendacións lectoras para as festas de Nadal

Remataches de ler un libro e non sabes cal ha de ser o seguinte? Queres facer un agasallo lector nestas festas e aínda non llo encargaches ao Apalpador e aos Reis Magos? Daquela, non deixes de ver as recomendacións lectoras que nos achegan as Bibliotecas dos IES Losada Diéguez, Manuel García Barros e Nº 1. 

As nosas propostas para ler a carón da cheminea inclúen lecturas para todas as idades así como uns especiais sobre Palestina e os últimos Premios Nacionais para obras en lingua galega, ademais de cinema. 

Todos estes títulos e moitos máis están agardando por nós nas librarías locais. A mellor compra é a compra local. Apostemos polo comercio da Estrada.

Distribuir contido