Presentación da biblioteca para o novo alumnado

23-24 Apertura da Biblioteca

Este mércores o alumnado de 1º ESO coñeceu a Biblioteca do centro nun acto de acollemento no que os rapaces e rapazas recén chegados ao instituto coñeceron como se organizan os libros a través de explicacións e dun xogo de pistas, no que deron atopado un exemplar, que souberon identificar nunha ficha descritiva. Ademais do equipo da biblioteca, representado polas profesoras Ana, Mónica Mato, Beatriz e Patricia, a poeta Dores Tembrás deulles a benvida por medio dun suxerente vídeo. Por suposto, non faltou o tradicional chocolate con churros servido por Rosa.

Xornadas de presentación

O martes 3 e o mércores 4 de outubro terán lugar as presentacións cos titores/as dos seus fillos e fillas.

Trátase dun primeiro encontro na biblioteca, en que tamén estaremos presentes o equipo directivo e a orientadora, e a seguir irán co titor ou titora correspondente á aula do seu fillo/a.

Horario de inicio de curso 2023-24

O próximo luns 11 de setembro comeza o Curso 2023-24.

Todo o alumnado do IES Nº1 poderá vir e marchar en transporte escolar, con normalidade.

No centro organizaremos as presentacións dos diferentes cursos, que poderán consultar no arquivo adxunto xunto coas instrucións para este primeiro día.

O martes, 12 de setembro, as clases desenvolveranse en horario habitual, tanto de mañá como de tarde.

 

Feliz regreso ás aulas!

Listaxe de alumnado beneficiado do fondo solidario de libros de texto

Debido á Lei de protección de datos non se poden facer públicas as listas de alumnado beneficiado do  fondo solidario de libros de texto.

Se desexan consultar esta información, poden facelo no propio centro, no taboleiro de información da planta baixa, ou ben chamando por teléfono.

Libros de texto 23-24

Nos ficheiros adxuntos figura a listaxe de libros de texto para o vindeiro curso 23-24.

Aconséllase non mercar ningún libro ata iniciado o curso en setembro, cando se resolva a convocatoria de fondolibros e o reparto de libros do fondo solidario de libros de texto do centro.

O curso 23-24 incorpórase 3º ESO ao programa E-Dixgal polo que os libros de texto para o alumnado de 1º ESO, 2º ESO e 3º ESO nalgunhas materias serán dixitais. O alumnado destes tres cursos non poderá acollerse á convocatoria de fondolibros pero si ao fondo de libros solidario do propio centro.

 

Faite socio/a da ANPA!

Xa se poden asociar á ANPA do IES Nº1.

É sumamente aconsellable, xa que obterán descontos nas saídas extraescolares dos seus fillos e fillas ao longo de todo o curso, á parte de estaren informados puntualmente das actividades que se organizan para as familias.

Para facelo, deben xuntar o xustificante do pagamento da cota anual única:15 €.

Datos da conta:

- ABANCA

Admisión a Ciclos Formativos de Grao Medio

Dende o 23 de xuño ao 5 de xullo está aberto o prazo para solicitar a admisión nun ciclo formativo de grao medio para o alumnado que obtivo o título da ESO ou superou a proba de acceso.

Dita solicitude realízase a través dunha aplicación web que xera un impreso con instrucións individualizadas para cada alumno/a.

Toda a información no seguinte enderezo web

Calquera dúbida, no Departamento de Orientación do centro.

 

Graduación da Promoción 2019-2023

22-23 diplomas 4º

Arroupados polos seus compañeiros e compañeiras, polo profesorado e as familias, este mércores 21 de xuño celebramos a Graduación da Promoción 2019-2023. O acto foi conducido por Irene, Jéssica, Uxía e Pilar e interviñeron a titora Maite e Bea, a directora, que lembraron o seu paso polo centro nestes catro anos e transmitiron unha serie de consellos e desexos para a nova etapa que agora comezan. Noraboa a todos/as e moita sorte!

"Graduación", de María Lado

A Revista dunha comunidade educativa viva

22-23 Revista Viva

Este martes 20 de xuño vivimos o regreso da 'Revista Viva. Nós de Nós', unha gala na que o teatro, a música, o idioma e a literatura serviron de fíos condutores para repasar as actividades e os proxectos do curso que remata. 

Beatriz, a nosa directora, puxo en valor o traballo da comunidade educativa e animounos a traballar man a man para fortalecela e proxectala no futuro. 

Rubén Servide e o seu Combo e o grupo formado polos alumnos Marcos, Carla, Germán, Ainoa e Elier, coordinados polo profesor Lolo, puxeron a música. Un luxo.

Sara Espiño, Uxía, Irene, Jéssica, Noa Cabaleiro, Lía, Andrés, Alexandre, Yuriana, Alejandro, Noa Mendoza, Antonio, Mónica e Janet mergulláronos na maxia do teatro baixo a batuta da profesora, a actriz Cristina Andrade. Que gran traballo!

Marcos Borrageros, ex-alumno que volveu ao noso centro para dar aulas este ano,, compartiu con nós historias que nos cativaron. Deixaches unha fonda pegada en nós!

Helena, Martín, Sara Espiño, Uxía e Noa Cabaleiro forxaron con palabras versos e microrrelatos premiados dentro e fóra do centro. Parabéns!

Festa de despedida de curso dos Clubs de Lectura e o Grupo de Teatro

Festa dos Clubs de Lectura e do Grupo de Teatro 22-23

Onte, derradeiro día do curso 22-23, celebramos a festa de despedida dos Clubs de Lectura e o Grupo de Teatro no Recreo Cultural. Tiñamos que festexar un ano de moitos libros, de ensaios, de representacións...

Foi un ano de lecturas compartidas dende a perspectiva da diversidade, da integración, da igualdade e da memoria e que, unha vez máis de forma excepcional, Javier e Laura de Catro Elefantes souberon transformar en intensos xogos dinámicos e creativos que requiriron toda a nosa atención e volver transitar polas páxinas dos libros de todo o curso (ver materiais nos ficheiros adxuntos), aos que lles sumamos para esta ocasión a lectura de Os seres invisibles, de Emma Pedreira, e O diario violeta de Carlota, de Gemma Lienas. 

Despois, houbo tempo para o xantar colectivo, o primeiro mergullo do verán nas piscinas e os merecidos libros de agasallo que as profesoras Mónica, Patricia, Lurdes e Bea repartiron entre os rapaces e rapazas que forman parte de dúas das actividades máis gratificantes e enriquecedoras que se desenvolven no centro da man do Equipo da Biblioteca. 

Gozade das vacacións e dun verán lector. Vémonos á volta!

Criterios de Promoción e Titulación e calendario de fin de curso

23 xuño de 2022: Entrega e publicación cualificacións. 

  • Entrega de boletíns e do consello orientador ás 11:00 horas. NON HABERÁ TRANSPORTE ESCOLAR

28 e 29 de xuño: Revisión e reclamación cualificacións; decisión promoción/titulación

Matrícula do Curso 2023/2024

No seguinte cadro presentamos o calendario de matrícula para o curso2023/2024 

CURSO

DATA

Nova entrega de DinamizaTV, o informativo que estabamos a agardar

Chega unha nova entrega de Dinamiza TV, a serie de noticieiros nacidos da colaboración do Concello da Estrada e Dinamizaestrada, o colectivo de Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do concello, co obxectivo de fomentar o uso do idioma no audiovisual e na mocidade.

Hoxe é a nosa quenda así que, sen máis dilación, quedades con Adriana e Anxo, que irán dando paso aos seus compañeiros e compañeiras. Recomendacións lectoras, actividades complementarias, celebracións, espazos de divulgación, o día a día no centro, entrevistas... Dentro vídeo!

Na Estrada para o Porto

"Na Estrada para o Porto" é a crónica en imaxes da excursión que o alumnado de portugués fixo en abril á cidade invicta. Tamén é unha humilde guía de viaxe que queren compartir con tod@s vós. Para o ano, máis.

Fiquem à vontade!

Contra todas as violencias

Cemiterio de barcos, de Francisco Castro, foi a lectura escollida para pechar o curso polo Club de Lectura o alumnado de 3º e 4º ESO no martes 6 de xuño. Tres foron os temas que tratamos nesta sesión do club: a Guerra Civil, o machismo e as drogas. Léronse diferentes textos do libro nos que se reflectían estes temas. 

A partir das diferentes intervencións, decidiuse elaborar uns vídeos nos que buscarían testemuñas no seu contorno que lles falasen dos caciques, os golpistas, da posguerra…, ou calquera outra historia que acontecese a algún antepasado relacionado cun dos temas do libro: o legado que aínda pervive.

Pastelería Mimela, Premio IES-G polo apoio e promoción da lingua galega no comercio estradense

Premio IES-G 23

O xurado, composto polo alumnado de 4º ESO, valorou o uso normalizado da língua que fai este negocio familiar aberto dende 1984.

O recoñecemento entregarase na gala Revista Viva. Nós de Nós, que terá lugar no Teatro Principal o martes 20 a partir das 16:30.

O Premio IES-G que entrega o IES Nº 1 da Estrada chega á súa 8ª edición, tras o parón provocado pola pandemia, para sumar a Pastelería Mimela á nómina de comercios recoñecidos por empregar a lingua galega no seu día a día demostrando que o idioma engade un valor positivo nas relacións comerciais, que facilita a comunicación e achega confianza á clientela.

En concreto, o xurado formado polo alumnado de 4º ESO valorou o seu uso na atención oral á clientela, na cartelería interna e externa do establecemento, así como, especialmente, nas campañas de publicidade que realiza periodicamente e nos contidos publicados nas redes sociais, onde se percibe un uso coidado, rigoroso e de calidade do idioma.

Regresa a Revista Viva. Nós de Nós. De Nós para Vós.

Regresa a Revista Viva na súa 7ª edición. A anterior celebrouse en 2019 e, tras a paréntese da pandemia, chegou o momento de recuperala.

Revista Viva "Nós de Nós", un instituto vivo. Unha comunidade educativa aberta, dinámica, activa, comprometida co ensino público.

Revista Viva. Teatro, música, lingua, literatura, recoñecementos varios para dentro e para fóra. De Nós para Vós.

Revista Viva. Teatro Principal da Estrada. Martes 20 ás 16:30. Estades convidad@s!

Revista Viva. Deseño de Rosa de Cabanas.

O Espello de Claude

22-23 Laboratorio Fuco Reyes

Fuco Reyes vén de gañar o XVII Premio Luís Kasado cunha serie sobre a incertidume da adolescencia na que participou o IES Nº 1. A colección presentada polo fotógrafo compostelán forma parte dun proxecto documental, O espello de Claude, que realizou ao longo do último ano por diferentes institutos traballando co alumnado en obradoiros específicos. No noso centro, o Laboratorio de Fotografía e Adolescencia contou coa participación do alumnado de 3º ESO. Aquí podemos ver novamente parte deste marabilloso traballo. Moitos parabéns polo recoñecemento e por esta serie tan 

Un día no Aquapark

O pasado martes o alumnado de 3º ESO gozou do merecido premio do Concurso do Entroido 2023. Acompañados polas profesoras Ana e Carmen, pasaron o día no Aquapark de Cerceda.

Se queredes lembrar como foi o entroido deste ano, podedes ver a crónica en imaxes.

Porque vivir non abonda para explicar a propia vida

Andrea Maceiras. Letras Galegas 22-23

Conta a propia autora que, de adolescente, encontrou nunha pintada na parede do seu instituto a definición que, segundo ela, mellor encerra o significado mesmo de literatura: "a arte comeza no punto en que vivir non abonda para expresar a propia vida". E, a partir deste fío, Andrea Maceiras foi desenredando as historias que transitan polas páxinas de Europa Express, O que sei do silencio Que me pare o corazón se te esquezo, novelas que leron os mozos e mozas de 3º e 4º ESO e que centraron a conversa que mantivemos coa escritora o pasado martes 6 de xuño no marco do programa Letras Galegas 2023. 

O encontro foi moderado polas alumnas Sara Espiño, Xiana Folgare  Carolina Conde, Uxía Seoane e Pilar González nunha tarde de calmizo e treboada que tamén foi intensa e deu para conversar sobre a pegada das experiencias persoais na súa obra e arredor de diferentes motivos temáticos que tecen as vidas dos personaxes das súas novelas: o paso da adolescencia á madurez, a procura da liberdade e a loita polos soños, as relacións tóxicas, o acoso, a conformación da identidade e a imaxe que proxectamos ao exterior, a influencia das redes sociais nesa construción... A preguntas do alumnado, aínda deu tempo para falarmos sobre o oficio da escrita, os nosos gustos e intereses lectores ou o proceso de creación e edición dun libro, mesmo sobre as nosas expectativas e arelas nun futuro que xa non anda moi lonxe.

Os ríos na Estrada

Excursion a Ximonde. 22-23

Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o pasado luns 5 de xuño o alumnado de 1º ESO particicipou na actividade Os ríos na Estrada, que promoveu o Departamento de Bioloxía en colaboración co Concello e baixo a supervisión e guía de Tesouros Novos, empresa de xestión cultural.

Os rapaces e rapazas, acompañados polos profesores Jorge e Jano, participaron na ruta didáctica orientada ao coñecemento dos ecosistemas fluviais dos ríos Ulla e Liñares e fixeron a ruta entre  o couto de Ximonde e a Ponte Sarandón. Grazas a esta actividade, coñeceron diferentes métodos de vixilancia e monitorización da diversidade biolóxica e cumprimentaron unha ficha de diagnóstico da calidade da auga.

 

Dez anos festexando as palabras

X Festa das Palabras. 22-23

Seguimos a facer camiño, e xa van 10 anos, coa Festa das Palabras que organiza DinamizaEstrada, o colectivo que agrupa os Equipos de Normalización Lingüística dos centros escolares do noso concello. 

Seguimos a tecer unha rede de complicidades e afectos arredor da lingua galega a través da pulsión literaria que atravesa os microrrelatos e micropoemas dos 62 rapaces e rapazas galardoados e mais as 14 ilustracións dos meniños e meniñas de infantil. 

Seguimos a vernos no espello de Charo Golmar, madriña do evento, e de Rosa de Cabanas, que ilustrou a festa cun fermoso deseño que tomou corpo no cartaz, os marcapáxinas e mais no libro que recolle os textos e debuxos premiados. 

Porque "camiño" e "espello" foron as palabras prestadas por don Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, o home que nunca se rendeu, que serviron de inspiración para estes mozos e mozas, especialmente, no caso do noso centro, para Martín Seoane Duro, Helena Castaño Pazos, Noa Cabaleiro Ribadulla e Sara Espiño Vaamonde, escollidos entre os máis de 200 textos presentados a concurso. Moitos parabéns!

Recomendacións de lecturas para o verán

Velaquí tedes as recomendacións das lecturas consensuadas entre as bibliotecas dos IES Losada Diéguez, Manuel García Barros e Nº1. 

Podedes vir buscalas á biblio e gozar da lectura durante o verán.

De conversa con Cristina Andrade

Hoxe coñecemos un pouquechiño máis a nosa profesora de teatro. Baixo a coordinación da profesora Rosario, as alumnas Noa Mendoza, Noa Cabaleiro, Uxía Seoane e Sara Espiño entrevistaron a Cristina Andrade para un novo episodio das "Historias non contadas" dentro do proxecto A Ollada da Sospeita (@aolladadasospeita). 

Cristina, actriz en teatro e televisión, contounos cales foron as súas motivacións para formarse nesta profesión, como foi e como é a súa experiencia no teatro e na televisión, o seu labor de docente, proxectos, emocións, sensacións... e, estade atent@s, o grupo de teatro do IES está a preparar unhas novas pezas para estrear en breve.  

Cita coa X Festa das Palabras de Dinamizaestrada

          

Fotografía de R.G. para La Voz de Galicia                                                                                                                   Deseño de Rosa de Cabanas

A cita coas coas palabras terá lugar este martes 6 de xuño no Teatro Principal da Estrada a partir das 20.00 horas. A X Festa das Palabras pon o ramo aos concursos de micropoemas e microrrelatos organizados polos Equipos de Normalización Lingüística dos centros escolares e serán 62 alumnos e alumnas os que recibirán o seu premio: un exemplar do libro que recolle todos os textos gañadores de Primaria e Secundaria, acompañados por 14 ilustracións feitas por estudantes de Infantil, con portada da deseñadora gráfica Rosa de Cabanas. A escritora Charo Golmar exercerá de madriña.

Distribuir contido