Matrícula do Curso 2024/2025

No seguinte cadro presentamos o calendario de matrícula para o Curso 2024/2025: 

CURSO

DATA

IMPRESOS DE MATRÍCULA

4º ESO

25 e 28 de xuño

Matrícula 4º ESO

3º ESO

28 de xuño

Matrícula 3º ESO

2º ESO

1 de xullo

Matrícula 2º ESO

1º ESO

2, 3 e 4 de xullo

Matrícula 1º ESO

Se premen na correspondente ligazón, poderán consultar e descargar a información necesaria para a matriculación dos seus fillos e fillas neste próximo curso, así como os impresos necesarios que deberán traer cubertos.

Entrega de boletíns de notas e criterios de promoción e titulación para o Curso 2023-24

25 xuño de 2024: Entrega e publicación de cualificacións. 

  • Entrega de boletíns e do consello orientador ás 10:00 horas. NON HABERÁ TRANSPORTE ESCOLAR

25 e 28 de xuño: Revisión e reclamación de cualificacións; decisión promoción/titulación.

Ver Criterios de Promoción e Titulación para o Curso 2023-24.

Admisión a ciclos formativos de grao medio

Xa están publicados os prazos para o proceso de admisión a ciclos formativos de grao medio.

CANDO: o prazo estará aberto dende o luns 24 de xuño ás 9:00 ata o xoves 4 de xullo ás 13:00 horasCómpre ter o graduado de ESO para facer a solicitude, polo que hai que esperar a ter o boletín de notas.

COMO: a solicitude realizarase utilizando o asistente informático que estará dispoñible en https://www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/. Deberase cubrir unha única solicitude e poderá optarse a catro opcións de centro e ciclo. A propia aplicación indicará se hai que achegar documentación ou presentar a solicitude validada nun centro que oferte FP.

MATRÍCULA: na aplicación farase o seguimiento do proceso de admisión (hai tres períodos de adxudicación) e cando o alumno/a figure admitido terá que matricularse (presencialmente ou a través da propia aplicación). Hai opción de renunciar a unha praza adxudicada e permanecer no proceso de admisión, á espera de que ao alumno/a lle sexa adxudicada algunha das opcións de maior prioridade.

Tedes máis información sobre neste enlace e nos documentos anexos.

Formulario para o cambio de nome do IES

Se desexan participar do proceso de cambio de nome do IES, preman na seguinte ligazón:

https://forms.gle/ccFuY4FXRFmuxhwG7

#Aquítaménsefala: moitas grazas!

23-24 #Aquítaménsefala

A campaña #aquítaménsefala nacía con grande éxito no curso 22-23 como unha iniciativa estudiantil do IES Rafael Dieste para promocionar o uso do galego no ámbito comercial e empresarial e rachar os prexuízos que perviven sobre o idioma. No arranque deste curso a equipa promotora da Coruña compartía xenerosamente a iniciativa, que chegou a máis de 200 centros de ensino de Galicia e do Bierzo e 50.000 locais comerciais e empresas.

Revista Viva Nós de Nós, o día da nosa festa grande

23-24 Revista Viva

Onte, martes 18 de xuño, voltamos ao Teatro Principal para poñerlle o ramo ao curso 23-24 coa VIII Revista Viva. Nós de Nós, o día de festa maior no que vestimos unha pequena mostra do que somos coas mellores galas da música e dos bailes, do teatro, da narración oral, da poesía e da lingua.  

A nosa directora, Beatriz, animounos a construír comunidade sen esquecer que formamos parte dun mundo no que a barbarie, como a que asola o pobo palestino, non nos pode ser indiferente. Así é como entedemos a educación, coma un camiño á cultura, á arte, á vida.  

Un pouco antes, Manuele Pardo e David Canto, "Á Par do Canto", recibíronnos nas portas cun pasarrúas que anunciou a foliada que armaron despois. Ghaiteiros! Bailáronse valses e Sara animouse coa pandeireta. Brava!  

Victoria e Celia fixeron festa coas palabras e Noa e Helena recrearon o legado poderoso de Rosalía e Castelao en A xustiza pola man e Cunetas, respectivamente. Moitos parabéns!

Chega unha nova edición da 'Revista Viva. Nós de Nós'

Prema para descargar o díptico da Revista Viva Nós de Nós

Regresa a Revista Viva. Nós de Nós para poñer o ramo e festexar un curso que remata.

A Revista Viva é a celebración dunha comunidade educativa aberta, dinámica, activa e comprometida co ensino público. 

A Revista Viva fala de Nós porque está protagonizada polo alumnado, que a guía, que representa, que actúa e que se recoñece a si mesmo.

A Revista Viva é un encontro con Vós porque estades todas e todos convidados.

A Revista Viva medra con outros e outras de Nós: coas historias de Celso Fernández Sanmartín, coa poesía de Luísa Villalta da man de Xurxo Souto, coas músicas de Á Par do Canto de Manuele Pardo e David Canto, co deseño de Rosa de Cabanas, coa dirección teatral de Cristina Andrade e co maxisterio no xadrez de Roberto Patiño. 

A Revista Viva agradece a Anacos Educativos o seu apoio e promoción da lingua no ámbito empresarial e comercial.

As Matemáticas para un mundo mellor

Dende mediados do mes de maio, acollemos no noso centro a exposición “As matemáticas para un mundo mellor” na que se destaca o peso que teñen as matemáticas nas nosas vidas e a súa achega para mellorar a sociedade. O alumnado poderá así atopar unha resposta matemática a cuestións tan diversas como o deseño dos seus tenis, a predición dos tsunamis ou que o feito de escoitar música é posible grazas á transformación matemática do son.

A mostra forma parte do proxecto "Marzo, mes das matemáticas", levado a cabo por Rede de Divulgación Matemática (DIMA) en colaboración coa FECYT, e está dirixida a todo tipo de público, contando con contidos nun formato ameno que invitan ao espectador a formularse preguntas e curiosidades ao longo de toda a exposición. Aqueles máis curiosos poden ampliar a información a través de códigos QR.

 

Anacos Educativos, IX Premio IES-G polo apoio e promoción da lingua galega no comercio e na empresa estradenses

23-24 Premio IES-G Anacos

O IX Premio IES-G que entrega o IES Nº1 da Estrada recaeu en Anacos Educativos, empresa especializada no ámbito socioeducativo e da dinamización cultural que ten o galego como lingua habitual nos servizos que ofrece para os máis diversos axentes sociais e á poboación en xeral: cursos e obradoiros formativos, monitoraxe e escola de tempo libre, programas de conciliación e todo tipo de proxectos socioculturais e educativos.

Premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico

Recentemente publicouse a ORDE do 29 de maio de 2024 pola que se convocan os premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2023/24.

A finalidade dos premios é a de recoñecer e valorar os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico a etapa da ESO.

Destinatarios: alumnado que estea proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en ESO e obtivese no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9,00 puntos.

Prazos: a persoa interesada deberá facer a solicitude dende o 6 de xuño ata o 6 de xullo de 2024, preferiblemente pormedios electrónicos ou, no seu defecto, presencialmente. 

Características: 

Novo encontro lúdico-deportivo da Asociación de Deporte Escolar da Estrada

23-24 Encontro XOGADE (30-05-24)

O Pavilón Coto Ferreiro acolleu o pasado venres 30 de maio un novo encontro deportivo, o último do curso, organizado pola Asociación de Deporte Escolar da Estrada. A xornada reuniu máis 400 rapaces e rapazas de 1º da ESO e 6ª de Primaria dos colexios Pérez Viondi, Figueroa, Oca, Cabada Vázquez e Lourdes e os IES Manuel García Barros e Nº 1, ademais dos CPI veciños, o Aurelio Marcelino de Cuntis e Santa Lucía de Moraña.

A actividade enmárcase no programa lúdico-deportiva XOGADE e estivo dedicada ao datchball, un deporte de cancha no que compiten dous equipos nun espazo definido e dividido por unha liña central no que os xogadores e xogadoras deben eliminar o equipo contrario mediante o lanzamento e golpeo dos balóns de xogo.

 

Xornadas de acollemento do futuro alumnado do noso centro

Dende A Estrada até acolá, galego xa!

23-24 Correlingua (27-05-24)

 

Porque falalo é conservalo. E transportalo ao futuro. Fainos mellores. Fainos persoas respectuosas e atentas. Porque nós, e ti tamén, temos o poder de levar o galego dende aquí ate acolá.
Galego xa!

E este lema poderoso foi o que corearon onte, martes 28 de maio, máis dun milleiro de rapaces e rapazas de todos os colexios e institutos públicos da vila no Correlingua '24, que chegou á Estrada despois de saír da Coruña o pasado día 3 e que continuará ata Burela este mércores tras pasar por diferentes vilas e cidades do país. 

Torneo final de xadrez

Tras os torneos de nadal e primavera, chega o último certame de xadrez na recta final co curso. Apuntádevos na Biblioteca, que comezamos nos recreos deste xoves 30 de maio para continuar o 6 e o 13 de xuño!

 

 

 

Helena Castaño Pazos gaña o I Certame Artístico ‘Cousas’

Non hai mellor día que o 17 de maio para recibir este tipo de novas. Esa foi a data na que coñecemos que o traballo "Cunetas", de Helena Castaño Pazos, alumna de 4º ESO do noso centro, resultou gañador do I Certame Cousas, que convocou o Grupo Ekos do IES Félix Muriel de Rianxo para homenaxear a figura de Castelao, de cuxas "cousas" toma o nome, e que procura impulsar a creación artística da mocidade en galego nunha proposta que combina texto e debuxo. A entrega de premios terá lugar o venres 21 de xuño.

O xurado apreciou na obra de Helena a proximidade ás "Cousas" de Castelao, tanto pola temática da memoria histórica como pola estilización do seu debuxo. Ademais, na súa acta de resolución, o xúri  valorou a súa brevidade como "perfume condensado nun frasco". 

Sumámonos á XI Festa das Palabras

23-24 XI Festa das Palabras (22-05-24)

"Silencio" e "Música" foron as palabras de Luísa Villalta que subiron ao escenario do Teatro Principal a través dos 62 micropoemas e microrrelatos do alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos que foron galardoados no XI Concurso Literario DinamizaEstrada que convocan os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino da Estrada. As palabras da escritora coruñesa homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas tamén estiveron presentes nas 14 ilustracións feitas polos nenos e nenas de Educación Infantil. Todos estes traballos, xunto cun limiar do padriño desta edición, o profesor e escritor Carlos Loureiro, e mais a portada, obra da deseñadora Rosa de Cabanas, fan parte do libro conmemorativo que lles foi entregado a todos estes rapaces e rapazas este mércores 22 de maio na IX Festa das Palabras que tivo lugar no Teatro Principal. 

Que é para vós un poema?

23-24 Encontro con carlos Negro (21-05-24)

 

As palabras
que non se gardan
nos mesmos caixóns de sempre.
Se cadra iso. Pero sen estar segura. 
                                                   @musa_morta_08

Que a poesía non morde xa o sabiamos. Que ninguén morreu de ler poesía, ou cando menos nós non sabemos de caso ningún, é un feito. Que aos poetas lles gusta xogar ao baloncesto, cociñar ou quedar coas amizades é de sentido común. Que a poesía fala de amor e de desamor, da morte, dos grandes fitos da historia e das miudezas do noso día a día, daquilo que nos fai ferver o sangue con carraxe, do que nos emociona no máis íntimo ou do que nos trascende.

Un brinde pola poesía

23-24 Club de Lectura Poesía (Raúl Vacas)

A sesión do pasado martes 21 de maio do clube de lectura centrouse na poesía e, concretamente, na obra Esto y ESO, de Raúl Vacas. Este autor pretende amosar que "calquera cousa, por estraña ou banal que sexa, pode ser un poema". Isto puideron comprobalo os alumnos da man da profesora Chus Pato. Así, acercáronse á poesía deste autor facendo lecturas expresivas e dramatizadas, elaborando caligramas e, incluso, converténdose en verdadeiros poetas ao compoñer o seu propio poema, "Un brinde do clube de lectura".

Bolsas e axudas para alumnado con necesidade específica de apoio educativo para o Curso 2024-2025

Está aberto o prazo para solicitar as bolsas e axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, convocadas polo Ministerio de Educación. A solicitude realizarase telemáticamente a través de Sede Electrónica ata o 13 de setembro. Unha vez cumprimentada a solicitude telemática, débese imprimir e presentar no centro educativo xunto coa documentación requirida. Máis información neste enlace e no Departamento de Orientación.

A eutanasia, a debate

Os alumnos e as alumnas da materia de Oratoria do IES Nº 1 e do IES Antón Losada Diéguez mantiveron un novo encontro dialéctico na que foi a 4ª entrega dos debates intercentros que están a desenvolver dende comezos de curso baixo a coordinación do profesorado de Lingua Castelá, desta volta Esteban Folgar e Chus Pato. Se nas anteriores ocasións debateron sobre a prohibición do alcohol en menores de 16 anoso uso dos teléfonos móbiles nos centros educativos e a práctica do boxeo, este pasado martes 14 fixérono arredor dun tema tan actual como controvertido, a eutanasia.  

Os integrantes do grupo de oratoria do Losada foron César Cerviño, Óscar Montáns, Mauro Pazo e Sonia Ríos, que defenderon a postura a favor, mentres que  Noa Cabaleiro, Lía Expósito, Alba Muimenta, Lucía Brandariz e Xian Gestoso, alumnos da IES Nº 1, adoptaron a posición en contra.

Encontro con Carlos Negro arredor de "Aplicación instantánea"

O próximo martes 21 de maio o alumnado de 4º ESO manterá un encontro con Carlos Negro, autora do poemario Aplicación instantánea (2018), Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Esta obra, xunto con outros poemas do autor que teñen como destinatario principal, que non único, o público adolescente, "conecta de modo inmediato co sistema operativo das súas emocións", tal e como se sinala na presentación editorial do libro. 

Mozo, moza: "Se decides descargar este programa no teu menú de lecturas, terás acceso ilimitado ao universo afectivo de catro avatares que entran na vida co furor da irreverencia: contra a orde exacta dos armarios, contra o balbordo das atraccións de feira, contra o monocultivo cerebral dos eucaliptos, contra a ferruxe dos discursos que ignoran o movemento das dunas" 

Coñecer a nosa historia para entendérmonos mellor

23-24 Visita a Lugo (14-05-24)

Hoxe, 14 de maio, coñecemos un pouco mellor Lugo para coñecérmonos máis a nós mesmos. As rúas e prazas da cidade milenaria, a muralla romana e os seus museos e centros de interpretación desvelaron algúns dos seus segredos para o alumnado de 2° ESO e de Latín de 4° ESO nunha saída didáctica organizada polos Departamentos de Xeografía e Historia, Lingua Castelá e Lingua Galega.

Os estudantes visitaron a Sala de Exposicións Porta Miñá, o Espazo Sub Terra Aquae e o Centro Arqueolóxico San Roque da man do persosl do Concello. Logo, no Museo Provincial, e a partir dos relatos de Carlos Negro, Andrea Maceiras, Anxo Fariña e Ledicia Costas lidos previamente nas aulas, completaron un xogo de pistas que os levou a coñecer pezas e cadros de diferentes épocas: o carneiro alado de ouro e torque de Burela, os cadros de Fernández Montenegro, mosaicos, moedas, estelas e xogos romanos, a "Mariscala" que encadeou a Pardo de Cela... 

Despois de comer a cuberto no Mercado Municipal, o alumnado dividiuse en grupos para seguir as pistas da aplicación do Lugo romano desenvolvida polo Colexio Galén. Finalmente, un breve paseo pola Muralla despediunos de Lugo ata unha próxima ocasión. 

Ao outro lado da radio, a música e a poesía en Luísa Villalta

O videopoema "A xustiza pola man", de Noa Cabaleiro Ribadulla, 1º premio no VI Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

Se tes problemas para visionar o traballo, preme aquí.

Dende Outeiro de Rei chegounos unha nova moi feliz: Noa Cabaleiro Ribadulla, alumna de 3º ESO do IES Nº 1 da Estrada, gañou o 1° Premio do VII° Concurso de Videocreación de poemas de Manuel María e Rosalía de Castro. co videopoema "A xustiza pola man", proposta baseada no poema homónimo de Rosalía.

O xurado do certame premiou o videopoema de Noa “por unha sobresaliente interpretación da protagonista cuns planos que transmiten plenamente a variedade de emocións que transitan o poema. Pola plasticidade das imaxes e un ritmo na montaxe que contribúen moi notablemente a conducir e achegarnos á palabra literaria”. Ademais, o xúri premiou o videopoema "Negra sombra", do alumnado do CPR de Narón, e a Sofía Regueiro, do IES Monelos da Coruña, que obtivo un accésit polo videopoema "Rosas". Moitos parabéns ao alumnado galardoado e a todos os centros e alumnos/as participantes, en especial a Noa. Noraboa!

O rexurdimento de Avelina Valladares

23-24 Concerto comentado Irmáns Valladares (10-05-24)

O panorama cultural galego do século XIX estivo marcado pola recuperación do idioma na escrita naquel Rexurdimento que privilexiou a poesía e viu aflorar con forza a narrativa e o teatro en lingua galega. Xa entón houbo intelectuais. coma os estradenses Manuel García Barros e Waldo Álvarez Ínsua, que eloxiaron unha voz, a de Avelina Valladares (Vilancosta, Berres, 1825-1902), que situaron á altura de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Ademais de textos poéticos e avanzados artigos de opinión en prensa, deixou constancia do seu talento en composicións musicais para guitarra e paino e en debuxos executados con destreza. Nos útimos tempos, asistimos a un proceso de recuperación e estudo da súa figura e a súa obra que alcanza diferentes ámbitos.

Distribuir contido