Que é para vós un poema?

23-24 Encontro con carlos Negro (21-05-24)

 

As palabras
que non se gardan
nos mesmos caixóns de sempre.
Se cadra iso. Pero sen estar segura. 
                                                   @musa_morta_08

Que a poesía non morde xa o sabiamos. Que ninguén morreu de ler poesía, ou cando menos nós non sabemos de caso ningún, é un feito. Que aos poetas lles gusta xogar ao baloncesto, cociñar ou quedar coas amizades é de sentido común. Que a poesía fala de amor e de desamor, da morte, dos grandes fitos da historia e das miudezas do noso día a día, daquilo que nos fai ferver o sangue con carraxe, do que nos emociona no máis íntimo ou do que nos trascende.

No fondo do lago imaxina un espello.
No espello, 
un rostro antigo.
No rostro,
unha voz abisal.
O seu eco, 
a leve axitación na tona da auga,
o reclamo desde o profundo,
a esa onda, 
habérmola chamar poema. 
                                      @ofelia_azul_22 

A partir de versos alleos e propios, Carlos Negro, un poeta de carne e óso, e vivo, foi tecendo complicidades cos rapaces e as rapazas de 4º ESO nun encontro no que a palabra, que non ten porque ser complexa e hermética pero si usada dunha forma singular, tivo un protagonismo especial.

Unha motoserra do sentido completo.
Un des-corrector ortográfico.
Unha sílaba alucinada.
Un disturbio semántico.
Unha oración atea.
Unha bomba fanática.
Un punto de non retorno.
                                    @skornabois_33

As palabras especiais de poetas como Olga Novo, Luís García Montero, O Leo ou Mar Benegas foron resoando na Biblioteca, porque para escribir poesía antes hai que ler poesía, que é unha tarefa que -tamén soubemos- non quita tempo de facer outras cousas pero que nos axuda a entendernos mellor a nós mesmos e o que nos rodea.  

Como se mesturas un perfume cun diamante.
O seu fulgor e o seu recendo.
Nun verso único.
E logo, intentas non entendelo.
                                        @diva_divina_01

E daquela chegamos a Aplicación instantánea, o poemario de Carlos Negro que o alumnado leu nas últimas semanas e que agora puidemos compartir co seu autor, que tamén nos explicou que a poesía ata nos permite crear outros mundos diferentes ao noso e introducirnos na pel doutras persoas coma os catro avatares que protagonizan esta obra. 

O convite a ler poesía foi feito. Makinaria, Penúltimas tendencias, Masculino Singular e outros títulos de Carlos Negro e outros/as poetas agardan por nós porque a poesía non morde e, que saibamos, non provocou a morte de ninguén. 

A actividade celebrouse este pasado martes 21 de maio nun encontro que organizou o Departamento de Lingua Galega en colaboración coa Biblioteca e o EDLG do centro e que se enmarca no Programa Encontros Literarios que convoca a Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de  Cultura e Deporte.