Animación á lectura

Recomendacións lectoras para as festas de Nadal

Remataches de ler un libro e non sabes cal ha de ser o seguinte? Queres facer un agasallo lector nestas festas e aínda non llo encargaches ao Apalpador e aos Reis Magos? Daquela, non deixes de ver as recomendacións lectoras que nos achegan as Bibliotecas dos IES Losada Diéguez, Manuel García Barros e Nº 1. 

As nosas propostas para ler a carón da cheminea inclúen lecturas para todas as idades así como uns especiais sobre Palestina e os últimos Premios Nacionais para obras en lingua galega, ademais de cinema. 

Todos estes títulos e moitos máis están agardando por nós nas librarías locais. A mellor compra é a compra local. Apostemos polo comercio da Estrada.

Así nacen as historias

O pasado 4 de decembro o alumnado de 1º ESO participou nun obradoiro de creación literaria impartido por Raquel Queizás, contadora de historias, actriz, titiriteira e filóloga que se achegou ao noso centro grazas a un proxecto impulsado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Deputación e co noso Departamento de Lingua Galega.

Uxía Seoane Duro, IIº premio de poesía no Certame Literario Xoán Díaz de Cambre

A alumna Uxía Seoane Duro (4º ESO) vén de ser recoñecida co 2º Premio de Poesía no Certame Xoán Díaz do Concello de Cambre pola obra ‘Ansiedade. Depresión. Medo’ na categoría reservada para mozos e mozas de entre 15 e 18 anos.

O IES David Buján acolleu o venres 19 a entrega dos premios do Certame, un galardón que organiza o instituto xunto co IES Afonso X O Sabio e o Concello. Os recoñecementos entregáronse nas categorías de poesía, narración e microteatro e participou alumnado de toda Galicia.

Noraboa, Uxía!

 

Dos bos camiños, coma dos bos libros, nunca regresas

 

22-23 Letras Galegas

Hoxe deu comezo o programa das Letras Galegas 2023 no noso centro. Literatura, redes sociais, audiovisual, Fernández del Riego e, parafraseando o lema do Correlingua desta edición, máis galego na casa e na escola, na vila, na aldea e na vida.

Esta mañá tivemos a oportunidade de conversar co profesor e escritor David Pérez Iglesias arredor da novela Todo o tempo do mundo (Premio Merlín de literatura infantil 2016).

O encontro, presentado e moderado por Noa, Lía e Iker, deu pé para falar da historia do avó Valente e a súa neta Ariadna, de 11 anos, que o acompañará un verán na aldea entretanto os seus pais se instalan nun novo país a onde chegan fuxindo da crise e a difícil situación económica da familia.

Todo o tempo do mundo é un libro para rapaces e rapazas pero non só, tamén para adultos, para falar da perda do mundo rural, das ameazas que sofre (o despoboamento, as canteiras, os eólicos...), da necesidade dos silencios e da tenrura, dun mundo no que "a choiva fala coas cousas" e onde as nosas raíces non hai que buscalas nos avós senón no que lle deixamos aos nosos fillos. Porque, como afirma o autor nunha carta dirixida á protagonista que fai de prólogo: "Dos bos camiños, coma dos bos libros, nunca regresas". 

As recomendacións lectoras de Noa e Lía

As recomendacións lectoras de Noa e Lía

O Grupo de Teatro representa "Sentenza" no IES Losada Diéguez

 O Grupo de Teatro do Nº 1 representou esta tarde "Sentenza", inspirada na obra teatral do mestre Olimpio Arca, no salon de actos do IES Losada Diéguez. Moitas grazas pola proposta e a acollida! Ademais do noso alumnado de 1º ESO e do alumnado de 2º ESO do Losada, a peza contou cun público de excepción: as persoas usuarias do centro de día AGADEA.

Na obra participan 14 alumnos/as e as profesoras Janet e Mónica Places baixo a dirección de Cristina Andrade, actriz que seguimos dende hai anos en serie e películas, no teatro e en programas de televisión, e coa que temos a sorte de contar no noso centro para traballar co alumnado nesta actividade formativa. 

O guión foi elaborado por Cristina a partir de varios textos do propio Olimpio Arca. A xustiza (ou inxustiza), o apego (ou desapego) polo idioma, ou o respecto á paisaxe e á diversidade son algúns dos temas sobre os que a xuíza tivo que ditar "Sentenza", que foi estreada o 29 de novembro na Mostra de Teatro Escolar que organiza a Asociación Vagalumes.

Encontro con Tamara Andrés, autora do poemario "irmá paxaro"

O próximo martes 15 de novembro o alumnado de 4º ESO manterá un encontro con Tamara Andrés, autora de irmá paxaro, poemario editado por Cuarto de Inverno e ilustrado fermosamente por María Montes, polo que mereceu o Premio ao Mellor Libro Ilustrado na Gala do Libro Galego 2020. Ademais, o libro foi finalista do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.

Como se sinala na presentación editorial da obra, "irmá paxaro é o relato da perda da complicidade entre dúas irmás descoñecedoras de que o golpe máis duro é o paso do tempo".

Esta actividade desenvólvese no marco do Programa Encontros Literarios que convoca a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte e é organizada polo Departamento de Lingua Galega e a Biblioteca.

Apúntate aos novos clubs de lectura do Centro

Distribuir contido