Compartimos a palabra co alumnado do IES Losada Diéguez

 

O martes 22 de novembro o alumnado da materia de Oratoria de 3º ESO mantivo un encontro cos compañeiros e compañeiras que cursan a mesma materia en 4º ESO no IES Antón Losada Diéguez. Guiados polos profesores de Lingua Castelá de ambos centros, Mónica Souto e Esteban Folgar, e despois dunha fase de preparación nas aulas, achegáronse á aula da radio do instituto veciño para poñer en práctica as habilidades adquiridas e os resultados da investigación previa sobre o tema elixido. Polo IES Antón Losada participaron Lucía Coto, Emma Duro, Noa Mendoza, Loli Porto e Lara Rey, mentres que polo IES Nº1 fixérono Cristóbal Sotelo, Xián Gestoso, Mariña Barreiro, Nuria Gamallo, Lía Expósito e Ana Dorelle.

A este seguirán outros encontros que teñen por obxectivo introducir o alumnado no debate, un exercicio dialéctico no que se traballan e adquiren habilidades como a busca e tratamento da información, a elaboración de argumentos ou diferentes estratexias de comunicación lingüística co fin último de fomentar o pensamento crítico e o diálogo propios dunha sociedade democrática.