Coñecer a nosa historia para entendérmonos mellor

23-24 Visita a Lugo (14-05-24)

Hoxe, 14 de maio, coñecemos un pouco mellor Lugo para coñecérmonos máis a nós mesmos. As rúas e prazas da cidade milenaria, a muralla romana e os seus museos e centros de interpretación desvelaron algúns dos seus segredos para o alumnado de 2° ESO e de Latín de 4° ESO nunha saída didáctica organizada polos Departamentos de Xeografía e Historia, Lingua Castelá e Lingua Galega.

Os estudantes visitaron a Sala de Exposicións Porta Miñá, o Espazo Sub Terra Aquae e o Centro Arqueolóxico San Roque da man do persosl do Concello. Logo, no Museo Provincial, e a partir dos relatos de Carlos Negro, Andrea Maceiras, Anxo Fariña e Ledicia Costas lidos previamente nas aulas, completaron un xogo de pistas que os levou a coñecer pezas e cadros de diferentes épocas: o carneiro alado de ouro e torque de Burela, os cadros de Fernández Montenegro, mosaicos, moedas, estelas e xogos romanos, a "Mariscala" que encadeou a Pardo de Cela... 

Despois de comer a cuberto no Mercado Municipal, o alumnado dividiuse en grupos para seguir as pistas da aplicación do Lugo romano desenvolvida polo Colexio Galén. Finalmente, un breve paseo pola Muralla despediunos de Lugo ata unha próxima ocasión.