Graduación da Promoción 2019-2023

22-23 diplomas 4º

Arroupados polos seus compañeiros e compañeiras, polo profesorado e as familias, este mércores 21 de xuño celebramos a Graduación da Promoción 2019-2023. O acto foi conducido por Irene, Jéssica, Uxía e Pilar e interviñeron a titora Maite e Bea, a directora, que lembraron o seu paso polo centro nestes catro anos e transmitiron unha serie de consellos e desexos para a nova etapa que agora comezan. Noraboa a todos/as e moita sorte!

"Graduación", de María Lado

Este é o momento inmediatamente anterior a.
no seu silencio,
intúese o ruxir crecente do futuro que se está formando miles de quilómetros mar adentro.
é unha certeza que se oe antes no peito
que nos oídos
como os mellores temas de Massive Atack.
É a certeza de que a onda virá
quen sabe se a erguernos
ou a arrastrarnos polo fondo coa boca chea de area.
pero certeza, ao fin, de que virá
e de que neste punto onde a agardamos,
somos o diminuto inicio dunha persoa que aínda ha de ser.
Ao pairo, flotamos na tensión do océano.
é aterrador
o mar é escuro, é petróleo, é cobizoso da xente,
as sombras dos escualos apenas se perciben.

Pero tamén trepidante, é fermoso, é doce
ver o sol bordar de perlas a escuma
ser parte da canción feliz do mar e saber
que aínda os músculos non coñecen o cansanzo
saber que aínda podemos remar
remar co corazón ardente.

Este é o momento inmediatamente anterior a.
e co peito sobre a táboa miramos a praia
por última vez,
e por última vez
vémola con estes ollos
porque só as que non loitan permanecen indiferentes ao paso da onda.
Así que agora agora convén remar,
convén non deterse,
convén insistir
e adentrarse no ouvear do océano
que xa nos ergue a súa man e, de súpeto,
facerlle un take off perfecto.

é algo que dura apenas uns segundos
porque es inexperta
e decontado caes
pero un día poderás dicir:
eu pasei anos salvaxes
e comezaron aquí
no momento inmediatamente anterior
a vivir