Abrimos as fiestras no día grande de Rosalía de Castro

A colaboración de Pablo García Villamor e Desirée Vidal Godoy nun novo especial do programa Recuncho da Lingua, que coordina Pilar Bernárdez en Radio Estrada, puxo o ramo á celebración do Día de Rosalía 2024 no noso centro. Pablo e Desirée achegáronse á obra da poeta interpretando as cartas nas que ela e mais o seu home, Manuel Murguía, conversaron arredor da creación poética e o proxecto ao que dedicaron boa parte das súas vidas: a dignificación da lingua e a cultura galegas. Podedes escoitalos a partir do minuto 29. No programa tamén participaron alumnos e alumnas dos Colexios Pérez Viondi, O Foxo e Cabada Vázquez. 

Mais onte, no 187º aniversario da escritora, foi o día de festa grande e desenvolvéronse diferentes actividade que se achegaron á vida e á obra rosaliana dende múltiples formatos: o alumnado de 3º ESO recitou poemas para os seus compañeiros e compañeiros de 1º ESO, exposición de traballos creativos plásticos e audiovisuais, proxección de versións musicais e playlist dos versos da poeta, xogos de pistas, etc.

23-24 Día de Rosalía (23-02-24)

Este programa coordinado dende os Equipos de Normalización Lingüística e a Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega comezou o pasado venres 16 co Roteiro Rosaliano que fixo 3º ESO por Terras de Iria Flavia guiado un ano máis polo mestre e escrito Manuel Lorenzo Baleirón.

"Hai século e medio, unha moza con pouco máis de vinte anos mudou a Historia. Iso de mudar a Historia non é cousa que aconteza todos os días. Ela era consciente de que os seus libros abrían camiños, que con eles “levantaba unha bandeira” da que non ía desertar. De feito, este recanto do mundo chamado Galiza non é o mesmo após Rosalía de Castro. Hai un antes e un despois". Así comeza o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2024, que un curso quixemos axudar a promover e difundir entre a nosa comunidade educativa.