Na frente unha estrela, no bico un cantar

Roteiro Rosalía 23-24

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.

Estes versos de Curros Enríquez abren o poema "A Rosalía". Recoñecida así, simplemente polo nome, Rosalía, porque ela “en todo está” e ela é “todo"; porque Galicia ten nome de muller e ela, a poeta, deulle voz á súa patria e ás súas mulleres. Esta idea, que proxecta o Manifesto "O amor da patria galega", da Asociación de Escritores/as Galegos/as, para o Día de Rosalía de Castro 2024, sérvenos de punto de partida para unha data que se festexará no noso centro un curso máis. 

A celebración deu comezo o pasado venres 16 de febreiro seguindo as pegadas da escritora nun roteiro rosaliano que guiou maxistralmente o profesor e escritor Manuel Lorenzo Baleirón para o alumnado de 3º da ESO. A estatua de Rosalía que preside o Paseo do Espolón de Padrón foi o punto de partida dun itinerario que nos achegou á casa da nenez da poeta na antiga rúa do Sol para despois achegarnos a Iria Flavia. Neste espazo, fundamental para coñecermos a vida da autora e as súas raíces, accedemos á Igrexa de Santa María e ao cemiterio de Adina, que acolleu os restos da poeta nun primeiro momento antes de seren trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres. O profesor non só nos axudou a contextualizar pasaxes biográficas da poeta e da súa obra, senón que ademais evocou o pasado castrexo e romano, suevo e medieval, que situou este espazo nun lugar importante da nosa historia. 

Finalmente, e tras pasar polo Pazo de Arretén, a última parada da nosa ruta levounos á Casa da Matanza, derradeiro fogar da poeta. Dende 1972 acolle a Casa-Museo, sede da Fundación Rosalía, que ten como finalidade fomentar e difundir a memoria da autora.