Contos, debuxos, contos e xogos para festexar o Día de Castelao

23-24 Día de Castelao (30-01-24)

O noso centro festexou o aniversario do nacemento de Castelao este pasado martes 30 de xaneiro. Médico de formación, destacou como escritor, debuxante, activista cultural e político. Fundador e deputado do Partido Galeguista, foi un dos pais do Estatuto de Autonomía de 1936 e é considerado a figura máis importante do século XX en Galicia.

Pola mañá, a Biblioteca acolleu unha actividade de divulgación da súa biografía e da súa obra, con especial protagonismo para a relación que Castelao tivo coa Estrada. Roque, Celia e Paula, de 1º ESO, demostraron coñecer moi ben o rianxeiro e levaron cadanseu regalo simbólico de mans da directora.

Xa pola tarde, os mozos e as mozas de 1º ESO dramatizaron para todo o alumnado dous relatos do libro Retrincos (1934), "O Rifante" e "O retrato", ás que lle souberon dar vida. Noraboa!

Ademais, a Biblioteca acolleu esta semana unha mostra bibliográfica do autor así como uns grandes cadros elaborados polo alumnado do Curso 2018-19 de Educación Plástica baixo a coordinación do seu profesor, Jano Sanmartín, a partir dos autorretratos e das estampas do álbum Nós (1931).