Así foi o Festival do Entroido 2024

23-24 Entroido

Un ano máis, o espírito do entroido invadiu o noso centro grazas á implicación de toda a comunidade educativa. Os disfraces, a imaxinación, a creatividade e o bo humor voltaron ás aulas e aos corredores durante as últimas semanas, nas que os diferentes grupos estiveron preparando as súas actuacións nas Titorías. E este venres pasado, 9 de febreiro, baixo a coordinación da profesora Ana Mesego e o alumnado de 4º ESO, eclosionou a festa, que tivo o seu momento máis especial no festival, no que os grupos presentaron os seus números. 

Houbo coreografías, crítica de temas de actualidade, representación de historias de sempre e fantasías, con Pablo, Iria e Carla como presentadores con moito oficio, con Hugo e compañía na parte técnica e cun xurado de profesores/as que o tivo moi difícil para resolver a difícil papeleta de elixir os mellores números do festival. 

O importante era participar e reecontrarse de forma festiva máis é de xustiza recoñecer que "O consultorio de Charo e Chari" (4º ESO A) e "Wonka" (1º ESO B) brillaron con luz propia e gañaron, ex aequo, o concurso. 

Os nosos parabéns e o agradecemento a todos e todas as participantes e até o ano que vén. Que viva o entroido!