Skip to Content

curso23_24

O plástico está presente nas nosas vidas desde que nos levantamos ata que nos deitamos. Trátase dun termo que engloba unha gran variedade de polímeros químicos e, polo tanto,  unha gran variedade de materiais cunha enorme versatilidade. Sen embargo, a súa lenta degradabilidade fai dos residuos plásticos un dos máis agresivos para o medioambiente.

 

Nestas datas onde o plástico que está aparecer nas nosas costas en forma de pellets trae de novo á actualidade a problemática medioambiental asociada a este material, o alumnado do Club de ciencias foi quen de obter un plástico biodegradable a partir dun produto natural. Acidificando leite por adición de vinagre precipitamos as caseínas do leite e, separando o sólido por filtración, obtemos un termoplástico que se pode modelar e permite obter obxectos con diferentes formas. Ao engadir colorante de diferentes cores conséguense plásticos coloreados e naturais.  Que mellor forma de contribuír ao desenvolvemento da sociedade que buscando materiais alternativos e biodegradables?

 

E chegamos ao Nadal traballando con pigmentos vexetais. Nada mellor que unha planta típica desta época como é a flor de Pascua (tamén chamada estrela de Nadal, poinsettia ou pastora) para elaborar un indicador ácido-base natural  aproveitando unha substancia química presente nas súas follas vermellas. Os cambios de cor que experimenta o indicador preparado permitiranos clasificar substancias de uso cotiá en función da súa acidez. Bioloxía, química, arte, onde remata unha disciplina e onde comeza a outra?

A evolución dos materiais empregados para pintar permitiu a aparición de novas técnicas pictóricas. Diferentes momentos da historia, diferentes materiais empregados como pinturas, diferentes épocas e estilos na arte. O alumnado do club de ciencias elaborou pinturas con diferentes materiais e aglutinantes (pigmentos, xema de ovo, cola, aceite...) experimentando coas mesturas elaboradas sobre un papel en branco. Diferentes cores, diferentes texturas, diferentes artistas... unha obra conxunta. Artistas e científic@s!

 

Nesta práctica traballamos arredor das cores que amosan os vexetais en función dos pigmentos que posúen e que o alumnado do Club de ciencias foi quen de separar a través da cromatografía en papel. Clorofilas, xantofilas, carotenos ou antocianinas. Cal é a responsable das cores alaranxadas dos vexetais que consumimos? E dos verdes ou rosados?

Nesta sesión o alumnado do Club de ciencias participou nun obradoiro de clasificación das follas recollidas segundo o talo, o tipo de folla, a flor... Unha vez clasificadas fómolas preparando para colocalas nunha prensa e deixalas a secar. Cantas cousas faremos con elas unha vez secas! Novas cores, novas posibilidades... Arte e ciencia, ciencia e arte.

 

Nada mellor para traballar coa cor que aproveitar as cores das que se visten as nosas árbores no outono. Un paseo polo Parque Rosalía de Castro no mes de outubro, recoñecendo as diferentes variedades de árbores e recollendo algunhas follas. O tempo tamén colaborou nesta sesión e a choiva deunos unha pequena tregua!

Distribuir contido


by Dr. Radut