Skip to Content

Cursos en liña

CURSO EN LIÑA: RETOS MATEMÁTICOS PARA O SÉCULO XXI

O profesor David Gómez Castro, do departamento de Matemáticas Aplicadas e Análise Matemática da Universidade Complutense de Madrid, impartiu este 20 de maio unha conferencia virtual para alumnado do bacharelato STEM.

Presentou problemas aplicados das Matemáticas como a física cuántica, a relatividade xeral e a intelixencia artificial. Describiu a teoría de algoritmos, as ecuacións diferenciais, a álxebra, a xeometría e a teoría de números. Como problemas deste milenio nesta disciplina sinalou a importancia da intelixencia artificial, das redes neuronais, da relatividade, da física cuántica, do entrelazamento, da computación cuántica,… A importancia actual destas investigacións queda reflectida pola oferta do Instituto Clay de Matemáticas de Cambridge (Massachusetts) dun millón de dólares, entre outras vantaxes, a quen resolva un dos 7 problemas plantexados.

Esta será a última actividade deste curso de STEMbach do Lucus Augusti, deixando máis tempo para o estudo a este alumnado exemplar.

Álbum: Sen categoría -> conferencia matematicas

CURSO EN LIÑA: AMPLIACIÓN DO GLOSARIO CIENTÍFICO

Este 7 de maio o alumnado do bacharelato STEM realizou a tarefa de ampliar o glosario científico iniciado polos seus compañeiros do curso pasado. Os idiomas empregados foron o galego, o castelán, o  inglés e o alemán e para isto baseáronse na documentación dos anteriores poñentes. Concretamente, trataron de engadir diferentes termos útiles dentro da ciencia ou textos científicos.

Esta práctica foi impartida e supervisada a distancia polas profesoras do noso centro María del Mar Álvarez Álvarez, do Departamento de Inglés, e María del Carmen Correa Folgar, do Departamento de Alemán.

Álbum: Sen categoría -> glosario científico

CURSO EN LIÑA: CUANTIFICACIÓN DE ANTICORPOS DA COVID-19 CON ELISA

Este 29 de abril o alumnado de STEMbach coñeceu outro dos métodos empregados para cuantificar a concentración de anticorpos das persoas infectadas polo coronavirus, o ELISA, ou ensaio por inmunoabsorción ligado a enzimas (“Enzyme-Linked ImmunoSorbent Assay”). Esta técnica baséase na detección doutro dos compoñentes do virus, as súas proteínas, e non do ARN como facía a RT-PCR, empregada anteriormente por estes alumnos. Ademais, permite a súa cuantificación, a diferencia das probas rápidas, que tamén detectan anticorpos pero son cualitativas.

Dun xeito simplificado, en xeral consiste na detección de enzimas unidas a anticorpos, que recoñecen unha estructura ou varias dunha proteína problema. Estas enzimas provocan un cambio nun sustrato, que pode cuantificarse medindo a súa absorbancia cun espectrofotómetro. Viron catro variantes desta técnica inmunolóxica: directo, indirecto, “sándwich” e competitivo e as súas vantaxes. De permitilo a pandemia, estes alumnos realizarán unha práctica con esta técnica nos laboratorios do noso IES este curso, práctica habitual no ciclo superior da Familia Química.

Álbum: Sen categoría -> virtual ELISA

CURSO EN LIÑA: PROBAS RÁPIDAS DA COVID E LABORATORIOS VIRTUAIS

O alumnado STEMbach, este 22 de abril, seguiu a profundar no tema das probas da COVID-19. Concretamente, viron a explicación do funcionamento das probas rápidas realizadas co sangue dos pacientes ou serolóxicas, baseadas na detección cualitativa de dous tipos de anticorpos que segrega o sistema inmune dos enfermos. Ademais, viron diferentes probas con distinta especificidade e sensibilidade e entenderon o porqué dos falsos positivos e negativos do SARS-CoV-2. Estas probas teñen como vantaxes fronte á PCR a súa velocidade, equipo e reactivos menos custosos, e que pode realizalas persoal con menos experiencia.

Para paliar a falta de prácticas, viron un dos vídeos grabados nun dos laboratorios virtuais existentes. No Día da Terra, determináronse virtualmente metais pesados en mostras de solos despois dunha mineralización das mostras con enerxía de microondas (MW). Tras desta preparación das mostras, estas analizáronse por ICP-AES, espectrometría de emisión atómica (AES) con plasma de acoplamento inductivo (ICP), empregando o método do patrón interno con itrio.

Álbum: Sen categoría -> virtual AES

CURSO EN LIÑA: VISITA VIRTUAL AO CERN

Este 15 de abril os alumnos do STEMbach asistiron a unha nova actividade, unha visita virtual ao CERN. Deste xeito puideron facerse unha idea da dimensión e aspecto das infraestructuras desta organización de investigación. De feito, de non ser pola actual pandemia, estes alumnos deste bacharelato do Lucus xa terían pisado nelas polo seu pé a día de hoxe, porque estaba prevista unha viaxe por estas instalacións entre Suíza e Francia. A excursión permitiría o cheiro do ambiente de traballo e moita máis información e interacción da que ofrece a web, pero grazas á tecnoloxía puideron facerse unha idea das dimensións, data de construcción de cada ampliación, paseos virtuais, e mesmo un xogo para saber que partícula elemental se corresponde coa súa personalidade.

Lembrar que o pasado 16 de outubro a doutora luguesa Silvia Goy López achegou o noso IES ao CERN, no que traballa, e permitiu proxectar esta ilusionante viaxe a Xenebra que non puido realizarse este curso.

Álbum: Sen categoría -> Visita CERN

CURSO EN LIÑA: AS PROBAS DA COVID-19

Este 25 de marzo continuaron as actividades STEMbach, na aula virtual do Lucus, cun tema moi actual, a Covid-19, que nos ten confinados no mellor dos casos. Nesta actividade remitimos ao alumnado á bitácora de Xuvenciencia, concretamente á contribución do profesor do Departamento de Xenética da USC Manel Vera.

Explicouse a técnica molecular empregada para identificar as persoas infectadas por este Coronavirus: a reacción en cadea da polimerasa (PCR), empregada no kit DNA-MEAT o pasado 19 de febrero polo alumnado STEM do noso instituto. Tamén se amosou un vídeo moi didáctico do investigador científico do CSIC Luis Montoliu. Nel explica con pezas de TENTE as probas de RT-PCR para o coronavirus, de reacción en cadea da polimerasa con retrotranscriptasa (RT). Debido a que a PCR só amplifica ADN, precísase esta enzima (RT) para pasar do ARN do virus a ADN. Logo amplifícase este ADN coa PCR, e así poden detectar a presenza do COVID-19 nos pacientes, que é un virus con ARN.

Recordar que os alumnos de segundo curso deste bacharelato, autores do proxecto “parentesco no rodaballo”, tamén empregaron esta técnica, coa axuda do seu titor e catedrático do mesmo departamento da USC, Paulino Martínez Portela.

Álbum: Sen categoría -> Covid-19
Distribuir contido


by Dr. Radut