Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

CHARLA CO ESCRITOR FUCO PAZ

Acceso a todas as fotos no ENLACE

“Non deixes de crer que as palabras e as poesías si poden cambiar o mundo”. (Walt Whitman)

Hoxe, 24 de abril, tivemos a honra de contar coa presenza do profesor e escritor Fuco Paz Souto, autor do libro O xantar dos remeiros, obra que foi obxecto de lectura para o alumnado de 1º Bach, B e E; ademais, tamén asistiu a este relatorio a rapazada dos grupos D e F. Convidado polo EDLG polo seu compromiso inmorredoiro coa nosa lingua, este profesor dos de “Raza”, quen exerceu a docencia durante case toda a súa vida, impartindo a materia de Lingua Galega e Literatura, ofreceu unha interesante charla sobre os personaxes da obra referenciada, cunha descrición moi informativa, co obxecto de que o alumnado puidese contextualizar as intervencións dos mesmos, feitas ao xeito de poemas con anécdota, isto é, poemas que nos contan algo. Nun exercicio de xentileza e humildade infindo, impartiulles aos mozos e mozas un obradoiro de escrita poética creativa, nunha atmosfera cordial e lúdica, onde o alumnado amosou grandes dotes para a poesía. Por isto, achegoulle á rapazada un libro marabillosamente ecléctico, ao conxugar no mesmo poesía, cun verso directo, espido de artificio e sincero ata medula (tomando emprestadas as palabras que o seu fillo, David Paz Lafuente, profesor de Galego na EOI da Coruña, lle escribira nun fermoso e sentido limiar nun dos seus libros, e que tamén estivo neste encontro literario); para o teatro, cunhas atinadas anotacións dignas dunha cámara cinematográfica; e, por suposto, para unha prosa farturenta, que vai dende os aspectos biográficos dos personaxes do cadro, referencias históricas, toponímicas, patronímicas, ... ata saborentos pratos da cociña francesa.

O escritor tamén lles contou simpáticas anécdotas da súa vida; referencias de tristes acontecementos históricos que recolle o seu libro e que, ende mal, continúan hoxe en día coa aparencia de guerras, enmascaradas en auténticos xenocidios; e curiosidades pictóricas e culinarias, nunha amálgama de saberes, que resultou ben amena. A súa sabedoría non ten prezo, falando en termos metafóricos e reais, porque sempre nos agasalla con agarimosas visitas de balde. 

Moitas grazas, profesor Fuco Paz Souto, por traernos a sinxeleza das terras chairegas dos seus devanceiros e o recendo da cascarilla engulida no Monelos do seu berce. 

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

EXAMES e AVALIACIÓNS BACHARELATO ADULTOS 2024

 

Exames e avaliacións de 2º Bacharelato ADULTOS 2024

As materias de 2º (en tódolos casos) serán nas mesmas datas para todo o alumnado de 2º.

 

AVALIACIÓN ORDINARIA DE 2º BACHARELATO

1. Alumnado de 2º só matriculado en materias de 2º.

    Os exames serán entre os días 6 e 14 de maio.

 

·   2. Alumnado de 2º con materias de 1º.

O    Opción A (compatible coa ABAU ordinaria)

  • As materias de 1º na semana do 29 de abril ao 3 de maio.
  • As materias de 2º entre os días 6 e 14 de maio.
  • Boletíns o 15 de maio.

   Opción B (non compatible coa ABAU)

  • As materias de 1º na semana do 3 ao 7 de xuño.
  • As materias de 2º entre os días 6 e 14 de maio.
  • Boletíns o 10 de xuño.

 AVALIACIÓN EXTRAORDINARIA DE 2º BACHARELATO

Exames finais, EXTRAORDINARIA,  de 2º de Bacharelato (materias de 2º)  OS DÍAS 10, 11, 12 e 13 de xuño

   Opción A (compatible coa ABAU extraordinaria)

  • As materias de 1º na semana do 26 ao 31 de maio.
  • As materias de 2º entre os días 10 e 13 de xuño.
  • Boletíns o 15 de maio.

 

   Opción B (non compatible coa ABAU)

  • As materias de 1º na semana do 17 ao 21 de xuño.
  • As materias de 2º entre os días 10 ao 13 de xuño.

As datas concretas e horas de exames notificaranse despois da avaliación ordinaria.

A opción A e a opción B están pechadas (dende o día 15 de abril)

 

 

 

INTERCAMBIO CON FRANCIA

Un grupo de 32 alumnos e alumnas de 3° de ESO pasa a súa semana de intercambio en Fontenilles, unha magnífica experiencia de integración no modo de vida francés e inmersión lingüística, con moitas e variadas actividades culturais. Estarán na rexión de Occitanie do 21 ao 28 abril.

Programa Aula Magna Radio Escolar Podcast

Máis fotos no ENLACE 

Podcast: ENLACE 

O alumnado de Bacharelato 2º F/D da materia de  Latín invítavos a escoitar o seu traballo de podcast AULA MAGNA sobre Grecia e Roma realizado no marco do programa de Polos Creativos impulsado pola Consellería de Educación.

AULA MAGNA foi gravado na radio instalada no IES Eusebio da Guarda e, centrado na cultura clásica ,explora temas diversos como o cinema clásico, a arte clásica, a vida cotiá, a cociña e a moda na antiga Roma, o deporte en Grecia , a historia do calendario, a  mitoloxía, una análise curiosa da Ilíada…e todo vertebrado a través do fío condutor da etimoloxía.

Sen dúbida , un traballo de moita calidade dos alumnos de Latín dos cursos de  F/D  de Bacharelato de Humanidades  que axuntaron perfectamente a comunicación radiofónica coa divulgación dos temas da súa especialidade de xeito moi ameno e profesional.

Esperamos que o desfrutedes e vos animedes a participar en cursos vindeiros!

Belén González Aguiar

Departamento de Latín

ACEITES MEDIEVAIS

O alumnado da materia de Latín de 1º F é o autor do traballo ACEITES MEDIEVAIS exposto no corredor do centro O alumnado traduciu os textos de receitas en Latín medieval de aceites esenciais presentes nos seguintes manuscritos:

  • Paris, Bibliothèque nationale de France,
  • lat. 11219 Uppsala,
  • Universitetsbiblioteket, C. 664 Città del Vaticano,
  • Biblioteca Apostolica Vaticana, Barberini lat. 160

e elaborou os aceites de loureiro, rosas, pexego ,lirio, noces... seguindo as receitas dos monxes medievais. 

O traballo foi codirixido pola profesora de Latín do centro Belén González  e a alumna de prácticas do Máster de profesorado Eva Antelo.

Departamento de Latín 

Roteiro galeguista 4º ESO

Acceso a todas as fotos no ENLACE

O alumnado de 4º ESO levou a cabo unha saída didáctica para coñecer os lugares emblemáticos da Coruña que tiveron importancia na historia do galeguismo. Repartidos en catro quendas, realizamos a visita entre marzo e abril. Acompañados por profesorado dos departamentos de Lingua Galega e Literatura (Vitoria Sánchez Regueiro, Mónica Lourido Santiso e Dulce Fernández Graña), Lingua Castelá e Literatura (Sabela Prieto ) e Economía (MaJosé Fojo), realizamos o percorrido a pé entre o instituto e a Cidade Vella, deténdonos nos lugares sinalados pola historia do galeguismo na cidade, nomeadamente o lugar de fundación da Editorial Nós na rúa Real, ou no local onde se fundou a primeira Irmandade da Fala en 1916 denominado “A Cova Céltica”, situada na rúa da Franxa. Continuamos pola Praza do Humor, onde se rende homenaxe aos nosos autores máis retranqueiros, e como non podía ser doutra maneira, saudamos a Risco, Castelao, Cunqueiro e o seu Gatipedro.

En cada parada o alumnado rendeu homenaxe á memoria dos escritores e escritoras homenaxeados/as lendo textos e recitando poemas, mentres os/as asistentes inmortalizabamos cada momento. A estatua que homenaxea a figura senlleira de María Pita, a casa onde viviron Rosalía de Castro e Manuel Murguía coa familia, e a de Francisca Herrera Garrido foron outros lugares onde rendemos homenaxe ás nosas sobranceiras figuras. Foi mágoa que ao Xardín de San Carlos onde está soterrado Sir John Moore non puidemos acceder por estar pechado temporalmente ao público.

Así mesmo, fixemos parada obrigada na Real Academia Galega e na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, na rúa Tabernas, onde esta vez quedamos ás portas sen podermos percorrer o interior do edificio, xa que se encontra en obras. Xa no camiño de volta, recitamos os últimos poemas nos xardíns de Méndez Núñez, ao pé do impoñente monumento de Asorey a Curros Enríquez, e diante da efixie do bardo Eduardo Pondal.

Chegamos ao instituto cos pés cansos mais o espírito enriquecido por unha nova percepción da nosa cidade.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda

Actividades do Club de Ciencia do Eusebio 2024

Toda a información da actividade no ENLACE

AULA de CAPACITACIÓN DIXITAL para ADULTOS

 AULA DE CAPACITACIÓN DIXITAL

 

CURSO:  A TECNOLOXÍA DIXITAL É O PRESENTE, NON QUEDES ATRÁS

 

Nunha sociedade cada vez máis dixitalizada , a brecha xerada para os que non teñen coñecemento no uso das novas tecnoloxías pode mermar o dereito á información e dificultar a súa participación e vinculación social.  

Desde o  IES P Eusebio da Guarda propoñemos un curso para acercar estas tecnoloxías aos adultos no que  traballaremos a iniciación a informática, a comunicación nas redes, conectando e colaborando con outras persoas utilizando o correo electrónico, o calendario, teams,…, e outras aplicacions, aprenderemos a utilizar as aplicación dos  móbiles e da Internet, veremos como xestionar trámites administrativos, buscaremos información e contidos en contornos dixitais e decidiremos que ferramentas son as máis axeitadas para utilizar, prepararemos as saídas ou viaxes, asistencia a concertos,  traballaremos coas fotos, entre outras moitas actividades.

O curso será os martes e xoves de 17:00 a 19:00 desde o 09 de abril ao 20 de maio

 

Apúntate, empezamos o martes 09 de abril cos cursos en martes e xoves de 17:00 a 19:00

 

 

Impreso de matrícula

 

 

Formación Polos Creativos

Acceso a máis fotos no ENLACE

No mes de marzo leváronse a cabo no instituto dúas xornadas de formación no grupo de traballo Polos Creativos. Grazas ao material cedido temporalmente polo CFR da Coruña, o profesorado puido aprender o manexo tanto do equipo de radio como da máquina de coser. Previsiblemente, neste curso teremos ao dispor da comunidade educativa os nosos propios aparellos para poder levar a cabo os proxectos Corazóns Solidarios e Radio Escolar. 

Grupo de traballo Polos Creativos

Celebración da Festa das Candeas ou da Candeloria 2024

Acceso a todas as fotos no ENLACE

Acceso aos premios: Debuxo 1, Haiku 1, Haiku 2, Brétema debuxo

O pasado 2 de febreiro celebrouse a Festa da Candeloria, tamén chamada Festa das Candeas, que ademais da beizón das velas, simboliza a Festa do Amor.

Así pois, hai poucos anos na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, concretamente na capela do Rosario, celebrábase na misa da mañá o casamento de dúas pombas que se ceibaban ao remate do acto relixioso. O carácter amoroso dese día estase a esquecer pasando a doce días máis tarde, é dicir, por San Valentiño, por influxo do consumismo comercial.

E tamén nalgúns lugares de Galicia, festéxase ese día a chamada Festa do Pote, como no concello de Verín (Ourense) onde pode haber na mesa cachucha, ovos, cabrito, tortilla, vitela, fideos con azucre, roscas, churros, figos, roscóns, arroz con xarope, noces, laranxas e bica de rixóns co cal á festa anterior tamén se lle engade unha celebración gastronómica.

Por estes motivos expostos, cómpre recuperar vellas tradicións de noso que ás veces poden chegar a desaparecer e que constitúen sen ningunha dúbida unha parte fundamental da nosa identidade cultural. Hogano, e dada a dimensión da efeméride, o Día das Letras Galegas está adicado á escritora coruñesa e antiga alumna deste instituto Luísa Villalta. Por esta razón, o EDLG decidiu que a festividade do Amor deste ano fose un tributo cara a esta esgrevia muller. Así, organizou un concurso diversificado en dúas categorías: a primeira, consistente nun debuxo de Luísa Villalta na Coruña e lema de amor á nosa cidade, dado o inmenso amor de Villalta pola súa Matria- A Coruña, facendo do seu berce un emotivo canto de amor, nomeadamente no seu poemario En concreto, (2004),

A segunda das categorías foi para subliñar a excelsa mestría de Villalta pola poesía, unha maneira de reflectir a vida, que é o mesmo que dicir a vida mesma, tal como o expresou ela nuns versos do seu poemario Ruído (1995): “Acabarei por facer do poema a biografía, /atar os días a xeito de tercetos encadeados/ e espertar-lle ao mundo que si, que é posíbel/ viver como vive a poesía, voar de aquí a alá/ nalgo tan sutil e ao mismo tempo tan exacto”.

Facendo pois unha xuntanza entre o Amor e a poética villaltina, o EDLG convocou, ademais un concurso de haikus de amor, en lembranza deste tipo de poemas que tamén cultivara a autora en “Sete haikus”, aparecidos no xornal El Correo Gallego o 4 de abril de 1985, que a día de hoxe non pasaron a editarse nun libro. O concurso consistiu na elaboración de haikus sobre o amor, como sentimento cara a outra persoa que nos atrae. Cada participante puido presentar tantos haikus como desexou.

Hai flores de Tempo/ no xardín./ Mais, se as corto,/ desaparecen. Luísa Villalta, As palabras ingrávidas (2020)

Así, antes das vacacións de Semana Santa fóronlles entregados os premios da Candeloria 2024 aos

seguintes alumnos e alumnas:

Categoría: Debuxo de Luísa e mais lema de amor á Coruña:

- 1º premio Claudia Vilá Veiga (1º ESO A): Mar de Riazor e Torre de Hércules; lema: “Ela é a brétema que acariña A Coruña”. (Tarxeta agasallo de 20 € para gastar na Fnac)

- Pola calidade do debuxo presentado, o xurado acordou outorgarlle un accésit ao traballo do alumno de Francisco Ríos García (1º BACH F): Instituto Eusebio da Guarda con verbas de Luísa Villalta: “Ler palabras vivas de poetas mortos”. (Tarxeta agasallo de 15 € para gastar na Fnac)

Categoría: Elaboración de haikus de amor:

- Carmen Eiroa Martínez (4º ESO A): Almorzo romántico para dúas persoas en Sanbrandán Lunch (15 €)

- Aleksandr Mkrtychyan (4º ESO C): Almorzo romántico para dúas persoas en Sanbrandán Lunch (15 €)

Nas fotografías adxuntas a esta reseña, o alumnado gañador aparece xunto coas súas profesoras de Lingua Galega e Literatura, Beni Vidal Tomé (1º Bach F), Victoria Sánchez Regueiro (4º ESO A e C) e Teresa Pastor Novo (1º ESO A).

O EDLG quere agradecerlles a todo o alumnado e profesorado participante o seu traballo e esforzo,alentando a continuidade ás nosas tradicións e costumes.

Teresa Pastor Novo

(coordinadora do EDLG)

As familias coñecen a oferta de estudos superiores

ENLACE ao artigo publicado en La Voz de Galicia

Entrega premios entroido

Acceso a todas as fotos no ENLACE

Alumnado de 1º de ESO B, 3º de ESO B, 4º de ESO A e 2º Bac F acudiron esta semana a desfrutar do seu merecido chocolate con churros, premio por participar e gañar o concurso de disfraces do entroido, no que alumnado e profesorado vestíronse dos anos vinte. 

Ariana Crego Romero, 2ºESOD, Premio da Poesía

No Día Mundial da Poesía, Ariana Crego Romero (2º ESOD), leu o texto co que gaña o premio de poesía (nivel 1) no XIX Concurso Literario Rita Suárez Amado

Acto de homenaxe a Rita Suárez Amado 2024

Acceso a todas as fotos do acto no seguiente ENLACE

Día da Poesía no Eusebio

O Eusebio celebra o Día Mundial da Poesía coa lectura de poemas da nosa exalumna Luisa Villalta

Acceso ao audio do programa de radio no ENLACE

Acceso ao artigo publicado en "la Voz de Galicia" ENLACE

Viaxe ao CERN

ENLACE a máis fotos

Viaxe ao CERN do alumnado de Física de 2º de bacharelato

Celso Emilio Ferreiro no Día da Poesía

 

Función social da poesía 

A proposta temática do Día da Poesía, arredor da función social deste xénero, conecta coa tradición da literatura galega e tamén cun momento convulsivo a nivel global, marcado por dilemas éticos, bioéticos e conflitos bélicos nos que semella pertinente preguntarse de novo sobre “a potencia da palabra poética e a súa capacidade para erguerse como protesta e, tal vez, aspirar a mudar as cousas”, contextualiza María López-Sández (RAG). “A poesía como ferramenta serve para enfrontarnos ás nosas inquietudes existenciais pero tamén aos nosos desafíos colectivos. A palabra protesta sempre estivo aí, e na poesía galega quizais con máis razón, con voces tan potentes como as de Curros Enríquez, Ramón Cabanillas ou o propio Celso Emilio, porque a propia escolla da lingua implica xa un compromiso social de partida. Feliz Día da Poesía! DEPARTAMENTO DE LINGUA GALEGA E LITERATURA

 

Fotos do acto , pinchar no enlace

Acceso a todas as poesías no enlace

Audios da lectura das poesías: 

 

 

Día da Poesía nos Clubs de Lectura

O pasado 21 de marzo celebramos o Día da Poesía nos clubs de lectura do instituto. No club de 4º ESO estreamos a radio para gravar varios audiopoemas recitados e comentados polo alumnado. Gustavo Adolfo Bécquer e Álvaro Cunqueiro voaron nas ondas radiofónicas grazas ás voces de Noa, Aurora, Gerrard, Jhostin, Estela e Mara.

No club de lectura de bacharelato celebrámolo tamén cun recital poético na biblioteca a cargo do alumnado, acompañado da exposición dos libros escollidos. Esta vez foron os versos de Luz Pozo Garza, Pablo Neruda, Curros Enríquez, Manuel María, Rosalía de Castro e Ana Fernández os que encheron de sensacións sonoras a biblioteca nas voces de Noa, Carla, Silvina, Irene, Marta, Katia, Andrea, Natalii, Héctor, Sara e Yara.

Por outra banda, Beatriz, Samuel e Claudia de 2º bach D entrevistaron o poeta François Davo, profesor de Francés no noso instituto; François explicounos o que significa para el a poesía desde a súa propia experiencia, ensinounos algúns dos seus libros e recitou para nós un dos seus poemas.

Para acompañarnos na escoita, accedede ao noso blog desde estas ligazóns.

Feliz Día Internacional da Poesía por moitos anos!

Dulce Fernández Graña, Departamento de Lingua Galega e Literatura

Coordinadora dos Clubs de Lectura

Promesas en Ciencia no Eusebio e máis alumnado coruñés

Juan Brandariz do Eusebio da Guarda e Santiago Sánchez da Grande Obra de Atocha

Máis información nos seguintes artigos  en prensa:

ENCONTRO COA ESCRITORA ANA ALONSO

Este luns 11 de marzo houbo un encontro do alumnado de 2º de ESO coa escritora especialista en literatura xuvenil Ana Alonso para falarnos da súa novela Los tejados de París. A autora falou das estratexias á hora de compoñer novelas, das súas orixes como novelista e da súa traxectoria, respondendo tamén ás numerosas preguntas formuladas polos alumnos sobre todas estas cuestións e sobre algúns aspectos da trama da novela citada. O acto finalizou coa firma de exemplares da obra.

José Luis Gundín Vázquez                                                                                                                                    

Distribuir contido


by Dr. Radut