Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

"CoRuÑeaNDo"

Na campaña da Biblioteca deste curso quixemos dar cabida  a cidade da Coruña no amplio sentido da palabra. "CoRuÑeaNDo" responde a esas pequenas investigacións promovidas desde a nosa Biblioteca. A árbore fai un percorrido por boa parte de barrios e rúas. Agradecemos ao alumnado de 4º A a súa implicación, sobre todo a Pilar, Carmen, Lola e Inés. "Bo Nadal"

VISITA Á EXPOSICIÓN HELMUT NEWTON

Hoxe venres 15 de decembro o alumnado de 2ºB e C de Bacharelato da materia de libre configuración visitou coa súa profesora Beni Vidal a exposición promovida pola Fundación MOP, creada por Ortega, do fotógrafo HELMUT NEWTON.

O alumnado contemplou a selección de fotografías de moda e lifestyle que conforma a exposición, que é unha boa mostra da linguaxe visual audaz, empoderadora e sen complexos característica de Newton. Entre as fotografías exhibidas puidemos contemplar os icónicos espidos e os inesquecibles retratos de personaxes como Andy Warhol, David Bowie, Margaret Tatcher, Charlotte Rampling, Naomi Campbell, karl Lagerfeld…”O seu gran acto revolucionario foi cambiar por completo a forma en que as mulleres eran retratadas nas páxinas das cabeceiras de moda…”, comentou Ortega sobre o fotógrafo, considerado un dos máis importantes do século XX.

Acceso a todas as fotos da visita no seguinte enlace

1.45 millóns de euros para o Eusebio

 

Para acceder a toda a información pinchar no enlace

 

A AECC propón aos adolescentes evitar o cancro

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Carta de agradecemento

Artigos publicados: pinchar en  El Ideal gallego e pinchar en COPE

 

 

ChapGPT NAS AULAS. Artigo en prensa.

Para acceder ao artigo no diario El País pinchar no enlace

24N: NON MÁIS TITULARES !

Pincha en FOTOS , VIDEO , Cartel 24N , Póster VEN DE LARANXA!

Un ano máis, o EDLG organizou un acto para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que, por coincidir hogano en sábado, foi adiado para o venres 24. Para tal causa, este equipo artellou a protesta collendo como recurso o xornal, e en concreto, a súa sección de sucesos. Desgraciadamente é raro o día en que, ao abrir un, non atopemos noticias desta vileza, de aí que case se podería crear unha nova sección: violencia contra a Muller. Con certeza, cada unha destas noticias debería ocupar a totalidade da primeira páxina, dado que así a importancia da ubicación sería absolutamente proporcional á condena unánime e ás medidas gobernamentais máis contundentes para garantir a súa punibilidade. Pola contra, estas pésimas noticias forman parte dunha simple sección; nin sequera son, como se dixo antes, unha soa sección dun xornal. A forza dun titular é evidente: o titular é a primeira impresión, e quizais a única, que causa nun posible lector. Sen un titular ou un título de entrada que convirta un curioso nun lector, o resto das palabras estarían de máis. Porén, un titular pode conseguir algo máis que simplemente captar a atención; pode comunicar unha mensaxe completa a un público indesexable, que actúe cun corportamento lamentablemente imitativo. Nesta ocasión o lema foi: Non máis titulares! Así, nun acto coordinado polas profesoras e integrantes do EDLG Minia Prego, Beatriz Sixto e Beni Vidal, o alumnado foi entrando no Salón de Actos, e representantes de todas as clases de ESO e BACH, ademais de profesorado do centro, leron titulares de prensa sobre violencia contra a muller, co obxectivo de denunciar máis alto, se cabe, esta lacra da nosa sociedade. Para significar ese día, fixérono de xeito ininterrumpido, ao longo dos dous recreos. O feito de sacrificar o seu tempo de lecer en aras dunha boa causa, fai que a Educación con maiúsculas teña sentido, ao no estar circunscrita soamente ás diversas materias académicas. O profesorado titor acompañou os seus grupos. Ende ben, entre as claves para loitar contra a violencia cara ás mulleres e avanzar na prevención, nós, como docentes, temos unha poderosa arma: a de poderlle inculcar á mocidade unha actitude reflexiva e activa ante os problemas máis acuciantes que temos na nosa sociedade e non permitirlles “mirar para o outro lado”, porque neste tema, non hai outro lado: só a condena unánime contra a violencia.

Moitas grazas a todo o alumnado e profesorado que arrimou o ombreiro nesta loita pintada de laranxa, a cor de optimismo e esperanza institucionalizada pola ONU para esta conmemoración.

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Dende que no ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de novembro como Día Mundial da Ciencia para a Paz e Desenvolvemento, novembro pasou a ser para nós o Mes da Ciencia. En consonacia con isto, desde hai 11 anos o profesorado de Galicia celebra o 4 de novembro o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo desta conmemoración é de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida coma calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.

Proba disto, dentro das variadas actividades do Club de Ciencia, cómpre destacar a que fixo o alumnado de 1º ESO, en colaboración co EDLG e coordinada polas profesoras de Física e Química Desi Cerqueiro e Minia Prego Cabeza, esta membro tamén deste equipo. O dito traballo serviu para coñecer o método científico. Na primeira parte da tarefa, leron e mais comentaron un texto sobre a vacina da varíola e de como esta foi levada a América, nunha expedición de nenas e nenos orfos, que partiu da Coruña. A seguir, a rapazada propuxo hipóteses sobre a caída libre de corpos. E para rematar, experimentaron con globos, coa fin de comprobar as ditas hipóteses.

Por outra banda, e tamén dentro desta efeméride do mes da ciencia en galego, o Departamento de Lingua Galega e Literatura quixo tamén sumarse a esta conmemoración. Así, baixo a supervisión da súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo, o alumnado de 1º ESO A e D traballou asemade ambas disciplinas (Lingua e Ciencia) e elaboraron decálogos sobre boas intencións medioambientais. Con esta actividade puxeron en práctica o estudado sobre a elaboración dun texto instrutivo, melloraron a súa competencia escrita e, por suposto, reflexionaron sobre o coidado do Medio Ambiente.

Con estes traballos, ao empregar a nosa lingua, alumnado e profesorado cumpriron unha das maiores arelas do Seminario de Estudos Galegos (1923), cal foi a de que todas as ciencias se estudasen na nosa lingua propia, o galego.

ACTIVIDADES CICLO TURISMO

1. CHARLA COLOQUIO: As claves de Organización de Eventos

Os alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Axencias de viaxes organizaron a charla-coloquio: As claves da organización de eventos. A xornada, enmarcada dentro das actividades desenvolvidas pola Aula de Emprendemento comezou leer máis
 
2. CHARLA NA AULA DO REPRESENTANTE DA EMPRESA WE GALICIA
 
David Don visitou, o venres 27 de outubro, ao grupo de segundo de guías para falarnos  da súa traxectoria profesional e da dinámica de traballo da súa empresa de guías de turismo.

VISITA GUIADA POLO CENTRO

 
Mais imaxes no seguinte enlace
 
O pasado mércores 25 de outubro, os alumnos de segundo de guías realizaron unha visita guiada polo centro aos alumnos de primeiro dos ciclos de Axencias e Guías. Sen dúbida conseguiuse recibir e acoller aos novos alumnos traballando na valorización, prestixio e recoñecemento do noso instituto.
Esta visita non sería posible sen a previa axuda da Directora, Isabel Ruso, que uns días antes, e coa  pasión e devoción polo centro que lle caracteriza, mostrou e explicou todos os rincóns aos alumnos. 

FOTOHISTORIAS DO MAGOSTO

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

IIº CONCURSO DE FOTOHISTORIAS DO MAGOSTO 2023: “Entre a vendima e a castañeira”

O luns 13 de novembro o xurado resolveu o alumnado gañador do IIº Concurso de Fotohistorias do Magosto 2023 “Entre a vendima e castañeira”, organizado polo EDLG. O xurado estivo composto por membros do dito equipo. Así, tal e como aparecía recollido nas bases, concedéronse dous premios para aqueles mellores microrrelatos, os cales achegaron historias orixinais e inéditas, que tiñan como pano de fondo a festividade do Magosto, acompañadas de cadansúas fotografías, tamén de autoría propia. Deste xeito, resultaron gañadores os seguintes traballos: co

1º premio, consistente nunha tarxeta agasallo de 20 € para gastar na FNAC, para o alumno Nicolás Rodríguez Vázquez (1º Bach F), autor d ́Un magosto moi especial; e 2º premio, dotado cun lote de libros en lingua galega, para a alumna Laura Casais Antelo (1º Bach F), autora d ́A maxia do Magosto.

A entrega de premios tivo lugar este xoves 16 de novembro ás 12:10 h no 1º andar do edificio histórico, diante do taboleiro con todos os traballos presentados. As persoas encargadas de entregar os galardóns foron as alumnas Vera Blanco Pérez (2º ESO A) e Ariana Crego Romero (2º ESO D), integrantes do EDLG, quen aproveitaron o momento para darlles aos premiados uns colares de zonchos, moi acaídos neste mes de Santos ou de San Martiño.

Sen ningunha dúbida, somos un feixe de lembranzas, que percibimos polos cinco sentidos: vista, gusto, olfacto, tacto e oído. Así, o EDLG quixo destacar este costume tan de noso, para que non se perda e poidan gozar del as xeracións que piden paso no camiño ás alancadas.

En efecto, cando eu era pequena, a miña nai facía os colares de castañas cocidas con pelica (zonchos) para as súas catro fillas, o día 1 de novembro, festividade de Todos os Santos. Previamente, cocíaas con nébeda ou calaminta, unha planta moi presente en toda Galicia, que medra de xeito silvestre. Un recordo olfactivo era ese recendo, mestura de menta, anís e ourego, que se esparexía por toda a casa e que ficará para sempre na miña pituitaria. Unha vez cocidas e escorridas,

comezaba a ensarillalas cunha agulla grosa e cordel (ou tanza de pescar, unha das grandes afeccións do meu pai). Coma se dunha ourive se tratase, engadía unha a unha, ata crear aquela alfaia tan devecida por nós. Esa imaxe tampouco se borrará do meu maxín. Despois comprobaba a lonxitude axeitada do colar, e a morneza chegaba ao noso pescozo (e, a verdade, tamén o peso). Ata que despois se escoitaba a máxica oración: “Nenas, xa están os colares”. Despois saïamos á rúa coas nosas “xoias” e luciámolas con fachenda.

Di a tradición cristiá que cada castaña comida representa unha alma liberada do purgatorio. E que a rapazada ofrecíalle os zonchos á veciñanza que pasaba, co fin de ceibar o maior número de ánimas posibles. Segundo outras fontes, os colares de zonchos teñen a súa orixe nas celebracións celtas do Samain, e facíanse para llelos poñer ás nenas e nenos ao xeito de amuleto, coma protección contra os males espíritos. Sexa como for, na súa interpretación cristiá ou pagá, ás miñas irmás e a min o único que nos deleitaba era ese saborento manxar que iamos arrincando a dentadas ata deixar a pelica puída e o cordel baleiro.

É por iso que cómpre non esquecer este agarimoso costume dos colares ou rosarios de zonchos, coma un sinal da nosa identidade e coma respecto polos nosos devanceiros. Unha tradición de moita raizame outrora, que debemos conservar.

Outra proba máis disto témola na nosa grande Rosalía de Castro, a nosa Rosa das Rosas. A esgrevia poeta dicíalle á meniña gaiteira no comezo de Cantares Gallegos (1863) "Has de cantar, / que che hei de dar zonchos; / has de cantar, / que che hei de dar moitos...”.

Por último, o EDLG quere amosarlle o seu agradecemento a todo o alumnado participante polas súas fotohistorias e tamén polo entusiasmo amosado, que fago extensivo ao seu profesorado de Lingua Galega e Literatura, especialmente á profesora Beni Vidal Tomé, xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura, e profesora do alumnado premiado neste certame, por alentalo na participación no mesmo.

Moitas grazas e parabéns a todas e a todos!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

Charla coloquio e visita de catro guías oficias.

MARTES 24 DE OUTUBRO

No marco do proyecto do Aula de Emprendemento, iniciado este ano, celebrouse a primeira das actividades planificadas para fomentar o Emprendemento no alumnado.

Nesta ocasión, a actividade dirixiuse ao ciclo de Guías, Información e asistencia Turística.

Organizada en dos tramos, no primeiro, Guido Guía có o seu proxecto unipersoal e Cascarilleiros, Guías del Bierzo e 77 Turismo Betanzos, representados por Aida Aguiar, Noelia Corredera y Jose  A. Paz, participaron nunha charla coloquio cos alumnos do primeiro e segundo curso na que posibilitóuse o acercamento e coñecemento do perfil profesional do guía e a motivación e estímulo para que os nosos alumnos se embarquen proyectos Persoais na suavizante andadura profesional, segundo os pasos dos convidados á actividade. No segundo tramo, os guías organizaron unha visita pola cidade, dirixida aos alumnos do segundo curso, cara ao análise das distintas técnicas e enfoques empregados no desenvolvemento do servizo.

 

Novembro 2023: MES DA CIENCIA EN GALEGO

Para acceder a todas as fotos pinchar no ENLACE

As cinco cabazas da Apocalipse

Moi orixinal a achega ao Samaín, materializada nunha actividade deseñada polo profesor Manuel Varela Domínguez, xefe do Departamento de Bioloxía, coa creación do Proxecto CO2dos. O alumnado do dito proxecto quixo alertar das preocupantes consecuencias do cambio climático, focalizadas en cinco accións: desertificación, quentamento, extinción de especies, deforestación e incendios. Así, as consecuencias destes grandes males foron explicadas nuns cartaces e mais materializadas con cadansúas cabazas, representando de xeito metafórico os cinco xenetes da Apocalipse. Sen dúbida, un estimable gran de area para un magnífico proxecto, que contribúe a unha das maiores arelas do Seminario de Estudos Galegos, cuxo 1o Centenario da súa creación vimos de festexar no noso instituto hai unhas semanas: contribuír ao rigoroso estudo das diversas ciencias, empregando a nosa lingua. 

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

ARS COQUENDI

Para acceder a todas as fotos pinchar no ENLACE

Un achado moi valioso e acaído en tempos do Samaín: ARS COQUENDI

Sabiades que antigamente algunhas das aulas do andar superior do edificio histórico cumprían o servizo de vivendas para os conserxes? De feito, algunha delas conserva o resto da “mirilla” ou ollo de pez da porta. Con esta información que lle escoitaron á súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo, o alumnado de 1º ESO A e D, guiados polas curiosidades que ten agochadas este emblemático instituto, quixo pescudar o soto deste do mesmo, coa finalidade de descubrir algo. E alí, agochada entre teas de araña e diversos trebellos, os rapaces e rapazas ficaron abraiados diante dunha misteriosa caixa negra onde se podía ler, con letras sanguiñentas: ARS COQUENDI, a arte de cociñar, en lingua latina. Ao abrila, o feitizo non puido ser maior: contiña o que viría sendo un manuscrito realizado por alumnado de hai máis dun século, con moitas receitas elaboradas cos ingredientes máis noxentos posibles, “saborentos” manxares do mundo do Alén. Abofé o gusto compilatorio dalgún conserxe fixo conservar esta alfaia.

Obviamente, isto constitúe unha brincadeira para contextualizar esta actividade, bo pretexto para renderlle unha homenaxe ao Samaín. Logo da lectura nesta 1a avaliación do libro de Ledicia Costas, Escarlatina, a cociñeira defunta, o alumnado dos grupos antes nomeados tivo que inventar uns pratos imposibles de comer no mundo dos vivos. Así, quixemos sumarnos á temática da morte que, cun humor maxistral, recrea a nomeada autora viguesa, con divertidas aventuras do Inframundo, protagonizadas por uns personaxes moi peculiares e divertidos. Escarlatina, unha nena cociñeira falecida no século XIX, que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés, coprotagoniza esta historia xunto con Román, quen recibira polo seu aniversario un agasallo moi particular.

Polo libro desfilan larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos. Tecidas entre ellas, asistimos a múltiples peripecias, cun exquisito humor macabro. Como novidade hogano, quixemos engadir ese ficticio manuscrito antergo, que non é máis que o seu magnífico traballo, presentado nesa caixa negra sinistra, exposta nunha mesa sanguinolenta que recrea un xantar do Inframundo. A dita mostra pódese ver no primeiro andar do Edificio histórico, instalada un axeitado 31 de outubro (anunciando a noite do Samaín).

Quérolle agradecer a todo alumnado a implicación nesta celebración tan de noso, e a boa disposición das alumnas de 1º ESO D Adriana Corrochano Martínez e Carmen Segret Vázquez, por axudar na montaxe desta exposición, sacrificando o seu tempo de lecer. De igual xeito, fago extensiva a miña gratitude á profesora Belén González Aguiar, xefa do Departamento de Latín, pola súa asesoría lingüística na tradución do título deste manuscrito, ademais de suxerirnos a deleitosa lectura de De re coquinaria, do escritor latino Marco Gavio Apicio, considerado o primeiro tratado sobre gastronomía, e que serviu e aínda serve de guía para moitos dos escritores e cociñeiros posteriores.

O Samaín foi unha data moi gorentosa en actividades porque, ademais de desenvolver a expresión escrita e mais o humor con estes pratos, tamén puxeron a proba a súa expresión oral e elaboraron microrrelatos de terror; como se de contacontos reais se tratase, narraron e dramatizaron as súas grandes historias pequenas na propia aula, nunha atmosfera arrepiante, con efectos especiais e sustos incluídos. Bo traballo, rapazada!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

XIX Concurso literario Rita Suárez Amado

Para acceder ás bases do concurso pinchar no enlace

O oficio do guía de ruta

O martes 18 de outubro veu visitarnos e a dar unha charla sobre o oficio do guía, Yolanda González, antiga alumna, hoxe guía acompañante  e guía oficial de Galicia. Presta os seus servizos en Europamundo Viaxes, un dos Operadores de turismo máis importantes do sector e tamén colabora periodicamente con axencias de viaxes de Galicia.
Entre unha viaxe e outro, os alumnos tiveron a oportunidade de escoitar os seus consellos e recomendacións. Moitas grazas pola túa visita!

Time to move chegou ao Eusebio

Acceso ás FOTOS

Un pequeno grupo de 3º ESO asistiu  a unha charla informativa impartida por representantes de Ingalicia e Eurodesk que se encargaron de acercar Europa aos máis xovenes. 

Co lema deste ano: “Europa ao alcance da man”, lanza a súa campaña anual  co obxetivo de conectar, a través de distintas actividades, aos mozos e mozas europeos e informar do acceso ás distintas oportunidades de movilidad que ofrece a Unión Europea, como poden ser o programa Erasmus + ou o Corpo Europeo de Solidaridade, entre outros. 

Animamos a todo o noso  alumnado a participar.

INTERCAMBIO CO COLEXIO IRÈNE JOLIOT-CURIE DE FONTENILLES. ALUMNADO DE 3º DE ESO.

Pinchar en  FOTOS e VÍDEO 

Un ano mais os alumnos e alumnas do colexio Irène Joliot-Curie de Fontenilles, unha localidade preto de Toulouse, estiveron na nosa cidade este mes de outubro, do 14 ao 20, no primeiro encontro do intercambio que organiza o departamento de francés. Trinta e tres alumnos de 3º de ESO e tres profesoras gozaron da acollida das familias españolas e de numerosas actividades coordinadas polos membros do departamento. Realizamos con eles dúas excursións : a última etapa do Camiño de Santiago e a ruta Muros-Ézaro-Vimianzo, coa visita á cascada do Ézaro, á vila de Muros, onde fíxeron un percorrido guiado moi interesante e tiveron ocasión de degustar pratos típicos galegos, e ao castelo de Vimianzo, no que puideron aprender algo da historia de Galicia e dos oficios tradicionais. O tempo non nos acompañou e impediu facer unha parada na praia de Carnota pero como eles din : " échange pluvieux, échange heureux", que en galego sería “intercambio chuvioso, intercambio ditoso”.

Co alumnado do ciclo de Guía, información e asistencia turística pasearon pola a cidade, moi atentos ás súas explicacións. Tamén visitaron os museos científicos, o Aquarium Finisterrae, a Torre de Hércules, o Castelo de San Antón e a Casa Picasso, acompañados sempre por profesorado de francés do centro. Por último, coñeceron un pouco a historia do instituto da man da nosa directora, Isabel Ruso e fixeron fotos na nosa aula antiga. Como despedida, tivemos unha divertida festa na sala Picasso, con actuacións dos alumnos e alumnas, á que acudiron convidadas as familias e que finalizou cun buffet ofrecido polas familias e servido polo alumnado do ciclo de Axencias de viaxe e xestión de eventos, na biblioteca do instituto. Temos que facer unha mención especial ao alumnado de ciclos que, axudados polo seu profesor François Davo, participou de xeito entregado nas actividades encomendadas. 

As familias francesas agradecen o bo trato que recibiron os seus fillos e fillas e espérannos para o mes de abril, cando terá lugar a segunda parte deste intercambio.

Grazas a todas as persoas que fan posible esta bonita experiencia!

TEMPOS DE SAMAÍN

Xa está aquí o outono, e con el as castañas, as caveiras de melón, os calacús ou botefas, as augas e os tempos escuros; remata o verán e encétase o inverno; acaban as romarías ao sol e inícianse os fiadeiros a carón do lume: son tempos do Samaín.

SAMAÍN, palabra gaélica, non significa máis que “fin de verán, principio do inverno”. Na antiga cultura gaélica, o tempo do Samaín, especialmente da noite do 31 de outubro ao 1de novembro, era o período máis importante do ano. Eran as datas claves para se reunir nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de Samaín e concelebrar as reunións festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano; as portas do Alén abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de visitar este mundo e os seus moradores, tantas veces para render contas pendentes.

Hai 3.000 anos nos pobos celtas de Europa, entre eles Galicia, Irlanda e distintas zonas de Gran Bretaña, os habitantes deses lugares esperaban o Novo Ano que, para eles se, se iniciaba co tempo do cambio de estación, da colleita e os misterios entre a vida e a morte.

Os celtas crían que, esa noite, a fiestra que separaba o mundo dos vivos e dos mortos desaparecía e que a véspera do Samaín -que así se chamaba a data- as almas dos mortos regresaban para visitar os fogares terrenais. Para manter estes espíritos contentos e afastar os malos dos seus fogares, os celtas deixaban comida ou doces fóra, unha tradición que se converteu no que hoxe fan os pequenos indo de casa en casa pedindo lambetadas.

Os cristiáns consideraban que os celtas adoraban o diaño, malia que este nunca existiu na relixión céltica. Daquela, determinouse que a maneira de converter os celtas ao cristianismo era adoptando o festival deles e transformalo en cristián. Así, o primeiro de Samaín derivou no Día de Todos os Santos.

Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e errantes, adoitaban poñer no alto das murallas, ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña. De aquí, dos ritos e crenzas célticas ao redor da caveira, vén a tradición europea de facer caveiras nas cortizas dos melóns, cabazas ou cabazotes.

Grazas ás pescudas do profesor López Loureiro, sábese que esta tradición se espalla por toda a antiga tradición céltica europea e, concretamente para o caso de España, por todas as zonas con vestixios do elemento céltico ben documentado.

O Samaín é o antecedente europeo do Halloween americano. Esta tradición de orixe europea foi levada a América polos emigrantes irlandeses, que empezaron a usar as cabazas no sitio dos nabos, e alumeábanas cunha brasa primeiro e despois con candeas. De alí, transmudouse nunha sorte de Entroido outonal. 

En Galicia atopámola en toda a súa xeografía, non faltando este costume en ningunha das súas bisbarras e achegando un folclore similar, aínda que dándolles denominacións diferentes: calacús, polas Rías Baixas; caveiras de melón, en Cedeira; calabazotes, en Ortigueira; colandros, en Ourense; .......

Cómpre dicir que en vilas coma Cedeira, esta festa é moi nomeada, e en moitos centros educativos conmemoran esta data. Normalmente, tallan as caveiras nas cabazas e poñen unha candea dentro para iluminalas. Tamén nesa vila, os rapaces saen disfrazados en procesión pola noite e sosteñen as súas cabazas mentres camiñan. 

Relacionado con isto, convén relacionar ancestrais lendas ou crenzas de noso, a saber, os “Aparecidos” e a Santa Compaña. Xa o esgrevio escritor don Ramón Otero Pedrayo falaba de fadas e de defuntos errantes na época do Samaín, feito coincidente co enorme gusto polo ocultismo e polo mundo do Alén, que caracterizou os homes da inesquecible Xeración Nós.

Finalmente, dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) consideramos esencial divulgar estas tradicións de noso, para comprender non só aspectos que atinxen á lingua, senón tamén para coñecer os nosos sinais de identidade e, por extensión, a nosa etnografía. É, pois, época de celebración: son TEMPOS DO SAMAÍN. 

Ma Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

CADEA HUMANA CONTRA O CANCRO DE MAMA

Máis imaxes no enlace

O 19 de outubro, día da loita contra o cancro de mama, o alumnado de 3º ESO E acompañado polo seu profesor Manuel Blanco. e o de 4º ESO E coa súa titora Dulce Fernández Graña, colaborou na cadea humana que se formou sobre as 11:00 da mañá arredor da Praza de Lugo.

Esta iniciativa tivo como obxectivo reclamar máis atención e investigación para que se reduza a mortalidade desta grave doenza tan presente en Galicia. Coa camiseta rosa por bandeira, cor que representa esta loita, e baixo o lema “O rosa é máis que unha cor”, ergueron as súas mans nunha onda común que simbolizou a forza que a nosa unión cidadá pode exercer para reivindicar as causas xustas.

Dulce Fernández Graña

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

Artigo Ideal Gallego

https://www.elidealgallego.com/articulo/a-coruna/cerca-800-jovenes-corun...

Fotos cadea humana La opinión

https://www.laopinioncoruna.es/fotos/a-coruna-metro/2023/10/19/cadena-hu...

Reportaxe Telexornal TVE 1, minuto 10:40

https://www.rtve.es/play/videos/telexornal-galicia/segunda-edicion-19-10...

CALENDARIO DE AULA 23-24

Máis imaxes no seguinte enlace

Acabados de saír do prelo, este xoves 19 de outubro foron entregados os calendarios de aula por un grupo de alumnas, pertencente ao EDLG. As rapazas foron explicando polas diferentes aulas os detalles que presenta o deseño gañador deste ano, obra da alumna de 2º ESO B, Nuria Alonso. Rodríguez. Cómpre dicir que o traballo gañador reflicte á perfección as bases requiridas. Así, aparece o debuxo da nosa heroína icónica, María Pita, co fondo da bandeira de Galicia. Elixir unha figura tan representativa da nosa cidade constitúe un óptimo enfoque, xa que o que se pedía era iso precisamente: renderlle unha homenaxe á escritora Luísa Villalta, para quen A Coruña constituíu unha das súas musas, a súa adorada Matria, a quen lle adicou boa parte da súa produción poética. Ademais, o lema que anima o uso do galego está moi acaído; “Defende o galego coma os nosos ancestros a nosa cidade”, un símil contundente e exhortativo, tendo en conta a afouteza coa cal a nosa María de Todas as Batallas defendeu a cidade herculina do ataque da Armada británica, no século XVI.

Por unha marabillosa casualidade, este calendario achega a comuñón de dúas mulleres exemplares no amor cara á súa terra: María Pita e mais Luísa Villalta. Encetando con isto, o dito calendario leva dous detalles significativos: por unha banda, e para nos adaptar aos novos tempos, o EDLG quixo inserir un código QR coa información de Galipedia sobre a nosa heroína; e, por outro lado, por ser o ano 2024 moi venturoso para a nosa cidade, e tamén para o noso instituto (foi antiga alumna, graduándose no curso 1973- 1974) ao dedicárselle o Día das Letras Galegas a Luísa Villalta, inclúense tamén uns versos da esgrevia autora, escollidos á mantenta, posto que van dirixidos á mocidade: “ O riso dos adolescentes perverte constantemente o ar/ e parece vir do lugar donde a culpa pretendeu sempre enganarnos/ o lugar que atafegadamente somos/ ao borde mesmo do futuro”. Na miña humilde interpretación, ao non contar ende mal co testemuño vivo de Luísa, a mocidade é ledicia, unha manifestación cinxida de culpas atávicas que lle veñen da infancia. Véñenme á cabeza as verbas sabias de Joan Manuel Serrat da súa canción/ himno Eses tolos baixiños: “Neno, deixa xa de foder coa pelota; iso non se di, iso non se fai, iso non se toca!”, sendo ás veces os adultos quen cortan con rexas tesoiras os seus soños.

Porén, como dicía o gran poeta alemán R. M. Rilke, “a verdadeira patria do home é a infancia”. Dela, do que vivimos, reflictirase o que imos ser de adultos, nun futuro que pide paso ás présas; da infancia, da adolescencia, é o que queda en nós, como esencia. Por iso, a mocidade é, xa que logo, o diamante en bruto da idade adulta, nun futuro que xa é presente.

Sen ningunha dúbida, estas fermosas verbas de Luísa Villalta, dirixidas aos mozos e ás mozas, amosan varios aspectos: o fondo coñecemento do sentir destes “tolos baixiños” (na súa faceta de docente), a actitude reflexiva do seu pensamento e o seu dominio lingüístico.

Oxalá que todas as probas, exames, traballos, saídas culturais, ... que iredes anotando neste calendario sexan de moito proveito e que gocedes un curso máis da fermosa viaxe do coñecemento, da sabedoría, que vos fará máis libres cada día. 

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

Distribuir contido


by Dr. Radut