Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

AVISOS

ABAU 2024-CONVOCATORIA ORDINARIA Toda a información no ENLACE

CRITERIOS de PROMOCIÓN e TITULACIÓN ALUMNADO de ESO Toda a información no ENLACE

BECAS para niveis postobrigatorios. Prazo límite de solicitude, 10 de maio de 2024 ás 15:00 horas. Toda a información no ENLACE

Listaxes provisionais admisión CURSO 24/25
25 de abril: publicáronse as listaxes provisionais de alumnado admitido e non admitido neste Instituto para o curso 2024-2025.
 
As listaxes poderán consultarse:
  • Presencialmente: Única e exclusivamente no taboleiro de anuncios.
  • Telemáticamente: Única e exclusivamente a través da aplicación admisionalumnado empregando a Chave365 ou certificado dixital.
As persoas interesadas no procedemento de admisión poderán formular reclamacións no prazo de 5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.
 
A estimación ou desestimación das reclamacións formuladas fronte as listaxes provisionais, entenderase realizada a través das listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas, que serán publicadas o 15 de maio de 2024.

ABAU 2024 - CONVOCATORIA ORDINARIA

ABAU 2024 - CONVOCATORIA ORDINARIA

SOLICITAR O TÍTULO DE BACHARELATO

(Trámite imprescindible para presentarse a ABAU).

  • Impreso cuberto cos datos do alumno-a, terás que cubrilo e imprimir 1 copia.
  • Seguir as instrucións para pagar as tasas.

Presentar os dous impresos o 20 (9:00-14:00 h) e 21 de maio (9:00-11:00) na Secretaría xunto cos impresos da ABAU.

MATRÍCULA ORDINARIA ABAU (Selectividade)

O alumnado que desexe matricularse da ABAU, unha vez cuberta a documentación e pagadas as taxas da ABAU e do Título de Bacharelato, deberá entregar na secretaría do centro o 20 (9:00-14:00 h) e 21 de maio (9:00-11:00), a documentación que se relaciona a continuación:

  • Fotocopia do DNI ou Pasaporte (no caso de estranxeiros).
  • Impreso de matrícula da ABAU . Cubrilo e imprimir 1 copia desde ese enlace.
  • Resgardo acreditativo de ter aboados os prezos públicos de matrícula: cubrir este impreso e imprimir 3 copias.

Unha vez feita a matrícula, o alumnado poderá acceder á aplicación Nerta cunha  conta de usuario que lle chegará polo seu correo electrónico. Premer para ver as instrucións correspondentes.

Importe do prezo de matrícula ABAU:

  • Ordinaria:  63,67 Euros
  • Familia numerosa - Categoría xeral: 31,84 Euros
  • Familia numerosa – Categoría especial: Gratuíta

O alumnado que alegue ser membro de Familia Numerosa, deberá aportar fotocopia compulsada do Título de Familia Numerosa.

  • Persoal das Universidades do SUGGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada mediante certificación dos respectivos Servicios de Persoal e, no caso de cónxuxe ou fillos, ademais por medio da fotocopia do libro de familia onde figure o matrimonio e o alumno/a.
  • Persoas con discapacidade (33%)Gratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula coa correspondente resolución administrativa do órgano competente de Comunidade Autónoma pola que se recoñece a condición vixente, no prazo de matrícula.
  • Persoas coa condición de vítimas de terrorismoGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula coa correspondente resolución administrativa pola que se recoñecese a condición vixente, no prazo de matrícula.
  • Persoas coa condición de violencia de xéneroGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula, mediante calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
  • Persoas beneficiarias da prestación do ingreso mínimo vitalGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula, mediante a resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social prevista no artigo 28.3 da Lei 19/2021, do 20 de decembro.

Publicación listaxe matriculados

21 de maio na aplicación Nerta pódense revisar os datos e pódese interpor reclamación desde as 11:00 ata as 13:00 horas na secretaría do centro se hai algún erro.

EXAMES ABAU

Lugar:

Sede alumnado do IES Eusebio da Guarda: ETS Enxeñería de Camiños, Canais e Portos. Campus de Elviña. A Coruña 

Sede alumnado neae: Facultade de Economía e Empresas. Campus de Elviña. A Coruña 

Datas convocatoria ordinaria: 4, 5 e 6 de xuño

Data de entrega de cualificacións provisionais: 13 de xuño (a partir das 20:00 h)

Data de entrega de cualificacións definitivas: 20 de xuño (a partir das 20:00 h)

Vídeo informativo

Horario das probas 

Protocolo ABAU

Aplicación Nerta: https://www.edu.xunta.es/nerta/ 

Máis información: CiUG 

Vídeo-homenaxe a Luísa Villalta

 "Vídeo-homeaxe a Luísa Villalta realizado polo alumnado de 2º Ciclo superior de Guías turísticas. Axiña estará dispoñible a versión en lingua francesa."

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

 
 



 

                        

Esta semana de Homenaxe á escritora LUÍSA VILLALTA, queremos que o noso alumnado participe do traballo que se realiza na Biblioteca do Instituto a prol da nosa língua e cultura.

Esta Primavera das Letras iniciouse na nosa Biblioteca coa celebración do Día de Libro cunha lembranza aos libros antigos galegos, concretamente á Colección "O Moucho", un proxecto editorial dos irmáns Álvarez Blázquez iniciado en 1967 baixo o lema "Libros do pobo e para o pobo" que hoxe recoñecemos como un fito na historia da edición de libros en galego.
Queremos agradecer a Mercedes Rey a súa dedicación e aportación á Biblioteca tendo sempre presente a nosa lingua e cultura.
 
Beni Vidal
Xefa do Departamento de Lingua e Literatura

AULA de EMPRENDEMENTO

O alumnado de primeiro dos Ciclos de Turismo asistiron ao 36 Congreso OPC Spain que tivo lugar en Palexco entre os días 22 e 24 de febreiro. O eixe central do congreso xirou en torno ao compromiso social, diferenciación e valores na organización de eventos. A Intelixencia Artificial estivo moi presente en tódalas xornadas, e foi un dos temas máis analizados e debatidos nas distintas mesas e talleres.

Antiguo alumno do Eusebio

Federico Mosquero estrea xoves "Concerto para un home só", ópera de cámara baseada na peza teatral da autora Luisa Villalta. Máis información do artigo publicado en prensa en "La Voz de Galicia" no ENLACE

Ahí vén o maio....ao Eusebio

 

Acceso a todas as fotos no ENLACE

O pasado 8 de maio o EDLG celebrou a Festa dos Maios. A orixe desta festa, denominada FESTA DOS MAIOS OU DO PAU DE MAIO, remóntase a antes do cristianismo. Parte da crenza de que os espíritos arbóreos fan prosperar, non só as colleitas, senón tamén bendicen o gando e mesmo as mulleres con fillos. Trátase de ritos vencellados á natureza, á fecundidade da terra, aos animais e ao propio home.

Esta festa popular galega forma parte do chamado Ciclo do maio, época de exaltación da natureza ao comezo da primavera. Celébrase en concreto entre finais de abril e principios de maio, aínda que o ciclo se desenvolve ata o mesmo comezo do verán, na noite de San Xoán. A súa orixe está necesariamente relacionada coa manipulación da natureza por parte do home; neste sentido, ben pode remontarse ao período magdaleniense, momento en que xorden os primeiros rituais asociados coa colleita, ben ao neolítico, coa consolidación da agricultura e mais o sedentarismo.

A festa coñeceu algunhas materializacións específicas en distintas culturas, asociándose á fecundidade da natureza, como a celta, grega (no culto á deusa Afrodita), a latina (con diversos xogos en honra a Ceres, Tellus, Pales, Elicius e Robigo, e sobre todo as Floralia en honra a Flora, así como a fiesta en honra a Maia o primeiro de maio), a sueva (co seu culto ao lume) e a cristiá (que despaganiza determinadas festas, facéndoas coincidir con celebracións propias, como a fiesta da Santa Cruz).

Así, o alumnado de 1o ESO A e D, coordinados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo quixo contribuír ao mantemento destas tradicións e elaborou o seu particular maio, representado na cortiza do EDLG, onde expuxeron uns coloridos caligramas de flores e mais acrósticos, estes formados con termos alusivos á primavera. Á parte disto, tamén colocaron fotografías destas esculturas arbóreas, con moita tradición en moitas partes de Galicia, especialmente en Ourense. Deste xeito, conmemórase a chegada da primavera e ensínase a ledicia polo medre e floración da vexetación, polo que se crean verdadeiras obras de arte con flores, cascas de ovos, herbas ou froita diversa. Como a música non debe faltar nestas celebracións, que cómpre achegarlle á mocidade para que as conserven, ningunha mellor que a versión de Emilio Batallán, sobre o poema de Curros Enríquez “O maio”, do libro “Aires da miña terra” (1880).

Aí vén o maio

de frores cuberto ...

Puxéronse á porta

cantándome os nenos;

i os puchos furados

pra min estendendo,

pedíronme crocas

dos meus castiñeiros.

 

Pasai, rapaciños,

calados e quedos;

que o que é polo de hoxe

que darvos non teño.

Eu sonvos o probe

do pobo gallego:

pra min non hai maio,

pra min sempre é inverno! ...

 

Cando eu me atopare

de donos liberto

i o pan non me quiten

trabucos e préstemos,

e como os do abade

frorezan meus eidos,

chegado habrá estonces

o maio que eu quero ...

 

Queredes castañas

dos meus castiñeiros? ...

Cantádeme un maio

sin bruxas nin demos;

un maio sin segas,

usuras nin preitos,

sin quintas, nin portas,

nin foros, nin cregos.

 

Teresa Pastor Novo

(coordinadora do EDLG)

TALENTOS INCLUSIVOS

Hoxe, 13 de maio, o alumnado do IES P Eusebio da Guarda, representantes do CITIC e a directora xeral de Innovación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia visitaron as instalacións de ASPACE Coruña.

Da man de representantes da entidade, o grupo de estudantes puido coñecer a realidade das persoas con parálise cerebral e comprobar o funcionamento de algún dos retos que están levando a cabo nesta edición.

FORUM GASTRONÓMICO DE GALICIA

LUNS 8 de abril
Forum Gastronómico de Galicia,
O alumnado do primeiro curso dos nosos ciclos acudiron ao Fórum Gastronómico de Galicia, un dos eventos mais importantes neste ámbito de referencia  nacional, para ver e coñocer de primeira man as tendenzas e os proxectos gastronómicos mais salientables do Mercado.

XORNADAS PROFESIONAIS DE LIDERAZGO FEMENINO NO SECTOR DE HOSTELERÍA


MERCORES 8 de Maio
O alumnado de primero dos ciclos do Eusebio asistiron ao CIFP Paseo das Pontes para escoitar, no Marco das xornadas organizadas neste centro sobre a Dirección e Xestión dos Recursos humanos nas empresas hoteleiras, as experiencias e traxectorias persoais de directivas e responsables de Recursos Humanos  de recoñecido perfil  no sector hoteleiro coruñés.
Moitas grazas ao CIFP Paseo dos Pontes pola súa invitación.

DÍA DO LIBRO NA BIBLIOTECA DO IES P EUSEBIO DA GUARDA

Acceso a todas as fotos no ENLACE

Este curso participamos no programa Bibliotecas Solidarias, un proxecto de voluntariado no cal o alumnado participante se forma como axudante en labores de organización e dinamización da biblioteca escolar.

Desta maneira, Mara, Estela, Jhostin, Aurora, Gerrard e Noa de 4o ESO E levaron a cabo un labor de formación de usuarios no Día do Libro, o pasado 23 de abril. Aproveitando esta celebración, presentaron a nosa biblioteca, a súa organización, recursos e actividades ao alumnado de 4o ESO C. A actividade tivo unha primeira parte explicativa e unha segunda máis lúdica, pois mediante a resolución dun xogo de pistas, os equipos participantes debían localizar os libros solicitados na biblioteca.

A actividade foi algo máis difícil do que parecía nun principio, pero todos os equipos resolveron os enigmas e podemos dicir que este Día do Libro aprendemos a coñecer mellor a nosa biblioteca, ese universo de mundos por descubrir. 

Dulce Fernández Graña

FESTIVAL DA FRANCOFONÍA

Acceso ás FOTOS e VÍDEO

Nova edición do Festival de la Francofonía, celebrado este 7 de maio en Vilanova de Arousa, unha xornada de música e baile que congrega alumnado e profesorado de lingua francesa de toda Galicia. Este ano participaron uns 2.000 alumnos de 22 institutos das catro provincias. O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, estivo presente para facer un pequeno homenaxe a Nieves Vecilla, profesora xubilada, promotora desta actividade e que segue a ser unha das organizadoras.  O noso centro estivo representado por tres grupos de 1º, 2º e 3º de ESO que interpretaron as cancións Bim, bam, toi de Carla, Ensemble de Les Frangines  e Imagine de Zaz respectivamente. O grupo de 3º estivo ademais acompañado á guitarra polo seu profesor Juan Carlos. Tamén animaron dende o público Elsa, François e María, profesores do departamento de francés. O bo tempo permitiu comer e pasear pola praia da vila ao finalizar o acto. 

https://www.diariodearousa.com/articulo/o-salnes/nuevo-lleno-festival-fraconfonia-homenaje-nieves-vecilla-4824852 

CRITERIOS DE PROMOCIÓN e TITULACIÓN da ESO

CRITERIOS de PROMOCIÓN

- Promociona de curso o alumnado con todas as materias* aprobadas (do curso actual e dos anteriores), ou con 1 ou 2 materias* suspensas (entre o curso actual e os anteriores).
- Ademais, o equipo docente poderá decidir a promoción con máis materias* suspensas, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:
1.   Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias (incluíndo as pendentes) en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.
2.  Que a suma dos períodos lectivos semanais das materias ou dos ámbitos con avaliación negativa non sexa superior a dez. Para estes efectos, non se considerarán as materias pendentes de cursos anteriores nin as horas de libre disposición.
3.  Que o equipo docente considere que a natureza das materias non superadas lle permite seguir con éxito o curso seguinte. 
4.   Que o equipo docente considere que ten expectativas favorables de recuperación.
5.  Que o equipo docente considere que a devandita promoción beneficiará a súa evolución académica.
 
O equipo docente, sen menoscabo da súas competencias, pode decidir que as aliñas 3, 4 e 5 están cumpridas, nos seguintes casos:
i. No caso de avaliación negativa en tres materias de toda a ESO e as notas destas sexan iguais ou superiores a 3.
ii. No caso de avaliación negativa en catro ou máis materias de toda a ESO e as notas das mesmas sexan iguais a 4.
 
•Materias coa mesma denominación de cursos diferentes contan como materias distintas.
 
 
 
CRITERIOS de TITULACIÓN
 

Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria

-    Titúlase o alumnado que en toda a ESO aprobou todas as materias* ou ámbitos cursados.
-    Ademais de no caso anterior, o equipo docente poderá decidir a obtención do título por parte dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:
1.   Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias* (incluídas as pendentes) en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.
2.  Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno adquirise as competencias establecidas.
3.  Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno alcanzase os obxectivos da etapa.

O equipo docente, sen menoscabo das súas competencias, pode decidir que as aliñas 2 e 3 están cumpridas, nos seguintes casos:

i.No caso de avaliación negativa en dúas materias de toda a etapa, e as notas destas sexan iguais ou superiores a 2.
ii.No caso de avaliación negativa en tres ou máis materias de toda a etapa, e as súas notas sexan iguais a 4.

 

* Materias coa mesma denominación de cursos diferentes contan como materias distintas.

Olimmpíada Matemática Galega

A alumna Ariana Crego, de 2º ESO D, foi finalista na Olimpíada Matemática Galega. A final será o xoves 23 de maio en Lugo

PREMIO STEPHEN HAWKING

Equipo STEAMbach 
O venres 19 de Febreiro tivo lugar en Santiago de Compostela o premio Stephen Hawking dirixido a estudantes STEAMbach de todos os centros escolares. Do noso centro, o IESP Eusebio da Guarda, foron seleccionados os 10 traballos presentados este ano, acadando dous terceiros premios cos traballos Modelización estadística de la cardiotoxicidad en pacientes con cáncer de mama, defendido por Vega Armada, Jorge Estévez, Elena Pernas titorizado por Aurora Labora, profesora de Matemáticas do instituto, e o traballo Medición de la calidad lingüística de textos con técnicas de lingüística computacional de Samuel López, Lucas Piñeiro, Marta Rodríguez y Santiago Vilas, titorizado por María Luisa Prado, profesora de Lingua Castelá. A xornada rematou coa entrega de premios á que asistiron a xefa de estudos e a directora representando ao centro. Un ano máis todos os estudantes STEAM mostraron a excelencia do seu traballo realizado ao abeiro do instituto. Para nós tod@s son gañadores!!!. Parabéns!!! 
 

 

Celebración da Festa das Candeas ou da Candeloria 2024

Máis fotos no ENLACE

Camisetas e portada dun libro  
O pasado 25 de abril tivo lugar a presentación das camisetas do concurso da Festa das Candeas ou Candeloria, adicado este ano á esgrevia escritora e antiga alumna deste centro, Luísa Villalta. Fóronlles entregadas ao alumnado gañador nas dúas categorías presentadas: debuxo de Villalta nun inequívoco escenario coruñés, e elaboración de haikus de amor. O debuxo gañador, obra da alumna de 1º ESO Claudia Vilá Veiga, serviu para a impresión de camisetas, para levar posta con fachenda a imaxe da esgrevia Dama da Cidade Alta. No mesmo deseño da camiseta, foron inseridos os dous haikus gañadores, tipo de poemas tamén cultivados con enorme mestría por Villalta, escritos por Aleksandr Mkrtychyan (4º ESO C) e por Carmen Eiroa Martínez (4º ESO A).
Por outra banda, o xurado acordara concederlle un accésit a otro debuxo presentado, pola magnífica calidade do mesmo. Este último traballo serviu de portada do libro conxunto (con traballos deseñados por varios profesores e profesoras de distintos departamentos didácticos, para o seu alumnado), que será presentado, entre outros recoñecementos, nun acto de tributo a Luísa Villalta, o vindeiro 3 de maio no Salón de Actos do noso instituto. O dito libro leva por título: “Luísa, melodía infinita”. Todas estas actividades foron deseñadas polo EDLG, quen agradece a todo o alumnado e profesorado a súa magnífica participación e compromiso coa homenaxe a unha autora galega, coruñesa en concreto, que soubo levar a nosa lingua propia, o galego, ata a máximo recoñecemento que unha escritora pode ter na nosa terra, o Día das Letras Galegas.
 
Teresa Pastor Novo
(coordinadora do EDLG)

NOVO ÉXITO ACADÉMICO NO EUSEBIO

Juan Brandariz Castro, alumno de 2º de bacharelato, obtivo a medalla de prata na Olimpíada Nacional de Química.

Acceso aos artigos publicados en prensa: La Opinión e  La Voz de Galicia

 

CONCERTO DAS LETRAS 2024

 Acceso á información no ENLACE

O Consello da Cultura Galega, en colaboración co Concello da Coruña, organiza o Concerto das Letras Galegas 2024, que se celebrará o día 16 de maio, ás 20:30 horas, no Teatro Colón da Coruña, cidade natal de Luísa Villalta, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. O Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido por Florian Vlashi, e baixo barítono, Daniel Mosquera, farán a estrea absoluta do Concerto para un home só. Monodrama para baixo-barítono, violín e grupo instrumental, unha obra orixinal do compositor Federico Mosquera con texto de Luísa Villalta e elaborada por encarga do Consello da Cultura Galega. O programa inclúe tamén obras de Antonio Vivaldi e de Edmond Buharaja.

Os grandes protagonistas son Fede e Daniel Mosquera, dous magníficos exalumnos, fillos da nosa exdirectora M. José Martínez Girón.

 

OLIMPÍADA MATEMÁTICA GALEGA PARA 2º DE ESO

O Instituto Eusebio da Guarda tomou parte na Olimpíada Matemática que se celebrou na Facultade de Ciencias da Educación da UDC o 25 de abril de 2024. Participaron as seguintes alumnas e alumnos de 2º de ESO: David Acción Rivas, Noelia Almeneiro Giri, Ariana Crego Romero, Diego Garcia Seoane, Guillermo Sabín Lamas, Laura Suanzes Romero e  Leonardo Valiño Argiz. Foron acompañados pola  Xefa do Departamento de Matemáticas, Aurora Labora Castro.

CHARLA CO ESCRITOR FUCO PAZ

Acceso a todas as fotos no ENLACE

“Non deixes de crer que as palabras e as poesías si poden cambiar o mundo”. (Walt Whitman)

Hoxe, 24 de abril, tivemos a honra de contar coa presenza do profesor e escritor Fuco Paz Souto, autor do libro O xantar dos remeiros, obra que foi obxecto de lectura para o alumnado de 1º Bach, B e E; ademais, tamén asistiu a este relatorio a rapazada dos grupos D e F. Convidado polo EDLG polo seu compromiso inmorredoiro coa nosa lingua, este profesor dos de “Raza”, quen exerceu a docencia durante case toda a súa vida, impartindo a materia de Lingua Galega e Literatura, ofreceu unha interesante charla sobre os personaxes da obra referenciada, cunha descrición moi informativa, co obxecto de que o alumnado puidese contextualizar as intervencións dos mesmos, feitas ao xeito de poemas con anécdota, isto é, poemas que nos contan algo. Nun exercicio de xentileza e humildade infindo, impartiulles aos mozos e mozas un obradoiro de escrita poética creativa, nunha atmosfera cordial e lúdica, onde o alumnado amosou grandes dotes para a poesía. Por isto, achegoulle á rapazada un libro marabillosamente ecléctico, ao conxugar no mesmo poesía, cun verso directo, espido de artificio e sincero ata medula (tomando emprestadas as palabras que o seu fillo, David Paz Lafuente, profesor de Galego na EOI da Coruña, lle escribira nun fermoso e sentido limiar nun dos seus libros, e que tamén estivo neste encontro literario); para o teatro, cunhas atinadas anotacións dignas dunha cámara cinematográfica; e, por suposto, para unha prosa farturenta, que vai dende os aspectos biográficos dos personaxes do cadro, referencias históricas, toponímicas, patronímicas, ... ata saborentos pratos da cociña francesa.

O escritor tamén lles contou simpáticas anécdotas da súa vida; referencias de tristes acontecementos históricos que recolle o seu libro e que, ende mal, continúan hoxe en día coa aparencia de guerras, enmascaradas en auténticos xenocidios; e curiosidades pictóricas e culinarias, nunha amálgama de saberes, que resultou ben amena. A súa sabedoría non ten prezo, falando en termos metafóricos e reais, porque sempre nos agasalla con agarimosas visitas de balde. 

Moitas grazas, profesor Fuco Paz Souto, por traernos a sinxeleza das terras chairegas dos seus devanceiros e o recendo da cascarilla engulida no Monelos do seu berce. 

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

Distribuir contido


by Dr. Radut