Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Ahí vén o maio....ao Eusebio

 

Acceso a todas as fotos no ENLACE

O pasado 8 de maio o EDLG celebrou a Festa dos Maios. A orixe desta festa, denominada FESTA DOS MAIOS OU DO PAU DE MAIO, remóntase a antes do cristianismo. Parte da crenza de que os espíritos arbóreos fan prosperar, non só as colleitas, senón tamén bendicen o gando e mesmo as mulleres con fillos. Trátase de ritos vencellados á natureza, á fecundidade da terra, aos animais e ao propio home.

Esta festa popular galega forma parte do chamado Ciclo do maio, época de exaltación da natureza ao comezo da primavera. Celébrase en concreto entre finais de abril e principios de maio, aínda que o ciclo se desenvolve ata o mesmo comezo do verán, na noite de San Xoán. A súa orixe está necesariamente relacionada coa manipulación da natureza por parte do home; neste sentido, ben pode remontarse ao período magdaleniense, momento en que xorden os primeiros rituais asociados coa colleita, ben ao neolítico, coa consolidación da agricultura e mais o sedentarismo.

A festa coñeceu algunhas materializacións específicas en distintas culturas, asociándose á fecundidade da natureza, como a celta, grega (no culto á deusa Afrodita), a latina (con diversos xogos en honra a Ceres, Tellus, Pales, Elicius e Robigo, e sobre todo as Floralia en honra a Flora, así como a fiesta en honra a Maia o primeiro de maio), a sueva (co seu culto ao lume) e a cristiá (que despaganiza determinadas festas, facéndoas coincidir con celebracións propias, como a fiesta da Santa Cruz).

Así, o alumnado de 1o ESO A e D, coordinados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo quixo contribuír ao mantemento destas tradicións e elaborou o seu particular maio, representado na cortiza do EDLG, onde expuxeron uns coloridos caligramas de flores e mais acrósticos, estes formados con termos alusivos á primavera. Á parte disto, tamén colocaron fotografías destas esculturas arbóreas, con moita tradición en moitas partes de Galicia, especialmente en Ourense. Deste xeito, conmemórase a chegada da primavera e ensínase a ledicia polo medre e floración da vexetación, polo que se crean verdadeiras obras de arte con flores, cascas de ovos, herbas ou froita diversa. Como a música non debe faltar nestas celebracións, que cómpre achegarlle á mocidade para que as conserven, ningunha mellor que a versión de Emilio Batallán, sobre o poema de Curros Enríquez “O maio”, do libro “Aires da miña terra” (1880).

Aí vén o maio

de frores cuberto ...

Puxéronse á porta

cantándome os nenos;

i os puchos furados

pra min estendendo,

pedíronme crocas

dos meus castiñeiros.

 

Pasai, rapaciños,

calados e quedos;

que o que é polo de hoxe

que darvos non teño.

Eu sonvos o probe

do pobo gallego:

pra min non hai maio,

pra min sempre é inverno! ...

 

Cando eu me atopare

de donos liberto

i o pan non me quiten

trabucos e préstemos,

e como os do abade

frorezan meus eidos,

chegado habrá estonces

o maio que eu quero ...

 

Queredes castañas

dos meus castiñeiros? ...

Cantádeme un maio

sin bruxas nin demos;

un maio sin segas,

usuras nin preitos,

sin quintas, nin portas,

nin foros, nin cregos.

 

Teresa Pastor Novo

(coordinadora do EDLG)



page | by Dr. Radut