Os meus mangas preferidos (2)

Os meus mangas preferidos (2)

P.A.R. comentounos na seguinte  reunión do Club de Manga outros  dos seus libros favoritos:

Lovely complex

Escrita e debuxada por Aya Nakahara, é  unha historia máis ben romántica. Trata sobre dous estudantes de preparatoria, a moza Koizumi que ten a peculiaridade de ser alta para o seu contorno (1,70),  e Otani, de 1,56, bastante baixo para un rapaz da súa idade.

Lévanse mal dende o principio pero acaban sendo amigos por medio dunha “aposta”: debían axudarse mutuamente para atopar cadansúa parella. Co paso de tempo descobren que teñen máis cousas en común do que cren e algo máis… Aínda así pasan a vida normal coas dificultades de calquera estudante de preparatoria e acabarán namorándose.

Doraemon

Si, pode parecer un pouco infantil pero a que non lle gusta este magnífico gato robot do futuro?

Doraemon sae un día do caixón da mesa de Nobita Nobi, un neno de 10 anos que vive nun dos barrios residenciais do Xapón. O gato robot intentará axudar a Nobita en todo o que poida, animándoo para que estude e protexéndoo dos abusos de Xigante e Suneo. Xunto a Doraemon e ós seus aparellos, Nobita e os seus amigos vivirán todo tipo de emocionantes aventuras.  O manga paréceme moito mellor có anime.

O autor é Fujio Fujiko.

 

Os meus mangas preferidos (1)

Os meus mangas preferidos (1)

Unha das integrantes do Club de lectura de Manga, P.A R., de 2º ESO A,  falounos no mes de abril dos seus mangas favoritos:

Toradora

Da autora Kuyuko Takemiya, a historia, que se desenvolve ao longo de sete volumes, trata sobre a vida de dous estudantes de segundo ano de preparatoria. Os protagonistas, Taiga e Ryûji, tamén son veciños e ao principio trátanse fatal, pero é incrible como ao longo da historia van evolucionando  e mellorando a súa relación.

El profesor Layton y sus divertidos misterios

A autora desta colección de catro volumes é Naoki Sakura. Este manga encantoume porque o profesor Layton pon os seus dotes deductivos ao servizo da humanidade, resolvendo  casos complicados. A trama é moi graciosa. Ademais inclúe varios puzles moi entretidos e pode lerse sen ver os videoxogos  do mesmo título.

El dulce hogar de Chi

Kanata Konami escribe a historia da gata Chi, unha doce cría de gata que se perde na cidade e que é recollida por unha familia. Aí comezan as súas aventuras e convivencia coa familia na súa nova casa. Cóntannos momentos da vida da gatiña: o seu primeiro encontro cun coche, un can…

El increíble caso de Barnaby Brocket

Resultado de imaxes para el increíble caso de barnaby brocket

 

  El increíble caso de Barnaby Brocket                   John Boyne

 

 

Esta novela é moi entretida pola particularidade que presenta o protagonista que o fai cambiar de lugar tantas veces e coñecer a tantas persoas diferentes. É un neno que desobedece a lei da gravidade, que viaxa flotando polo mundo.

            Seus país trátano mal, di Cristina, excluíndoo da vida social e sen permitirle saír da casa; non deberían tratalo así por ser diferente xa que se cadra os diferentes son eles mesmos e non Barnaby.

            Os pais de Barnaby, segundo Pablo, queren que todo sexa “normal” e comprobar que o seu terceiro fillo é moi raro non lles gusta en absoluto. Pero así a obra transmítenos que todos temos particularidades e mesmo querer ser tan normal convértete en alguén raro. Convídasenos así a pensar se debemos ou non xulgar os demais.

            A André sorpréndelle que a alguén se lle puidese ocorrer semellante historia, desenganchando aos lectores por un tempo da tecnoloxía e viaxando coa imaxinación coma se fósemos Barnaby, que mesmo chega ao espazo.

            Cando seus pais o abandonan por non ser normal, Barnaby vaise  atopando con outras persoas que tamén sofren pola mesma razón e que o acollen nas súas casas, comenta Hiwot. Por iso, a obra dános un bo exemplo de xenerosidade e hospitalidade.

            É unha fermosa historia que amosa, di Antía, que non é preciso ser normal para sentirse feliz. Tamén a Camila lle parece unha historia moi bonita, na que un neno diferente aos demais está orgulloso de ser como é, pois iso permitiulle coñecer a moita xente e vivir aventuras incribles. Atrapa a túa atención e faiche aprender a estar orgulloso de ser diferente.

            En conclusión, di Xaime, é unha novela entretida pero un pouco triste pola forma en que os pais tratan a Barnaby. Ensínanos que cada persoa é normal á súa maneira e que a túa casa é sempre o mellor lugar.

 

                                      Alumnado da 2ª parte de 1º ESO-C

                  

Hoyos

hoyos-louis sachar-9788467589344

                                         Hoyos                                Louis Sachar                                        

Esta novela convídanos a reflexionar sobre o bo que é traballar en equipo, segundo Hiwot, xa que Zero e mais Stanley, malia o moitísimo que lles custou saír do campamento Lago Verde, xuntos conseguírono. Tamén nos fai reflexionar sobre o importante que son os amigos, porque eles o eran.

            Adrián fai notar como nesa gran amizade, Stanley e Zero saen beneficiados, xa que Stanley aprendíalle a ler e escribir a Zero e este axudábao a el cos foxos, para acabaren a un tempo. Eses foxos que, como di Antía, temos que pensar para que teñen que facelos eses rapaces, obrigados a estar nese campamento para cambiar de conduta; alí pásano realmente mal.

            No caso de Stanley, con todo, trátase dun equívoco: simplemente, como di Izan, estaba no lugar equivocado no momento equivocado e foi acusado dun roubo que non cometera.

            E ese campamento é un lugar que sufriu unha forte transformación: segundo André chama a atención que un lago precioso se convertese nun campamento para nenos malos, nun reformatorio.

            Todos coinciden en que é unha novela de fácil lectura pola linguaxe empregada, aínda que conta varias historias en tempos diferentes, e divertida polos motes que levan os rapaces. Xaime, non obstante, suxire que se podería cambiar o final, facendo que Stanley e Zero abrisen o maletín e obtivesen os cartos do tataravó de Stanley e que a súa familia adoptase a Zero.

 

Alumnado da 2ª parte de 1º ESO-C

Louis Sachar

A visita do inspector

Resultado de imaxes para a visita do inspector

A visita do inspector                      J. B. Priestley 

 

No mes de marzo alumnos de 1º de bacharelato A e C analizaron esta peza de Priestley.

A obra comeza cunha cea na casa da familia Birling, na que  celebran compromiso entre Sheila, a filla dos Birling, e Gerald Croft. De súpeto aparece o Inspector Goole que lles comunica que unha moza se suicidou cun desinfectante. Co transcorrer da obra, descóbrese que todos os integrantes da familia e o noivo de Sheila tiveron algunha relación con esa moza, que ía cambiando o nome. Foi empregada do Sr. Birling e despedida; Sheila fíxoa botar por bobadas, Gerald tivo unha relación como amante, a Sra. Birling non a quixo axudar cando foi a pedir axuda a un fogar de mulleres e o fillo que esperaba a moza era de Eric, fillo da familia. Vaise o inspector e decátanse de que non existe ningún policía chamado así e que ningunha moza morrera dese xeito. Pero cando parecía que todo era unha broma ou o home era un tolo, soa o teléfono e comunícanlle a Birling que morreu unha moza por tomar desinfectante e que un inspector de policía irá á súa casa para interrogalos.

A trama da obra mantívonos enganchados de principio a fin, por como  transcorre a historia, polo papel de xuíz do falso inspector e a tensión que xera dende que aparece.

A súa estrutura circular era algo inesperado. A intriga que se mantén ao longo da obra fai que a nosa mente constrúa un final que en nada se parece ao que elabora o autor, impactante  e inesperado. Ademais, constitúe unha crítica da sociedade inglesa da época, moi clasista, e fai que o lector-espectador reflexione o sobre os seus actos e as consecuencias que estes poden causar nos demais.

                                                                     Daniel Valdivieso, Lucía Jorge e César Rodríguez

Anagnórise

Anagnórise                                  Mª Victoria Moreno

Un grupo de alumnos de 3º A lemos e comentamos este trimestre a obra Anagnórise de Mª Victoria Moreno.

A novela cóntanos a historia de  Nicolau Arís, un rapaz con problemas que un día decide deixar os estudios no Instituto e marcha a Madrid co propósito de encontrar a uns amigos que se dedican a negocios relacionados co tráfico da droga. A viaxe en autostop faina cunha muller intelixente, de nome celosamente oculto, que o recolle na estrada, e coa cal fala durante as horas que pasan xuntos dentro do coche. Os diálogos van revelando a  personalidade de ambos. Xa no destino, Nicolau e a súa amiga ocasional sepáranse sen que o rapaz saiba o nome dela. Ó remate, despois de que Nicolau entre en contacto cos compañeiros que o agardan en Madrid, irá buscar a súa amiga. Só entón saberá o seu nome.

A obra gustounos moito á maioría do grupo, pois fala dunha historia bastante realista e trata de moitos problemas da vida cotiá da xente da idade de Nicolau. Tamén se poden ver as preocupacións, os cambios, avances e reflexións do protagonista ao longo da viaxe.  Fíxonos reflexionar sobre todo o que conta.

Valoramos a obra como moi entretida. Destaca o personaxe de Xulia, a intriga que se mantén sobre quen será esta muller  e o xiro inesperado do final: era a nai de Natalia, a “moza” do protagonista.

                                                                              Lucía Prieto, Ainhoa Marcos, Noelia  Carollo e Candela Estévez

Unha rosa é unha rosa

unha rosa e unha rosa (unha comedia de medo) 4ªed-suso de toro-9788483020999

Unha rosa é unha rosa

                                             Suso De Toro

 

 

Un grupo de alumnos de 1º Bac A e B lemos ao longo do 2º trimestre esta obra de teatro de Suso de Toro.

Unha rosa é unha rosa (Unha comedia de medo) cóntanos a historia da vella Rosa, que reparte a súa herdanza en tres partes, entre os seus dous sobriños, Pololo e Adela, e a filla doutra sobriña xa morta. A vella Rosa é seguidora na televisión dos telefilmes do detective tenente Colombo, do que sabemos da súa ascendencia galega. A morte da vella Rosa, en estrañas circunstancias, desencadeará unha divertidísima trama de enredo que remata cunha inevitable hecatombe tráxica.

Álvaro Aira  di que o pasou moi ben lendo o texto. Os personaxes, simples, provocan unha gran comicidade por como son descritos. Os seus diálogos son chispeantes e reflicten a súa personalidade ridícula. Tamén lle atraeu os cambios repentinos no guión e a concentración da acción cara ao final.

 Da mesma opinión é Santiago Leboreiro, que engade que ademais de ser divertida invita a reflexionar sobre o que se pode chegar a facer por avaricia, pois  a peza critica claramente á sociedade actual  da "comodidade e da ambición".

Outros alumnos comentan como o autor nos vai avisando do que lle vai suceder á vella Rosa a través das escenas da televisión en que  ve a serie do tenente Colembo.

Recomendan a súa lectura.

                                                       Álvaro e Santiago (1º Bac A e B)

Os nenos da varíola

Os nenos da varíola

                                       María Solar

 

Os membros do Club de Lectura de novela histórica lemos ao longo do mes de marzo esta novela de María Solar que levou o Premio Fervenzas Literarias 2017 ao Mellor Libro Xuvenil do ano e o Premio Gala do Libro 2018 na categoría de Mellor Obra Xuvenil.

A historia sitúanos na Coruña do 1803. A través da acción coñecemos a pobreza da época, que obrigaba aos país a deixar os nenos no hospicio por falta de recursos. Ás veces, poucas, cando os país melloran economicamente volvían recollelos. Noutros casos os nenos eran abandonados alí por diferentes circunstancias.

Pola historia sabemos tamén dun importante feito médico: a Real Expedición Filantrópica da varíola, na que participaron rapaces de diferentes orfanatos. Así achégasenos a unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes.  Nos seus pequenos corpos, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Sacados deste  hospicio da Coruña e dos de  Santiago e Madrid, cruzarán o  perigoso Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis e na que Isabel Zendal, a directora do orfanato, xogará un papel determinante.

Dos personaxes destacamos a Ezequiel, que conseguiu mellorar de vida; a Clemente e Valentina polo seu cariño e a Isabel Zendal, que non abandona aos seus nenos na travesía a  América.

                                      Malena, Noelia e Rosalía  (3º ESO A)

 

Fairy tail

fairy tail 1-hiro mashima-9788498478181

FAIRY TAIL 1                                           HIRO MASHIMA

 

Outro grupo  do Club Manga lemos ao longo do mes de marzo  o volumen 1 da saga  FAIRY TAIL,de Hiro Mashima.

Este volume explica os primeiros capítulos da historia. Neles vemos como o gremio de meigos Fairy Tail é o máis temido de todo o reino. Alí conviven os magos máis duros, os máis atrevidos... e os máis destrutivos. Lucy é unha moza que quere ingresar en Fairy Tail para poder desenvolver os seus poderes máxicos e cumprir os encargos que lle poidan saír desde o gremio. É así como coñece a Natsu, un Dragon Slayer, mago que utiliza a maxia dos dragóns, e que lle permite converter en lume calquera parte do seu corpo. Xunto ao resto dos seus compañeiros, enfrontaranse aos encargos máis temibles e duros que lles poidan chegar, ata contra outros gremios que ansían o poder de Fairy Tail.

A obre gustounos moito porque está chea de aventuras e “romances”. Máis dunha vez aparecen inimigos cos que se fan máis fortes e fan novas amizades. Con todo, os “malos” son demasiados malos: Zeref é  é o mago maís malvado posible, Acnologuia era un home que mata a tantos dragóns que se converteu nun…, mais tamén son moi divertidos e entretidos.

                                                                                          Lara Agra