One piece

ONE PIECE Nº 1                                                       EIICHIRO ODA 

 

Algúns dos membros do Club de Lectura de Manga lemos na primeira quincena de marzo o volume I da serie One piece, do mangaka Eiichiro Oda.

Neste manga, o primeiro da serie, preséntasenos os personaxes e pónsenos en contexto:
 Gold Roger, o lendario Rei dos piratas deixou o One Piece  -o seu lendario Tesouro- escondido nunha zona do mundo chamada GRAND LINE e os piratas máis fortes compiten por achalo. Un neno chamado Luffy quería ser  pirata, pois idolatraba a Shanks, o líder dunha tripulación que visitou a súa vila. Un día, por accidente, Luffy comeu unha froita do diaño do botín de Shanks. Grazas a esa froita, o seu corpo volveuse de goma pero nunca poderá nadar. O día que os piratas abandonaron a vila, Shanks obsequioulle a Luffy a súa mais preciada posesión: o seu chapeu de palla. Dez anos pasaron desde ese día e Luffy saíu ao mar buscando converterse no novo Rei dos piratas. Aquí comeza a grande aventura de Luffy!

Os lectores opinan que o libro está cheo de acción, que é moi divertido. Os personaxes están ben construídos e a trama ben pensada, tanto que te atrapa e unha vez que comezas a lelo, sen decatarte, estás inmerso nun mundo de piratas, tesouros, amizade e aventuras. Isto fai que che apeteza ler os seguintes volumes.

 Para Rafael Ferreira, de 1º ESO A, este foi o primeiro libro de manga que leu e custoulle un pouco lelo,  pois nunca lera os textos ao revés. Como aos demais membros do club que o leron, gustoulle moito o grafismo, os debuxos así como as aventuras. Ademais cren que o  argumento destaca valores como o espírito de superación, a tolerancia cara á diferenza e o compañerismo. Danlle un dez sobre dez.

                                                                   Lynette Álvarez, Rafael Ferreira e Ikenna Ezine Costas

 

El pupitre de al lado

 

 

Resultado de imaxes para el pupitre de al lado manga

 

El pupitre de al lado   Takuma Morishige

En febreiro, algúns membros do Club de lectura de Manga leron e comentaron o libro de Takuma Morishige El pupitre de al lado. 

 Este manga, en xaponés Tonari no Seki-kun  e cuxa tradución literal é O meu veciño Seki,  é un obra que nos teletransporta á aula onde estudan os protagonistas, Yokoi e Seki.

Yokoi é unha estudante aplicada que senta ao fondo da clase, mentres Seki, o seu compañeiro de ao lado, non presta ninguna atención aos profesores e ás súas explicacións. Seki ponse a xogar con cousas que trae na súa carteira escolar .Yokoi tenta prestar atención en clase pero día tras día resúltalle imposible “grazas” ás travesura do seu compañeiro de pupitre. Travesuras que a pesar de que comezan sendo máis ou menos normais, como debuxar cousas na mesa, facer circuítos de dominó con gomas de borrar ou tecer, pronto se volverán máis e máis excéntricas. Estas distraccións  case sempre terminan custándolle unha regañina á rapariga, mentres que Seki parece ter o don de evitar calquera incriminación. Yokoi pídelle que atenda ás clases pero el non lle fai ningún caso.

A obra consta de varios capítulos autoconclusivos, tiras cómicas cunha extensión máis longa do habitual, que manteñen un mesmo esquema narrativo.

É unha obra moi entretida e interesante porque aínda que os personaxes non falan e o único texto que sae é o dos pensamentos de Yokoi, enténdese perfectamente. É  moi simpática, repleta dun humor moi branco. O ritmo é moi áxil e dinámico, grazas á curta duración de cada capítulo e da unidade de espazo, tempo e personaxes, que sempre adoitan ser os mesmo.

P. A. R., de 2º ESO A, di que este manga serve como unha boa lección do que NUNCA hai que facer na clase.

Os lectores recomendan este libro.

                                               Lynette Álvarez (1º ESO B) e P. A.R. (2º ESO A)

O achado do castro

 

                                                                        

       O achado do castro                      Manuel Núñez Singala

 

Na 1ª avaliación, os alumnos de  2º de PMAR, coa profesora do Ámbito Lingüístico Irene del Río, leron, interpretando os distintos personaxes, obra de teatro O achado do castro. Ademais, comentaron a peza entre todos. O texto gustoulles moito pola historia, moi divertida; polos personaxes, ridiculizados polo autor, que eran moi simpáticos e tamén por como falaban.

Destacamos a opinión de Andrea Villalba: “O libro pareceume moi entretido, xa que era unha obra de teatro na que todos tivemos que participar. Gustoume  o xeito divertido de falar dos personaxes. O achado do castro ten moitos secundarios moi graciosos e accións inesperadas. Algúns dos personaxes  que máis me gustaron foron Carmiñae, Manolitus, Catulo e Caleno”. 

La Catedral

Texto

Durante o mes de xaneiro  os membros do club de novela histórica, de 3º ESO A, leron a obra de César Mallorquí La catedral. Escolleuse esta novela porque nos interesaba coñecer aspectos da vida da Idade Media e esta é a época na que se sitúa a acción.

Telmo Yáñez parte de Navarra cara a Bretaña porque foi elixido imaxineiro para participar na construción da catedral de Kerloc´h, financiada pola orde da Águila de San Juan. Pero esa catedral encerra crimes e macabras ofrendas. Esta Orde invoca en realidade ao diaño, e Telmo sairá vitorioso na súa loita contra o Mal.

Nesta obra, que nos gustou moito, mestúrase historia medieval, intriga e fantasía. Tal e como vemos no mapa que realizou Rosalía, Telmo parte de Estella a Bretaña e xa se nos vai presentando os lugares que percorren os peregrinos no Camiño de Santiago. No trascurso da novela coñecemos moitos datos da época medieval como  as clases sociais: nobres, cregos, guerreiros, servos e artesáns, que dependían dun señor feudal, e logo os construtores, entre os que se encontra Telmo, que eran a única clase libre. Tamén coñecemos as ordes relixiosas que participaron nas Cruzadas: a Orde dos Templarios e a da Águila de San Juan. Esta última é a que encarga a construción da catedral de Kerloc´h, pero para honrar ao demo, pois Carcassone cre que nas cruzadas foi abandonado á súa sorte por Deus. Tamén lles chamou a atención a escasa presenza feminina na historia, só Valentina e a súa nai, o que reflicte a situación da muller na época.

En resumo, o libros resultou moi interesante pola intriga, fantasía e o que se nos conta da época medieval. Moi recomendable.

                                                                                                                                          Noelia Carollo, Rosalía Van  Raaij  e Malena Lorenzo

INAZUMA ELEVEN 1, 2 e 3

inazuma eleven nº 1 ¡la victoria es tuya!-tetsuhiro koshita-9788415866893

INAZUMA  ELEVEN 1, 2 e 3     TENYA YABUNO 

 

Os membros do Club de Lectura de MANGA, de 1º ESO B, leron neste mes de xaneiro  Inazuma 1,2  e 3, de  Tenya Yabuno. Os textos gustáronlles moito, pois  tocan o tema do fútbol, deporte que lles apaixona, e ademais son divertidos, emocionantes, con algo de intriga, e de fácil lectura. Destaca a opinión de Ikenna E. Costas que di que estes mangas ensinan que hai que traballar en equipo para conseguir o premio final. Tamén lle chamou a atención a escasa presenza de rapazas, porque, di, o fútbol tamén é un deporte de mulleres. Encántanlle os debuxos en branco e negro e a súa perfección. Dos tres volumes, o alumnado  considerou máis interesante o número 1.

Velaquí un breve resumo dos tres volumes:

 INAZUMA ELEVEN Nº 1    
Mark Evans é o capitán e porteiro do club de fútbol do seu colexio. Malia o seu talento, non teñen un auténtico equipo de fútbol e os mesmos alumnos da súa escola non parecen moi interesados en xogar. Pero cando aparece un misterioso xogador, o equipo ponse en marcha, e o protagonista sairá a buscar e reclutar novos membros para o equipo.

INAZUMA ELEVEN Nº 2
O encontro entre o equipo de Arion e o do Sector 5, a organización que controla o resultado dos partidos, chega ao seu momento culminante neste  volume 2. Dez anos despois de que o equipo de Mark Evans revivise a forza do lóstrego, un novo rapaz entusiasta do deporte rei, Arion Sherwind, chega ao Instituto Raimon para manter viva a lenda.

INAZUMA ELEVEN Nº 3
 O  Raimon loita por participar no Fútbol Frontier. Na fase clasificatoria intensifícase o choque de supertécnicas fronte a novos contrincantes.

 

inazuma eleven nº 2-ten ya yabuno-9788468476216inazuma eleven nº 3-ten ya yabuno-9788468476223

El peligro de la historia única

megustaleer - El peligro de la historia única - Chimamanda Ngozi Adichie

El peligro de la historia única

                         Chimamanda Ngozi Adichie / Marina Garcés  

 

 «Las historias importan. Importan muchas historias. Las historias se han utilizado para desposeer y calumniar, pero también pueden usarse para facultar y humanizar. Pueden quebrar la dignidad de un pueblo, pero también pueden restaurarla

El peligro de la historia única é a transcrición dun discurso que deu a escritora Chimamanda Ngozi Adichie nunha charla TED no ano 2009.

Ademais da transcrición do discurso, o libro contén unha reflexión final a maneira de epílogo, na que a filósofa española Marina Garcés  desenvolve unha explicación sobre as historias dunha idea, e alerta sobre os perigos de restrinxir o noso  punto de vista a unha soa cousa.

Rosalía Van Raaij, de 3º ESO A, opina que o libro é unha reflexión moi interesante sobre o feito de ter  só unha única versión dunha historia, persoa… Comparte a opinión da autora e de Marina Garcés de que ter unha única versión de algo é moi perigoso. A ignorancia é a arma máis poderosa das ditaduras. Defende que temos dereito a saber a verdade e así poder ter opinión sobre os feitos, polo que é necesario coñecer os distintos argumentos e  versións das cousas.

O asasinato de Roger Ackroyd

O asasinato de Roger Ackroyd     Agatha Christie

 

"A señora Ferrars morreu a noite do 16 ó 17 de setembro, un xoves. Mandáronme recado ás oito da mañá do venres 17. Nada se podía facer. Levaba varias horas morta". Así comeza esta obra de  Agatha Christie. Nela,  monsieur Poirot non só ten que enfrontarse ao caso da desaparecida señora Ferrars –suicidio?, asasinato?–, senón tamén coa morte violenta de Roger Ackroyd. E cal é o segredo da carta azul? Estes e outros enigmas e intrigas debe desentrañar o noso inspector.

Durante os meses de novembro e decembro, Noelia, Malena, Daniela e Rosalía, de 3º ESO A, leron e comentaron esta novela de intriga.

Gustoulles moito a obra por varios aspectos: por como se presentan e van desenvolvendo os acontecementos; por como a autora relaciona as distintas mortes da historia ata chegar ao asasinato de Roger e, sobre todo, polas distintas pistas que van enredando a trama -a ventá aberta, a desaparición de Paton, o ditáfono, os motivos que podían ter os personaxes para matalo…- e que complican as pescudas.

Destacan tamén o carácter observador e o traballo minucioso do inspector Poirot, que coa súa lóxica acaba descubrindo quen asasinou a Roger.

Sorprendeulles moito que, ao final, o asasino fose o narrador, pois  nunca  percibiron  a través da súa voz algo que o delatase.

Por último, comentan a coidada ambientación da historia, no século XIX, e a caracterización dos personaxes, tanto os da clase alta como os criados.

Din que a novela consegue manter o interese e a intriga ata o final.

 

Hora zulú

Hora zulú                   

Santiago Lopo

 

Hora zulú foi a novela lida e comentada no mes de novembro por un grupo de alumnos de 1º de bacharelato A, B e C.

Un home aparece ferido e nu ao pé dun acantilado. Ninguén, nin el mesmo, sabe quen é. Intérnano nun psiquiátrico e a través de  informes, correos electrónicos e outros textos, vaise descubrindo pouco a pouco a súa identidade e o que en realidade lle  aconteceu.

A obra gustoulles moito aos alumnos pola súa orixinal estrutura, que mantén a intriga ata o final   –a pesar de que isto nun principio lles facía complicada a lectura-- e pola historia que se conta, relacionada co paso do tempo e o ecoloxismo.

María Prieto, de 1º  de Bac. A, di que lle gustou moito, a pesar de que está escrita nun formato ao que non estaba acostumada a ler, porque dende o principio hai bastantes incognitas por resolver. Estas vanse aclarando conforme les os correos e cadernos, que dan pistas sobre a identidade do Profesor, coma pezas dun crebacabezas, ata chegarmos ao caderno final  no que se aclara todo.

Martín Carracedo, de 1º C, destaca o tratamento filosófico do tempo así a complexa estrutura da novela.

Resultoulle interesante a obra a  Pedro Trincado, de 1º C, a quen tamén lle pareceu complicada a estrutura. Cre que, á parte dos elementos sobrenaturais e de ciencia ficción, é unha historia crible cun toque científico e  retranca. As últimas páxinas pasáronlle vertixinosamente, cun bo final que  chegou a conmovelo     

                                                                                              .hora

Morning Star

Morning Star                Morning Star     Xosé Miranda

                                                       

 

Nos meses de outubro e novembro parte do alumnado de 1º de bacharelato A, B e C  leron e comentaron esta obra de Xosé Miranda.

Morning Star é unha novela de aventuras ao xeito clásico; unha novela  de odios e amores, de sangue, crimes, persecucións, paixóns e esperanzas, gavelas de bandoleiros do século XIX, de pozos con esqueletos, da busca dun tesouro e de dous rapaces procurando a liberdade e aprendendo a vivir.

A obra gustoulle á maioría do alumnado polas aventuras de “piratas” que suceden na nosa terra e porque no fondo dela percíbese algunha das características propias do ser humano: por un lado a ambición, representada nas gavelas, e por outro a superación persoal, coma  no caso do protagonista, Lourenço, que  de ser analfabeto e delincuente chega a ser médico e boa persoa.

A algúns alumnos chamoulles a atención a violencia de certas escenas, pero como dicían outros reflicten a realidade da época.

Destacamos algunhas opinións do alumnado: Enric, de 1º Bac A, considera a obra moi orixinal,  pois di que a historia dos bandoleiros galegos non é unha temática moi tratada na nosa literatura. A obra empeza algo lenta pero logo cada vez se fai máis interesante e non podes parar de ler. Os personaxes están moi ben construídos e aínda que a idea do enfrontamento entre as gavelas polo tesouro pode paracer pouco orixinal, os escenarios galegos e os personaxes  de moi distinto tipo, moi cribles, fan que a historia gañe interese en cada capítulo. Enric recomenda esta novela sobre todo  para os amantes das aventuras protagonizadas por bandoleiros decimonónicos cun apetecible e fresco sabor galego.

Anxo, de 1º Bac A, di que lle gustou moito polo dinamismo da acción e por como describe o ambiente e a situación histórica. A acción mantente en tensión e emociona.

Álvaro, tamén de 1º Bac A, destaca, entre outros aspectos xa mencionados,  que a novela ensina como se vivía no século XIX en Galicia.