O asasinato de Roger Ackroyd

O asasinato de Roger Ackroyd     Agatha Christie

 

"A señora Ferrars morreu a noite do 16 ó 17 de setembro, un xoves. Mandáronme recado ás oito da mañá do venres 17. Nada se podía facer. Levaba varias horas morta". Así comeza esta obra de  Agatha Christie. Nela,  monsieur Poirot non só ten que enfrontarse ao caso da desaparecida señora Ferrars –suicidio?, asasinato?–, senón tamén coa morte violenta de Roger Ackroyd. E cal é o segredo da carta azul? Estes e outros enigmas e intrigas debe desentrañar o noso inspector.

Durante os meses de novembro e decembro, Noelia, Malena, Daniela e Rosalía, de 3º ESO A, leron e comentaron esta novela de intriga.

Gustoulles moito a obra por varios aspectos: por como se presentan e van desenvolvendo os acontecementos; por como a autora relaciona as distintas mortes da historia ata chegar ao asasinato de Roger e, sobre todo, polas distintas pistas que van enredando a trama -a ventá aberta, a desaparición de Paton, o ditáfono, os motivos que podían ter os personaxes para matalo…- e que complican as pescudas.

Destacan tamén o carácter observador e o traballo minucioso do inspector Poirot, que coa súa lóxica acaba descubrindo quen asasinou a Roger.

Sorprendeulles moito que, ao final, o asasino fose o narrador, pois  nunca  percibiron  a través da súa voz algo que o delatase.

Por último, comentan a coidada ambientación da historia, no século XIX, e a caracterización dos personaxes, tanto os da clase alta como os criados.

Din que a novela consegue manter o interese e a intriga ata o final.