Visita a Celanova, terra de Curros e Celso Emilio

O alumnado de 1º de bacharelato, 4º ESO PDC e Club de lectura tivo unha xornada moi especial neste 25 de abril. Acudiron ata Celanova, o que significou a décima visita do instituto.

A saída comezou coñecendo a vila de Vilanova dos Infantes, descubrindo a súa historia a través da Torre da Homenaxe, a virxe do Cristal e o museo dos zapateiros. A seguir, dirixíronse ata Celanova onde visitaron o mosteiro de San Rosendo, a casa de Curros e a biblioteca do IES Celanova. Percorreron os puntos máis sinalados nun roteiro literario no que recitaron versos dos dous poetas máis famosos destas terras, Curros e Celso Emilio.

Despois, asistiron a un magnífico concerto de órgano que os deixou abraiados. Remataron a excursión coa subida ao castro de Castromao, dende onde puideron desfrutar das marabillosas vistas que se albiscan dende o alto da croa.

Dende o IES Castelao queremos agradecer á Fundación Curros Enríquez e aos guías (Paula e Aquilino) a súa hospitalidade e amabilidade! De seguro que nos habemos de ver de aquí a dentro dun ano.

Namentres seguiremos cantando:

Unha noite na eira do trigo
Ó refrexo do branco luar…

Álbum: Curso 2023/2024 -> Saída a Celanova, terra de Curros e Celso Emilio

María Canosa visita o IES Castelao

María Canosa visitou o IES Castelao para ter un encontro co alumnado de 1º da ESO, logo de ler a biografía que escribiu da autora homenaxeada nas letras galegas deste ano: Luísa Villalta. Melodías de palabras.

O encontro versou arredor do proceso de creación desta obra. María explicou a complexidade que tivo ao escribir sobre alguén a quen non coñeceu pero coa que si tivo conexións literarias.

Debullou a personalidade de Luísa a través de fotografías e anécdotas que acompañaron un interesante relato. O alumnado tivo ocasión de interesarse máis pola autora e a súa obra e realizou un coloquio posterior para analizar o encontro.

Moitísimas grazas, María, pola visita. Agardamos que volvas pronto polo noso centro.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Visita de María Canosa

Club de lectura de adultos: comentamos A trenza, de Laetitia Colombani

O club de lectura de adultos, A pé de obra, reuniuse nesta semana que xira arredor do Día do libro para comentar a obra ‘A Trenza’ de Laetitia Colombani.
Entre todos debullaron as particularidades das tres historias que se van entrelazando ata confluír nun punto en común.
Superación, enfrontamentos contra o establecido, lágrimas e tamén risas acompañaron o noso profesorado con cada páxina lida. Esta foi unha historia que non os deixou indiferentes; pois a maior parte deles conectaron e sentíronse identificados coas protagonistas.
Ademais, coma en encontros anteriores, nesta conversa compartiron experiencias persoais relacionadas con viaxes, traballo e situacións semellantes ás que se narran no libro.
Unha hora ben proveitosa, adozada cunhas boas larpeiradas!

Encontro literario con Branca Trigo para presentar o seu poemario Trans0

Este luns, o alumnado de 1º Bach D e E e o club de lectura tivemos a sorte de contar con Branca Trigo, alumna en prácticas do máster de educación no noso centro, para que presentase o seu último poemario Trans0 e nos falase xunto a Alfredo Vázquez da súa editorial Malafera e de proxectos como o micro aberto Cerimonia de Gaivotas.

Ao final da xornada agasallounos cun recitado dalgúns poemas do libro. Todo un pracer, Grazas Branca!

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Encontro literario con Branca Trigo

Club de lectura: encontro literario para comentar o libro 48 horas

O luns 15 de abril tivemos a enorme sorte de contar no noso Club de Lectura coa presenza dun escritor moi novo de idade pero xa moi experimentado e cunha bagaxe e unha experiencia extraordinarias no trato co alumnado e o lectorado xuvenil.

 

Trátase, nin máis nin menos, que de Cándido Paniagua Pousa, o noso prezado e imprescindible profesor e vicedirector que tivo a ben compartir connosco un tempo para falar sobre a súa segunda novela, 48 horas.

Soubemos de primeira man cal foi o motivo que o levou a formular como o fixo a trama da obra (ao xeito dun reto da época na que a escribiu), que empezou  digamos- polo final, que pagou o tributo debido aos ingredientes cos que toda novela con adolescentes debe contar e incorporou a súa dose de amor/desamor.

Pero, sobre todo, soubemos que con esta novela, construída para o público xuvenil na forma e no estilo, pretende dar a coñecer a nosa cultura, concretamente, as lendas, tradicións e historia da súa terra, Xinzo de Limia. E abofé que o conseguiu!

 

Tamén nos dixo Cándido, no agradable encontro que mantivemos, que as súas preferencias non van hoxe tanto pola novela de intriga e suspense, piar fundamental desta novela, cuxo final non agradou a todos, seica.

Brindamos por moitos outros encontros con este grande escritor para compartirmos novas historias súas!

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Encontro club de lectura: 48 horas

Club de lectura: comentamos a obra Teño 14 anos e non é unha boa nova

O club de lectura A pé de obra reuniuse para debater arredor do libro ‘Teño 14 anos e non é unha boa nova, de Jo Witek e tradución de Antía Veres .

Onde sucede a historia? Podería acontencer no noso país algo así? Está baseada en feitos reais? Foron algunhas das preguntas que intentaron responder. Tamén compartiron as sensacións experimentadas durante a lectura: anguria, emoción, ansiedade, pranto, felicidade… Todas as persoas coincidiron en que a medida que afondaban na historia de Efi máis empatizaban con ela, até o punto de sentila moi próxima.

Esta novela serve para non apagar o debate sobre os matrimonios concertados e na falla de liberdade das mulleres. Sen dúbida, un libro esperanzador.

 

Club de lectura de adultos: As alumnas, de Paula Carballeira

O club de lectura de adultos, A pé de obra, volveuse reunir, desta volta, para comentar o libro As alumnas de Paula Carballeira.



A obra, Premio Nacional de Teatro 2023, foi obxecto de debate polo noso profesorado. Profundaron na historia de María Barbeito e compartiron experiencias vividas ao longo das súas traxectorias.



Unha tarde chea de anécdotas, libros e mesmo cine.

Seguimos lendo!

Visita de María Reimóndez

María Reimóndez visitou o IES Castelao para compartir tempo co club de lectura A pé de obra. A obra elixida para debater foi Furia, último premio Jules Verne de literatura xuvenil.

A novela foi obxecto de interese para o alumnado, quen amosou inquedanzas polos temas que trata: as emocións, o boxeo, a aceptación, o autodescubrimento, a diversidade sexual… Ademais, parolar coa autora foi enriquecedor para coñecela a ela e como é o seu proceso creador.

Non dubidedes en pasar pola nosa biblioteca para pedir algún exemplar e, se callar, levas algúns dos libros asinados pola autora.

Moitas grazas, María! Agardamos que volvas noutra ocasión!

Álbum: Curso 2023/2024 -> Club de lectura: Visita de María Reimóndez

O Hibisco púrpura, lectura do Club de lectura de adultos

O club de lectura de adultos reuniuse para debullar a lectura proposta do primeiro trimestre, O hibisco púrpura de Chimamanda Ngozi.

 

A conversa, reconforte e motivadora, versou arredor dos problemas que aborda a autora: o machismo, a violencia, o fanatismo relixioso, a guerra, o golpe de estado, as emocións que se amosan e as reprimidas…
Foi un intercambio de experiencias lectoras con bastantes puntos en común!
E na reunión xa lles deu tempo a acordar a seguinte lectura!

Club de lectura con Andrea Maceiras

O pasado día 1 de febreiro a escritora Andrea Maceiras visitou o Club de Lectura "A pé de obra" do alumnado do IES Castelao.
 
Mantivo con todos os membros do club e algún alumnado que tamén leron optativamente algún título seu unha suxestiva conversa que xirou sobre o título Que me pare o corazón se te esquezo, aínda que tamén apareceron referencias no diálogo a O que sei do silencio e Nubes de evolución.
 
Andrea falounos das súas orixes como escritora, das dinámicas creativas e dos asuntos ou temáticas que recrea con proximidade, deixando no ar moitas preguntas para reflexionar, como acontece nos máis dos seus libros.
Grazas, Andrea, pola túa visita.
Álbum: Curso 2022/2023 -> Andrea Maceiras