Hora zulú

                   Hora zulú     Santiago Lopo                                                

 

O grupo de lectura de 1º de bacharelato A e B  leu e comentou no mes de decembro Hora zulú, novela de Santiago Lopo.

Un home aparece ferido e nu ao pé dun acantilado. Ninguén sabe quen é. É ingresado nun psiquiátrico e, a través de  informes, correos electrónicos e outros textos, vaise descubrindo pouco a pouco a súa identidade e o que en realidade lle  aconteceu.

A obra, que nun principio lles pareceu algo complicada de ler, acabou  gustándolles moito aos alumnos pola súa orixinal estrutura, que mantén a intriga ata o final, e pola historia que se conta, relacionada co paso do tempo eo ecoloxismo.

David di que se sentiu atraído polo tratamento filosófico do tempo, o que lle fixo reflexionar sobre el. As historias dos cadernos que viven os seus protagonistas e a detención do tempo á mesma hora mantívoo intrigado ao longo da novela, que di que devorou en dous días.Olaia destaca a orixinalidade da estrutura narrativa, que a implicou máis na lectura,   xa que dende o principio hai bastantes incognitas por resolver. Estas vanse aclarando conforme les os correos e cadernos, que dan pistas sobre a identidade do Profesor, coma pezas dun crebacabezas, ata chegarmos ao caderno final  no que se aclara todo.  A Pablo a novela resultoulle interesante. Cre que, á parte dos elementos sobrenaturais e de ciencia ficción, é unha historia crible cun toque científico. Os  distintos tipos de texto que aparecen para contar o que sucede fan que a historia se presente como algo real.

Os nenos da varíola

Os nenos da varíola               María Solar

Os membros do grupo de lectura de 3º ESO A  lemos ao longo do mes de novembro esta novela  de carácter histórico de María Solar que levou o Premio Fervenzas Literarias 2017 ao Mellor Libro Xuvenil do ano e o Premio Gala do Libro 2018 na categoría de Mellor Obra Xuvenil.

A elección deste libro por parte da coordinadora do club débese á  actualidade do tema que trata: a pandemia provocada por un virus e a aparición e espallamento da vacina.

Rafael comenta que a historia  nos amosa  A Coruña do 1803, coa pobreza da época, que obrigaba aos país a deixar os nenos no hospicio por falta de recursos e enfermidades. Destas destaca a terrible varíola, que sería como a covid deste momento que vivimos.

Loreto e Iago resumen o importante feito médico do que se fala na novela: a Real Expedición Filantrópica da varíola, na que participaron rapaces de diferentes orfanatos (A Coruña, Santiago e Madrid).  Nos seus pequenos corpos, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Cruzan o  Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis  na que Isabel Zendal, a directora do orfanato, terá un papel importante. Precisamente chamoulles, din, a atención este nome que oen tantas veces nos medios de comunicación e Aarón e Lara falan das diferenzas na elaboración e distribución das vacinas con respecto a hoxe.

Dos personaxes Tiago destaca a Ezequiel, que conseguiu mellorar de vida; a Clemente e Valentina polo seu cariño e a Isabel Zendal, que non abandona aos seus nenos na travesía a  América.

Makinaria

Makinaria        Carlos Negro

 

No mes de novembro o grupo de lectura de 1º Bac B leu e comentou esta obra poética de Carlos Negro.  En principio os alumnos amosáronse reticentes a facer unha lectura  coral e posta en común dun texto poético, pero ao final a experiencia foi moi positiva.

Fíxeron a lectura en alto entre todos e, como eles dicían,  percibiron perfectamente  a musicalidade e o ritmo de rap do texto. Anxo e Irene decatáronse da estrutura do poemario: presentación, nó e desenlace, como se fose unha pequeña narración do que lles sucede aos rapaces que experimentan coa velocidade e o alcohol nas fins de semana con tráxico final. Víctor destaca a introdución de termos en inglés ao inicio de cada parte do poemario que, aludindo ao cine, música ou videoxogos, achega o texto á rapazada da 16-17 anos.

Sofía e Xoel comentan que este poemario, ademais de emocións, conta unha historia e por iso chamoulles a atención xa que, en xeral, á súa idade a poesía non é un xénero que os atraía moito.  A valoración do libro foi moi positiva.

Club de Lectura. Suxestións 1º trimestre

  Un ano máis comezamos as actividades do noso club de lectura "A pé de obra". As obras suxeridas para este primeiro trimestre son as seguintes:

 

 

AdxuntoTamaño
SUXESTIÓNS 1º trimestre 20-21.pdf742.36 KB

Convocatoria Club de Lectura do centro

Club de Lectura “A pé de obra”

 

A Biblioteca e o Club de Lectura “A pé de obra” do IES Castelao convidan o alumnado do centro a participar nalgún dos grupos de lectura que se van desenvolver este curso. Continuaremos cos grupos de banda deseñada / manga, a novela  histórica e a fantástica, Formaremos novos grupos que propoñan os asistentes.

 Reunirémonos nos recreos para ler e intercambiar impresións sobre as lecturas realizadas.

Todos aqueles que o desexen poderán apuntarse na Biblioteca a partir do  10 de novembro.

 

 Anímate!!

Peter Pan

Peter Pan anotado (Grandes libros): Amazon.es: Barrie, J.M. ...

                                                 Peter Pan           J. M. Barrie

Peter Pan é un conto coñecido por moitos de nós. Poderiamos falar de múltiples adaptacións, como a de Disney, Hook protagonizada  por Robin Williams en 1991, a versión posterior do 2003… Pero eu vouvos falar da orixinal, de J.M. Barrie. Ou ao menos a miña opinión persoal.

   Escrita polo escocés James Matthew Barrie, tivo a súa primeira aparición en 1904 como unha obra teatral chamada Peter Pan e Wendy. Coñeceuse ata os nosos tempos como a típica historia infantil: Peter e Campaniña levan a tres nenos ao país de Nunca Xamais para ver aos nenos perdidos, aos indios, ao capitán Garfo e aos seus piratas. Xa, xa… Pois a verdade é que eu leveime unha non moi agradable sorpresa cando na metade da historia comézase a describir escenas sanguentas de batallas entre indios, piratas e… nenos? De verdade? Nenos desexando matar homes e homes desexando matar nenos? Dicíase que o autor baseábase nos fillos dunha familia amiga súa para crear a trama e os personaxes, pero a min rompeume un pouco a infancia lelo e ademais descubrir que as fadas viven pouco tempo, polo que na seguinte vez que Peter vai  ver a Wendy, o neno xa nin se lembra de Campaniña, esa pequena criatura que nos ollos de Disney serian compañeiros inseparables ata o infinito. Por outra banda, tamén son entretidas algunhas das aventuras relatadas, como a do Paxaro de Nunca Xamais. Esta é a miña opinión. Non sei se alguén a comparte, pero grazas por ler.

                                                                                P. A. R. (3º ESO A)

Morning Star

MORNING STAR | XOSE MIRANDA | Comprar libro 9788483023303

Morning Star                  Xosé Miranda

Na 2º quincena de febrero o 2º grupo de lectura de 1º de Bacharelato A, B e E leron e falaron da novela Morning Star.

 A obra conta a vida de Lourenzo Tasende, un rapaz duns catorce anos que vive cos seus pais nunha taberna cerca de Pontevedra, aillado case por completo da sociedade, sen saber ler e tendo que atender o negocio familiar. Un día chega á súa casa para quedar Lázaro Rivadulla, antigo amigo de seu pai que lle descobre parte do seu pasado, e dende entón a súa vida cambia por completo; a nai ponse enferma e morre, e tras este suceso o pai retorna a formar parte dunha gavela na que participara na súa xuventude e que toma como centro de operacións a taberna da Disputa…

 Alba, de 1º A, comenta que o libro lle gustou moito porque tiña acción, romance e drama. Brais, tamén de A, destaca a estrutura da novela, que é unha sucesión de aventuras e desventuras contada retrospectivamente. Ángel valora moito que a historia está contada con realismo, feitos reais do pasado próximo (séc. XIX) que nos permite coñecer a vida de Galicia nesa época. Uxía e Rubén, de 2º E, resaltan que o obra nos conta unha historia de superación persoal por parte do protagonista, pois de neno levaba unha vida mísera, era analfabeto, delinque, pero co tempo e a axuda dos avós e Helena aprende a ler, deixa o mundo da delincuencia e chega a ser médico e boa persoa. Paula e Pablo de 1º B coinciden en que outro tema importante da novela é a ambición humana, pois cren que a busca do tesouro, os atracos, a loita polos cartos e o que se pode chegar a facer por eles, avísanos das consecuencias e perigos da ambición excesiva. Finalmente, Laura (1º A) salienta que as aventuras e vivencias do protagonista chegaron a emocionala fondamente

Os fillos do mar

Unha excelente novela: «Os fillos do mar», de Pedro Feijoo ...

Os fillos do mar        Pedro Feijoo

En febreiro, un dos grupos de lectura de bacharelato formado por alumnos de 1º A e E comentaron esta novela de P. Feijoo.

 A trama desenvólvese en Vigo en novembro de 2010.A historia iníciase cado Simón Varela, arquitecto, recibe unha chamada dunha señora da alta sociedade viguesa, Isabel Llobet, para que lle faga unha reforma nunha fonte da súa propiedade, nun pazo de Canido. Aos poucos días de comezar a reforma, Simón atopa un cofre pechado. Simultaneamente, a señora, xa maior, morre en estrañas circunstancias…

Mariana, de 1º E, comenta que o libro é moi entretido do principio ao final. Enlaza moi ben a intriga coa temática histórica, cunha narración áxil, atraentes saltos no tempo, para contar a historia de Hugo e Daniel nunha época escura.Destaca  que contribúen a esa intriga as dúbidas sobre as verdadeiras intencións dos personaxes,  pois ata o final non se sabe claramente quen é o inimigo. Paula (1º E) considera que o autor sabe envolver en misterio os feitos históricos e que  incluír algúns da nosa historia (a batalla de Rande) con outros  de Europa (o nazismo) resulta moi atractivo e interesante. David, de 1º A, di que o libro posúe todo o que para el fai  que unha novela sexa interesante: realismo, tema histórico e intriga. Ademais, di, un empatiza facilmente cos personaxes. Tamén de 1º A, María Barciela resalta que o final da historia e inesperado e sorprendente o que para ela é moi importante nunha  novela.

O último traballo do Señor Luna

o ultimo traballo do señor luna-cesar mallorqui del corral-9788496352575

O último traballo do señor Luna                       C. Mallorquí

O segundo grupo de lectura de 3º ESO A leu e comentou en febreiro O último traballo do señor Luna.

Un rapaz superdotado intelectualmente, aínda que demasiado vulnerable no plano afectivo, vaise ver involucrado nun complicado plan de vinganza orquestrado por un poderoso narcotraficante boliviano de cocaína. Polas rúas de Madrid, entrecrúzanse as vidas dun asasino a soldo, dunha emigrante latinoamericana e dun adolescente.

Iago destaca da obra o ben articulada que está a trama. Mantén a intriga, engancha dende o primeiro momento e os personaxes son cribles. Destaca tamén que reflicte a realidade das bandas de narcotraficantes, como son e actúan, e  a dos alumnos superdotados, que é descoñecida para a maioría do alumnado. Lucía e Paula concordan con Iago e pareceulles interesante que a trama toque distintos temas como o mundo da droga, o amor e desamor xuvenil e os superdotados. Sergio di que sentiu a historia dos rapaces moi próxima á xente da súa idade. Moitos sentiranse identificados cos distintos grupos de mozos. Tamén ve como positivo a evolución dos personaxes. Naiara destaca a mestura entre a realidade das mafias e a ficción e di que aprendeu  o que poden sufrir os alumnos superdotados.

A rateira

a rateira-agatha christie-9788468213033

 

 

 

 

A rateira   Agatha Christie

 

 O primeiro  grupo de lectura de 3º ESO A leu e comentou no mes de febrero esta peza teatral de A. Christie

Na obra,  Giles e Mollie Ralston inauguran unha casa de hóspedes non arredores de Londres. Illados nela por unha tormenta de neve,  o negocio converterase durante uns días no epicentro dun macabro xogo criminal cun asasino  solto entre os seus clientes, un dos cales é un sarxento da policía,  que terá que descubrir quen é o asasino..

 

Ana  Benavides dique a obra lle gustou moito porque a  intriga está  moi ben elaborada, de xeito que te invita a non deixar de ler ata o final, sorprendente, da historia. O mesmo opina Iván, que cre que o feito de que a autora nos faga pensar cada vez nun asasino diferente mantén o interese. Carolina, ademais, destaca tamén que se toca  e denuncia o tema do maltrato infantil.