Monster collection

Resultado de imaxes para Monster Collection 2 Monster collection 2      Sei Itoh 

Este mes de maio os integrantes do Club de Manga decidiron ler libros distintos para recomendarlles aos outros membros do Club e comentárllelos.

Ainara Saínza Docampo, de 1º ESO C,  leu e recomendoulles aos compañeiros o volume 2 da serie Monster Collection, de Sei Itoh. Neste episodio 2, Kasche, a  aprendiz de mago, emprende unha grande aventura, acompañada de Natascha e Corvo, para recuperar os  segredos dos feiticeiros contidos na enciclopedia de Velm. Deben loitar contra o Señor das Terras, que matou o anterior propietario.

Ainara cóntalles a historia aos demais e comenta que, a pesar de que na historia hai bastante violencia e algo de sexo, a  acción é trepidante, os personaxes son graciosos e os debuxos moi bos. Recoméndao, ademais,  porque é moi entretido.

 Podedes ver un debuxo de Kasche realizado por Ainara non apartado "Outras actividades"                                                                                     

 

 

                                                                                                                                     Ainara Saínza Docampo

Erros e tánatos

Resultado de imaxes para erros e tánatos

O pasado xoves 2 de maio as alumnas de 1º de Bacharelato tivemos a oportunidade de gozar dunha conferencia do filólogo e escritor lalinense Gonzalo Navaza, na que puidemos formularlle as nosas preguntas sobre a súa obra "Erros e Tánatos" e pedirlle sinaturas nos nosos libros.

Na mitoloxía grega, Eros era o deus do amor e Tánatos o da morte. Xuntos conforman para a psicoloxía os dous instintos básicos do ser humano e como estes aspectos inflúen na nosa maneira de actuar: a vida (no sentido da "fraternidade" do amor) e a morte.

 O autor baséase neste concepto para lle dar título a un conxunto de relatos nos que as situacións sinistras, estranas ou perigosas, rozan ou chegan á morte a través dunha serie de "circunstancias", ou o que é mesmo, por mor dunha serie de accións erradas desenvolvidas polos protagonistas de cada relato.

 Dende o primeiro momento, Navaza tratou de aclararnos a diferenza entre un relato e un conto, ás veces moi difusa; e neste sentido insistiu en que o emprego da primeira persoa na narración nun texto deste tipo (no que poden incluírse os chistes ou as lendas populares, a míúdo transmitidas oralmente) sempre reforza o creto e a verosimilitude que o lector lle poida dar ao texto. 

Tamén aproveitou isto para animarnos a que, inspirados nunha historia calquera, tentemos darlle un sentido literario para construír un conto, xa que para el é algo que pode conseguir calquera a base de intentalo (el mesmo fixo varias versións dalgúns dos seus relatos e cambiounos varias veces).

 De tódolos xeitos, explicounos que algúns dos compoñentes desta obra están estruturados na ficción baseándose en experiencias reais que inspiraron ao autor (vivíndoas ou observándoas). Estes son os casos de “Bull & Mignone”, “Tinta chinesa” ou “O home do saco”, entre outros. 

Persoalmente, considero que todos os relatos conseguen manter ao lector pendente dos acontecementos, especulando sobre o que poida ser o seguinte acto das personaxes e imaxinando posíbeis desenlaces, aínda que á fin e ao cabo a retranca que vén anunciada xa dende o título do libro acaba impoñéndose.

 Sinceiramente, teño que dicir que Viva a Revolución gustoume máis cós demais polos seus tintes políticos. Neste relato ademais, podemos ver claramente a estraña pero ás veces certa combinación entre a ironía dos sucesos e a realidade dos mesmos. 

Por outra banda, o feito de que sexa unha obra narrativa estruturada en relatos fai que poidamos interpretalos coma partículas separadas entre si pero con elementos comúns, o que contribúe tamén a que a lectura sexa máis interesada.

 Para concluír, recomendo a todo aquel interesado na lectura áxil, intelixente e sinxela á vez ollar esta obra de Gonzalo Navaza, na que está asegurada a intriga entretida até a última páxina.

 

                                                                                                                   Samuel Fernández (1º Bac)

A rateira

A  rateira Agatha Christie

No mes de maio, o alumnado de 3º ESO A pertencente ao Club de Lectura reunímonos en varios recreos para comentar a peza teatral  de Agatha Christie A  rateira, obra que leva representándose en Londres dende 1952 e xa vai por máis de 25.000 representacións..

 Giles e Mollie Ralston inauguran a súa nova casa de hóspedes nos arredores de Londres e esta converterase  por uns días no epicentro dun macabro xogo criminal cun asasino solto entre os seus clientes. Illados por unha tormenta de neve e sabendo que calquera deles pode ser a próxima vítima, Os oito ocupantes da casa, un dos cales é un sarxento de policía, deberán pescudar quen é o asasino e quen está chamado a ser o próximo cadáver antes de que sexa demasiado tarde.

O libro gustounos moito. Candela cre que o título vai moi acorde coa trama, pois os personaxes están illados dentro do hotel coma nunha trampa, nunha rateira, sen poder saír a causa da nevarada, o que aumenta a sensación de angustia para os personaxes e de intriga para o lector. Hugo Pérez considera que a atmosfera que se crea é realmente a dunha rateira, onde todos gardan segredos que se van desvelando pouco a pouco ata o final.  A trama está ben artellada, di Carlos, porque calquera dos personaxes pode ser o asasino e a intriga mantente enganchado ata o final. Os personaxes están ben trazados, comenta Rosalía, son xente corrente pero cun pasado que volve ao presente. A. Christie consegue que desconfíes de calquera deles como autor dos asasinatos, aínda que o culpable resultou ser o que menos parecía. Algúns, con todo, cren que hai algunha pequena incongruencia, como que os irmáns non se recoñecesen.

Por outro lado, pareceunos interesante o feito de que a autora denuncie a través da peza o maltrato infantil e as consecuencias que calquera acto propio pode traer para os demais.

.

Coñecendo a Castelao (2)

Despois da visita ás salas de exposición de Castelao no Museo de Pontevedra, os alumnos converteron en cómics algúns dos relatos pertencentes a Cousas. Velaquí algúns deles.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Cómics Castelao

Encontro con Gonzalo Navaza

O 2 de maio Gonzalo Navaza tivo un encontro cos alumnos do club de lectura de 1º de Bacharelato  que, no mes de abril, leron a súa  obra Erros e tánatos. Comentamos co autor varios dos relatos e falounos de como xurdiron as historias, ás veces de simples anécdotas que lle sucederon na vida cotiá. Explicounos, ademais, algunhas das “regras” que empregan os autores  para escribir relato. Foi un encontro moi ameno no que animou aos participantes a escribiren os seus propios textos.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Conferencia de Gonzalo Navaza

O noso Club de Lectura en miniatura

Con motivo do Día do Libro, Noelia Carollo, alumna pertencente ao noso club de lectura de 3º da ESO A, fixo unha maqueta do noso recuncho do Club de lectura con algúns dos "libros" lidos ata agora. Dámoslle as grazas por tan minucioso traballo.

 

Álbum: Curso 2018/2019 -> Exposición de libros en miniatura

Coñecendo a Castelao (1)

No mes de febrero, o alumnado de 3º ESO A  que pertence ao club de lectura comentou  o conxunto de relatos Cousas de Castelao. Para coñecer mellor a vida e obra do autor que dá nome ao noso instituto realizamos unha saída ao Museo de Pontevedra. Alí, ademais doutras salas, visitamos as adicadas a Castelao, coñecendo a fondo a obra deste polifacético autor.

 

Álbum: Curso 2018/2019 -> Visita ao Museo de Pontevedra

A casa de Rosalía

Os grupos de 3º da ESO  que pertencen ao noso club de lectura, despois de leren e comentaren Cantares gallegos de Rosalía de Castro co motivo do Día adicado á autora, o 24 de febrero,  fixeron unha saída a Padrón para coñecer in situ a casa donde pasou os seus últimos anos. No seguinte álbum podedes ver algunas fotos desa actividade

Álbum: Curso 2018/2019 -> Visita á casa de Rosalía

Lemos e debuxamos manga

Ao longo do segundo trimestre os lectores do club de Manga realizaron debuxos de personaxes ou obxectos relacionados cos mangas lidos. Algúns sobre Toradora ou El pupitre de al lado  (P.A.R. de 2º ESO A) aparecen na sección Que che pareceu?  do noso club de lectura e outros, dos mangas Monster collection (Ainara Saínza 1º ESO B), Lovely complex (P.A.R). ou El ataque a los titanes (Lynette Álvarez de 1º ESO B) reproducímolos neste álbum. Esperamos que vos gusten.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Debuxos manga

Fun home Unha familia traxicómica

Resultado de imaxes para Fun home unha familia traxicomicaFun Home. Unha Familia Traxicómica    Alison Bechdel

Fun Home. Unha Familia Traxicómica é unha novela gráfica que fai un relato autobiográfico da familia da debuxante estadounidense Alison Bechdel. Narra a súa infancia e xuventude na Pensilvania rural, centrándose na complexa relación co seu pai.

Este, Bruce Bechdel, é profesor de inglés, dirixe unha funeraria e colecciona antigüidades. Cre Rosalía que era un  pai moi esixente e  distante con Alison e o resto da familia. Só cando esta admite, xa na universidade, que é lesbiana, descobre que o seu pai tamén é homosexual. Malena di que  non recoñece a súa condición sexual porque na época dos sesenta era algo moi mal visto e o pai non tivo valor para dicilo.

Pouco despois desta revelación, Bruce falece nun accidente, dando a entender que se suicida. Noelia cre que aínda que Alison fala abertamente de que é lesbiana, segue buscando ao longo da historia o seu lugar no mundo.

A Malena  gustoulle tamén porque a historia alterna fragmentos da infancia, adolescencia e xuventude de Alison, é dicir, que non está ordenada cronoloxicamente e faiche pensar máis.

As tres lectoras comentan o papel de sufridora da nai, que fai  coma que non coñece a homosexualidade do seu home, pero que debeu sospeitalo pouco despois de casaren e, con todo, soporta a situación.

A obra permite, di Rosalía, que coñezamos a vida dos Estados Unidos na década dos 60 e 70.

Noelia, Malena e Rosalía destacan que a obra  trata temas como a orientación sexual, os roles de xénero e o suicidio dunha maneira  non crítica, polo que o lector pode adoptar libremente unha postura sobre esa temática.

 

                                                                                                                        Malena, Noelia e Rosalía (3º ESO A)