Erros e tánatos

Resultado de imaxes para erros e tánatos

O pasado xoves 2 de maio as alumnas de 1º de Bacharelato tivemos a oportunidade de gozar dunha conferencia do filólogo e escritor lalinense Gonzalo Navaza, na que puidemos formularlle as nosas preguntas sobre a súa obra "Erros e Tánatos" e pedirlle sinaturas nos nosos libros.

Na mitoloxía grega, Eros era o deus do amor e Tánatos o da morte. Xuntos conforman para a psicoloxía os dous instintos básicos do ser humano e como estes aspectos inflúen na nosa maneira de actuar: a vida (no sentido da "fraternidade" do amor) e a morte.

 O autor baséase neste concepto para lle dar título a un conxunto de relatos nos que as situacións sinistras, estranas ou perigosas, rozan ou chegan á morte a través dunha serie de "circunstancias", ou o que é mesmo, por mor dunha serie de accións erradas desenvolvidas polos protagonistas de cada relato.

 Dende o primeiro momento, Navaza tratou de aclararnos a diferenza entre un relato e un conto, ás veces moi difusa; e neste sentido insistiu en que o emprego da primeira persoa na narración nun texto deste tipo (no que poden incluírse os chistes ou as lendas populares, a míúdo transmitidas oralmente) sempre reforza o creto e a verosimilitude que o lector lle poida dar ao texto. 

Tamén aproveitou isto para animarnos a que, inspirados nunha historia calquera, tentemos darlle un sentido literario para construír un conto, xa que para el é algo que pode conseguir calquera a base de intentalo (el mesmo fixo varias versións dalgúns dos seus relatos e cambiounos varias veces).

 De tódolos xeitos, explicounos que algúns dos compoñentes desta obra están estruturados na ficción baseándose en experiencias reais que inspiraron ao autor (vivíndoas ou observándoas). Estes son os casos de “Bull & Mignone”, “Tinta chinesa” ou “O home do saco”, entre outros. 

Persoalmente, considero que todos os relatos conseguen manter ao lector pendente dos acontecementos, especulando sobre o que poida ser o seguinte acto das personaxes e imaxinando posíbeis desenlaces, aínda que á fin e ao cabo a retranca que vén anunciada xa dende o título do libro acaba impoñéndose.

 Sinceiramente, teño que dicir que Viva a Revolución gustoume máis cós demais polos seus tintes políticos. Neste relato ademais, podemos ver claramente a estraña pero ás veces certa combinación entre a ironía dos sucesos e a realidade dos mesmos. 

Por outra banda, o feito de que sexa unha obra narrativa estruturada en relatos fai que poidamos interpretalos coma partículas separadas entre si pero con elementos comúns, o que contribúe tamén a que a lectura sexa máis interesada.

 Para concluír, recomendo a todo aquel interesado na lectura áxil, intelixente e sinxela á vez ollar esta obra de Gonzalo Navaza, na que está asegurada a intriga entretida até a última páxina.

 

                                                                                                                   Samuel Fernández (1º Bac)