Actividades e Concursos

PLAMBE

Bibliotecas escolares de Galicia

     As actividades da nosa Biblioteca están integradas dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia.

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

Debido á celebración do Día das linguas europeas, o equipo da biblioteca ofréceche a posibilidade de participar nun concurso no que podes demostrar a túa capacidade para pronunciar o impronunciable.

Soamente tes que gravar un pequeno vídeo ou audio en galego ou castelán no que introduzas de maneira coherente e orixinal a palabra máis difícil de pronunciar que coñezas nunha lingua europea.

 

Tedes de prazo ata o 1 de outubro. Animádevos!

 

IX Xincana na Biblioteca Ramiro Fonte

Nesta derradeira semana de curso escolar, na Biblioteca Ramiro Fonte do IES Castelao celebrouse unha emocionante xincana.

O alumnado de 1º da ESO acudiu á cita por clases. Tras un sorteo establecéronse grupos para disputar as probas. Busca en dicionarios, enigmas, atopar libros dalgún autor en concreto, recitar poemas… actividades moi diversas para demostrar o moito que coñeceron os fondos da biblio durante este primeiro curso. O xoves disputouse a finalísima entre os gañadores.

Álbum: Curso 2023/2024 -> IX Xincana Biblioteca Ramiro Fonte

Encontro literario con Paula Carballeira

O 10 de xuño de 2024 foi un día ben especial no IES Castelao. Paula Carballeira visitou o noso centro. E aínda que non era a primeira vez, de seguro, que desta volta non foi coma as anteriores. 

Pola mañá atendeu o alumnado de 1º de Bacharelato e mais do Club de lectura A pé de obra, que leu a súa obra As alumnas, último Premio Nacional de Teatro. Confesoulles como construíu a obra tras unha encomenda da compañía de teatro onde traballa. Nótase que é unha das mellores contacontos galegas, pois mantivo a súa atención en todo momento. Afondou na historia real que agocha a trama e no importante que é para ela representar este texto. Ao finalizar a sesión, un grupo de alumnas entrevistaron a Paula para a revista do IES, que moi pronto poderedes ler. 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Encontro con Paula Carballeira

Derradeiro encontro do club de lectura escolar: Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz

A semana pasada tivo lugar o derradeiro encontro do club de lectura escolar ‘A pé de obra’ para comentar a novela Noite de voraces sombras de Agustín Fernández Paz.

Sen dúbida algunha, non puido ter mellor peche. Este libro entusiasmou a rapazada. Unha boa maioría reflexiounou sobre o trasfondo da historia, chegando a interesarse por indagar no pasado da illa de San Simón; foron quen de establecer analoxías cos conflitos bélicos actuais e a decatarse de que sempre cometemos os mesmos erros.


Club de lecturas de adultos: Amor de tango, de María Xosé Queizán

O club de lectura de adultos reuniuse por penúltima vez este curso para comentar a novela ‘Amor de tango’ de María Xosé Queizán.
Durante o encontro salientaron a virtuosidade da autora para fiar tantos temas, dar tantas (e pequenas) doses de historia, mesturada con moito lirismo, paixón e entrega.
A obra non deuxou indiferente a ninguén, dado que cadaquén atopou aspectos nos que reparar: a dureza da guerra, o deporte feminino, a vida nas fábricas, a maternidade, a protección familiar, o amor e, por suposto, o baile.
Con esta novela péchase o ciclo de encontros de adultos. Unha actividade que contou con boa parte do profesorado e que agardamos que medre no vindeiro curso.

21 de maio: Día da diversidade cultural

          O martes 21 de maio festexamos no instituto pola mañá o Día da Diversidade Cultural, así declarado pola Unesco desde 2002 a raíz da Declaración feita un ano antes na que se recolle a importancia de coñecer, respectar e conservar a inmensa riqueza que supón a variedade de culturas que hai no mundo como factor de integración e de inclusión e para un maior entendemento, máxime nestes tempos que corren.

Álbum: Curso 2023/2024 -> 21 de maio: Día da diversidade cultural

21 de maio: Día da Diversidade Cultural

          O martes 21 de marzo festexamos no instituto pola mañá o Día da Diversidade Cultural, así declarado pola Unesco desde 2002 a raíz da Declaración feita un ano antes na que se recolle a importancia de coñecer, respectar e conservar a inmensa riqueza que supón a variedade de culturas que hai no mundo como factor de integración e de inclusión e para un maior entendemento, máxime nestes tempos que corren.

          Ao longo das primeiras clases o alumnado de varios grupos foi baixando a poñer nos mapas colocados no vestíbulo cadansúa bandeiriña no seu lugar de procedencia. Queda ben patente a diversidade existente no noso instituto! 

          Desde o departamento de Plástica, coa colaboración de persoas expertas nesas linguas (profesores como Gloria e Xián ou alumnas como Halima, Yousra, Alesia e Rhida), o alumnado de 3º C elaborou ademais uns fermosos carteis nos que se poden ler os seus nomes transcritos en varios alfabetos (latino, grego, cirílico, coreano e árabe). 

          Á volta do segundo recreo un feixiño de alumnas e alumnos deron lectura en varias linguas a algunhas pasaxes relativas ao sentido e os obxectivos deste Día. Foron: Juan e Carlos de 1º de bacharelato A (inglés), Pablo de 1º ESO A (ucraíno), Thalita de 3º ESO (brasileiro) e Isaac de 2º ESO A (guaraní). 

          Sexamos conscientes da riqueza que nos rodea, coñezámola e fagamos todo o que estea nas nosas mans para a súa conservación. 

II Certame literario: As letras do Castelao

No IES Castelao temos moita canteira de escritores. Co gallo das Letras Galegas, celebramos o II Certame literario As letras do Castelao. En homenaxe á autora deste ano, Luísa Villalta, as composicións foron poéticas e de temática libre. 

Álbum: Curso 2023/2024 -> II Concurso as Letras do Castelao

Gañadores do concurso de microrrelatos a partir de títulos de libros

Hoxe fixémoslles entrega dos premios aos gañadores do concurso de microrrelatos a partir de títulos de libros. 
Os gañadores da categoría 1º a 3º da ESO foron: Dylan Simões Rúa (1º ESO C) e Aurora Iglesias Gaspar (2º ESO C). A decisión foi ex aequo logo de deliberar o xurado e entender que ambas as composicións eran merecentes de recoñecemento. 
Na categoría de 4º da ESO a 2º de BACH a gañadora resultou ser Mencía Jorge Cabaleiro (2º BACH E). A nosa prometedora escritora fíxose con este galardón al presentar un texto ben orixinal. 
Parabéns aos tres! Seguide lendo e escribindo moito e ben! 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Gañadores do concurso de microrrelatos a partir de títulos de libros
Distribuir contido