21 de maio: Día da diversidade cultural

          O martes 21 de maio festexamos no instituto pola mañá o Día da Diversidade Cultural, así declarado pola Unesco desde 2002 a raíz da Declaración feita un ano antes na que se recolle a importancia de coñecer, respectar e conservar a inmensa riqueza que supón a variedade de culturas que hai no mundo como factor de integración e de inclusión e para un maior entendemento, máxime nestes tempos que corren.

          Ao longo das primeiras clases o alumnado de varios grupos foi baixando a poñer nos mapas colocados no vestíbulo cadansúa bandeiriña no seu lugar de procedencia. Queda ben patente a diversidade existente no noso instituto! 

          Desde o departamento de Plástica, coa colaboración de persoas expertas nesas linguas (profesores como Gloria e Xián ou alumnas como Halima, Yousra, Alesia e Rhida), o alumnado de 3º C elaborou ademais uns fermosos carteis nos que se poden ler os seus nomes transcritos en varios alfabetos (latino, grego, cirílico, coreano e árabe). 

          Á volta do segundo recreo un feixiño de alumnas e alumnos deron lectura en varias linguas a algunhas pasaxes relativas ao sentido e os obxectivos deste Día. Foron: Juan e Carlos de 1º de bacharelato A (inglés), Pablo de 1º ESO A (ucraíno), Thalita de 3º ESO (brasileiro) e Isaac de 2º ESO A (guaraní). 

          Sexamos conscientes da riqueza que nos rodea, coñezámola e fagamos todo o que estea nas nosas mans para a súa conservación. 

Álbum: Curso 2023/2024 -> 21 de maio: Día da diversidade cultural