Os nenos da varíola

Os nenos da varíola               María Solar

Os membros do grupo de lectura de 3º ESO A  lemos ao longo do mes de novembro esta novela  de carácter histórico de María Solar que levou o Premio Fervenzas Literarias 2017 ao Mellor Libro Xuvenil do ano e o Premio Gala do Libro 2018 na categoría de Mellor Obra Xuvenil.

A elección deste libro por parte da coordinadora do club débese á  actualidade do tema que trata: a pandemia provocada por un virus e a aparición e espallamento da vacina.

Rafael comenta que a historia  nos amosa  A Coruña do 1803, coa pobreza da época, que obrigaba aos país a deixar os nenos no hospicio por falta de recursos e enfermidades. Destas destaca a terrible varíola, que sería como a covid deste momento que vivimos.

Loreto e Iago resumen o importante feito médico do que se fala na novela: a Real Expedición Filantrópica da varíola, na que participaron rapaces de diferentes orfanatos (A Coruña, Santiago e Madrid).  Nos seus pequenos corpos, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Cruzan o  Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis  na que Isabel Zendal, a directora do orfanato, terá un papel importante. Precisamente chamoulles, din, a atención este nome que oen tantas veces nos medios de comunicación e Aarón e Lara falan das diferenzas na elaboración e distribución das vacinas con respecto a hoxe.

Dos personaxes Tiago destaca a Ezequiel, que conseguiu mellorar de vida; a Clemente e Valentina polo seu cariño e a Isabel Zendal, que non abandona aos seus nenos na travesía a  América.