Visita a Celanova, terra de Curros e Celso Emilio

O alumnado de 1º de bacharelato, 4º ESO PDC e Club de lectura tivo unha xornada moi especial neste 25 de abril. Acudiron ata Celanova, o que significou a décima visita do instituto.

A saída comezou coñecendo a vila de Vilanova dos Infantes, descubrindo a súa historia a través da Torre da Homenaxe, a virxe do Cristal e o museo dos zapateiros. A seguir, dirixíronse ata Celanova onde visitaron o mosteiro de San Rosendo, a casa de Curros e a biblioteca do IES Celanova. Percorreron os puntos máis sinalados nun roteiro literario no que recitaron versos dos dous poetas máis famosos destas terras, Curros e Celso Emilio.

Despois, asistiron a un magnífico concerto de órgano que os deixou abraiados. Remataron a excursión coa subida ao castro de Castromao, dende onde puideron desfrutar das marabillosas vistas que se albiscan dende o alto da croa.

Dende o IES Castelao queremos agradecer á Fundación Curros Enríquez e aos guías (Paula e Aquilino) a súa hospitalidade e amabilidade! De seguro que nos habemos de ver de aquí a dentro dun ano.

Namentres seguiremos cantando:

Unha noite na eira do trigo
Ó refrexo do branco luar…

Álbum: Curso 2023/2024 -> Saída a Celanova, terra de Curros e Celso Emilio