Club de lectura: encontro literario para comentar o libro 48 horas

O luns 15 de abril tivemos a enorme sorte de contar no noso Club de Lectura coa presenza dun escritor moi novo de idade pero xa moi experimentado e cunha bagaxe e unha experiencia extraordinarias no trato co alumnado e o lectorado xuvenil.

 

Trátase, nin máis nin menos, que de Cándido Paniagua Pousa, o noso prezado e imprescindible profesor e vicedirector que tivo a ben compartir connosco un tempo para falar sobre a súa segunda novela, 48 horas.

Soubemos de primeira man cal foi o motivo que o levou a formular como o fixo a trama da obra (ao xeito dun reto da época na que a escribiu), que empezou  digamos- polo final, que pagou o tributo debido aos ingredientes cos que toda novela con adolescentes debe contar e incorporou a súa dose de amor/desamor.

Pero, sobre todo, soubemos que con esta novela, construída para o público xuvenil na forma e no estilo, pretende dar a coñecer a nosa cultura, concretamente, as lendas, tradicións e historia da súa terra, Xinzo de Limia. E abofé que o conseguiu!

 

Tamén nos dixo Cándido, no agradable encontro que mantivemos, que as súas preferencias non van hoxe tanto pola novela de intriga e suspense, piar fundamental desta novela, cuxo final non agradou a todos, seica.

Brindamos por moitos outros encontros con este grande escritor para compartirmos novas historias súas!

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Encontro club de lectura: 48 horas