Jimmy LIAO, Desencuentros

Gústanos moito esta historia aínda que algúns pensamos que o final debeu ser feliz. É incrible o ben que están feitos os debuxos, que van narrando as historias paralelas con escenas sempre semellantes…


Esta historia gráfica relata a vida dun mozo e unha moza que viven na mesma cidade moi preto un do outro sen que nunca cheguen a atoparse, porque sempre saen en direccións opostas da casa. As súas vidas están como baleiras sen coñecérense. Pasa o tempo e esa falta énchese porque se atopan casualmente, pero unha sucesión de casualidades fai que se separen.


O encontro entre os mozos pode resultar “empalagoso”, como lle parece a Rosalía, pero a ela mesma sedúcea a forma na que imos coñecendo a cidade na que viven, o paso das estacións… sen encontrarse. Lucía Pereira considera que o encontró é “forzado” e, sen embargo, a Sergio gustoulle porque é coma se se coñecesen de toda a vida.


Outras Lucías (Coto, Prieto) consideran inapropiado o final, non lles gusta por quedar como incompleto, porque debeu ser un final feliz. Igual opina David, marabillado polos debuxos, sobre todo os das escaleiras, tan ben feitas, aínda que chegue a resultar algo inverosímil que os protagonistas non se crucen nunca.


Lía destaca  a maneira como están mesturadas as cores e como están dadas as sombras nesta historia que a todos se lles fixo curta e lles gustou, porque o final, que non é feliz nin redondo, faite pensar.



Lucía Coto, Lía García, Iago Gil, David Troncoso (1º ESO-B)
Carlos Heras, Daniela Oliveira, Lucía Pereira, Lucía Prieto, Sergio Puente,
Rosalía Van Raiij (1º ESO-C)

PATRICK NESS, Un monstro vén a verme


O libro de Patrick Ness conta como vive un rapaz de trece anos a doenza da súa nai enferma de cancro. Conor, o protagonista, pasa por unha etapa moi complicada e o mundo real vólveselle máis serio do que pensaba.

O monstro é unha figura creada pola súa imaxinación que o visita moitas noites ás 00:07 para axudalo a asumir a súa situación. El vaille contar tres historias nas que o ben e o mal son relativos. Por suposto, o feito de que a súa nai estea a sufrir entristece a Conor pero hai cousas que, aínda que un non queira, teñen que pasar. No pesadelo final non quere desprenderse dela pero ten que facelo, entende que iso non sería tan malo… Nas historias, ese feito atopa unha xustificación.

A enfermidade da nai marcará na novela un momento de tránsito: o final e o comezo dunha nova etapa que o protagonista vive coa axuda do monstro (“a árbore da vida).

O tema é a perspectiva da enfermidade, o cancro, desde a mocidade. Recomendamos ler o libro para entender que pensa e sente Conor nesa situación.

Laura Calvar, Humberto Díaz, Samuel Fernández,
Ana Soneira , Jessica Valcárcel

Sorteo de San Valentín

         
          Lucía Pereira resultou a afortunada.

          Dado que este ano se cumpren 75 da morte de MIGUEL HERNÁNDEZ, quixemos empezar a recordalo con algúns dos seus poemas de amor con motivo do día de San Valentín, o 14 de febreiro.

          O alumnado de 4º C elaborou suxerentes presentacións e estiveron expostas no vestíbulo do instituto durante dúas semanas xunto co retrato realizado tamén por dúas alumnas do grupo, ademais dunha sucinta información biográfica sobre o autor.

          Todo o alumnado do centro foi convidado, por suposto, a ler os poemas, pero tamén a votar polo seu preferido. Entre todos os que xustificaron razoadamente a súa escolla fíxose un sorteo dun vale de 25 € para libros, no que resultou afortunada LUCÍA PEREIRA de 1º ESO C.

 

 

 

 

 

 

Que poema che gusta máis?


Le os poemas de amor de MIGUEL HERNÁNDEZ que hai nos paneis do vestíbulo e dá a túa opinión razoada sobre cal che gusta máis usando a caixa que hai alí ou  o formulario inferior ata o xoves 16 de febreiro. Todas as opinións entrarán no SORTEO dun VALE de 25 € para libros.