A visita do inspector J. B. Priestley
No mes de marzo alumnos de 1º de bacharelato A e C analizaron esta peza de Priestley.
A obra comeza cunha cea na casa da familia Birling, na que celebran compromiso entre Sheila, a filla dos Birling, e Gerald Croft. De súpeto aparece o Inspector Goole que lles comunica que unha moza se suicidou cun desinfectante. Co transcorrer da obra, descóbrese que todos os integrantes da familia e o noivo de Sheila tiveron algunha relación con esa moza, que ía cambiando o nome. Foi empregada do Sr. Birling e despedida; Sheila fíxoa botar por bobadas, Gerald tivo unha relación como amante, a Sra. Birling non a quixo axudar cando foi a pedir axuda a un fogar de mulleres e o fillo que esperaba a moza era de Eric, fillo da familia. Vaise o inspector e decátanse de que non existe ningún policía chamado así e que ningunha moza morrera dese xeito. Pero cando parecía que todo era unha broma ou o home era un tolo, soa o teléfono e comunícanlle a Birling que morreu unha moza por tomar desinfectante e que un inspector de policía irá á súa casa para interrogalos.
A trama da obra mantívonos enganchados de principio a fin, por como transcorre a historia, polo papel de xuíz do falso inspector e a tensión que xera dende que aparece.
A súa estrutura circular era algo inesperado. A intriga que se mantén ao longo da obra fai que a nosa mente constrúa un final que en nada se parece ao que elabora o autor, impactante e inesperado. Ademais, constitúe unha crítica da sociedade inglesa da época, moi clasista, e fai que o lector-espectador reflexione o sobre os seus actos e as consecuencias que estes poden causar nos demais.
Daniel Valdivieso, Lucía Jorge e César Rodríguez