ANPA

PARABÉNS! CHEGAN NOVAS FAMILIAS. BENVIDAS AO CRA!

Esta tarde ides achegarvos á Sede de Asados novas familias cheas de ilusión, e algúns temores, porque vindes informarvos de como é o lugar onde se van escolarizar os vosos meniños e meniñas. A ANPA "Irmáns Ínsua" queremos felicitarvos por ter escollido o Cra de Rianxo porque é unha escola na que as vosas crianzas se van sentir moi a gusto xa que serán atendidos por moi bos profesionais. Van estar moi ben coidadas, van recibir moito cariño e van aprender moitas cousas que levarán con eles toda a vida. Desde agora poñémosnos á vosa disposición para todo o que precisedes e animámosvos a que vos asociedes a nós. A Anpa "Irmáns Ínsua" somos unha asociación de Nais e Pais que temos algún fillo ou filla estudando no Cra de Rianxo e que nos unimos para, entre todas e todos, tratar de que a escola dos nosos fillos e fillas sexa mellor. O máis importante é que entendades que a ANPA non é un organismo alleo que nos organiza, non é unha institución que faga cousas por nós, non é un colectivo que nos apoia. 

A ANPA SOMOS NÓS

Nestes momentos temos varios proxectos inmediatos abertos: o Club de Lectura Infantil da Escola de Cuvide que se celebrará mañá mércores ás cinco e media en Campo Maneiro (Taragoña), a campaña para tratar de impedir que peche a Escola da Vacariza, a festa de Fin de Curso no parque de aventuras do Camping de Rianxo e a participación no Festival Xoubajazz con dúas sesións de contacontos e obradoiros impartidos por familias do Cra.

Animámosvos a participar activamente na educación das vosas fillas e fillos.

O tempo que lles dedicamos ás nosas crianzas sempre é o tempo mellor aproveitado! 

O CLUB DE LECTURA VIAXA Á ESCOLA DE OUTEIRO (TARAGOÑA)

O mércores 22 de Maio, nova sesión do Club de Lectura Infantil do Cra de Rianxo!

Haberá contos e o gaiteiro Isaac, antigo alumno do Cra e irmán de Breogán, da escola de Campo de Pazos, tocará unhas pezas para nós. Non esquezamos a merenda nin a gorra, que a visita ao Río Te ha ser ben bonita...

E, por suposto, non deixedes a camiseta verde na casa... Non volo perdoaría! 

CHUVIA PARA MAÑÁ

 

Como saberedes O Clube de Lectura "Frores do meu amigo" do Cra de Rianxo, en colaboración coa Anpa "Irmáns Ínsua",  tiña organizado para mañá pola tarde un roteiro para visitar varios petroglifos do lugar de Leiro, tendo prevista a saída ás 16 horas da Fonte de Meiquiz. Ante a previsión de chuvia intensa, queda suspendida a actividade ata novo aviso

 As actidades da mañá, coa Carreira das Letras e a merenda en "familia", mantéñense no Polideportivo de Taragoña.

Por favor, difundide a noticia nas vosas escolas. 

 

Gracias. 


MESA REDONDA PARA DEBATER SOBRE A LOMCE

 

 

A Anpa do IES da Pobra do Caramiñal organizou para hoxe ás 7 da tarde unha mesa redonda para informar e debater sobre a nova lei do ensino, na que van medrar os nosos fillos e fillas.

Está confirmado que a dita mesa redonda vai acudir o Delegado Provincial, e sería unha gran ocasión para oír, de primeira man, o que o goberno pretende con esta lei. No debate da mesa redonda tamén participará un representante da Asemblea polo Ensino Público da Barbanza, desde a que se anima ás familias e profesores a acudir lucindo as camisetas verdes. 

Animádevos! 

A mesa é ás 19:00 horas no Auditorio Municipal da Pobra do Caramiñal. 

Un saúdo

 

O CLUB DE LECTURA VAI Á ESCOLA DE RAÑO

Este mércores 8 de Maio ás 4:30, nova sesión con contos e música. Se o tempo o permite iremos merendar a Meiquiz, ao pé dos seus hórreos. Se cadra aínda alguén se anima a contarnos cousas das mallas... 

Non deixedes as Camisetas Verdes na casa, que son moi festeiras! 

Xa sabedes. ACTIVIDADE ABERTA AO MUNDO ENTEIRO!!!

 

CLUB DE LECTURA INFANTIL CRA DE RIANXO NA ESCOLA DA CAPELA

 

Mañá mércores 24 ás 4:30 teremos na Escola da Capela unha nova sesión do Club de Lectura Infantil. Leremos contos e haberá música en directo grazas as peciñas que Ainhoa vai tocar para nós.
Ao acabar teremos un obradoiro de pintado de camisetas para facer xuntos camisetas coas que poder sumarnos á campaña "Venres Verdes" promovida desde a "Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza". Para participar nela só é preciso traer todas as camisetas con ganas de ser pintadas que queirades. As camisetas poden ser de crianzas ou de adultos, novas ou vellas, verdes ou doutra cor... Pero aínda así, se non consegues camiseta, a anpa levará algunha... A ver se atopas a túa talle. Se queres envíanos unha mensaxe ou chámanos por teléfono 654721393 e reservámoscha.
Coma sempre, esta é unha actividade aberta, serás ben recibid@ aínda que non estudes no Cra de Rianxo. Anímate a participar!!!!

OBSERVACIÓN DE ESTRELAS DESDE O CEIP ANA MARÍA DIÉGUEZ DE ASADOS

 

 

O Ceip Ana María Diéguez de Asados (situado detrás da Sede do Cra) está organizando unha actividade de observación de estrelas da man do astrónomo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, J.A. Docobo. Celebrarase este venres 19 de Abril se as condicións meteorolóxicas o permiten.

A sesión comezará ás 21:00 horas e nenos e maiores poderán observar a lúa e aprender moito sobre o que se ve no ceo. 

Trátase dunha actividade aberta e polo tanto serán moi ben recibidos todos os nenos e nenas que o desexen e que vaian acompañados dun adulto. Tamén as nosas crianzas do Cra! 

Animádevos a asistir e difundide a información nas vosas escolas, por favor. 

En caso de suspenderse por mal tempo anunciaríase no bloque do Ceip, cuxo enlace é o seguinte: http://ceipanamariadieguez.blogspot.com.es/

 Nel podedes consultar xa a información e ver as cousas bonitas que fan.

 

 

 

 

HOXE COMEZAN OS VENRES VERDES!

 

A comunidade educativa da Barbanza, e por inicitiva da “ASEMBLEA DE DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO DA BARBANZA” comeza hoxe a ir ás escolas coas camisetas verdes, en sinal de protesta polos recortes ao ensino público de tod@s e para tod@s. 

Na Anpa temos camisetas para tod@s as mamás, papás, avós e avoas por 6 euros/unidade. Dicídenos cantas queredes e levámosvolas á escola. 

Para as crianzas aínda non temos, pero estamos organizando unha xuntanza para pintar nós mem@s unhas moi creativas! Apúntate!!! 

Podedes ver a noticia na prensa pinchando no seguinte enlace: http://media.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2013/03/02/instauran-viernes-verdes-protesta/0003_201303B2C5994.htm?idioma=galego. 

Un abrazo

VISITA DE SABELA LAHUERTA AO CRA DE RIANXO

 

VISITA DE SABELA LAHUERTA AO CRA DE RIANXO
 Os/as profes das nosas crianzas mandáronnos unha invitación ás familias do Cra de Rianxo e tamén unha recomendación para que asistamos este mércores 13 a unha actividade que vai haber na sede de Asados. Aquí tendes a información:
Compañeiros, compañeiras e familias: 
mércores 13 de marzo na biblioteca do CRA (Asados), con horario de 16:00 a 18:30 h.
Nesa data recibiremos a visita de Sabela Lahuerta, mestra no CEIP de Vide (As Neves) que nos aportará as súas experiencias sobre a organización e xestión da biblioteca escolar dun CRA, no cal traballa moi directamente coas familias, tal e como recolle no seu blog: http://aldeatotal.blogspot.com/. Por suposto, unha vez máis as familias estades convidadas...
 Penso que estará moi ben para aprender a partir desta experiencia de colaboración entre escola-familias. Xa sabedes que estas cousas se organizan única e exclusivamente para mellorar a vida dos nosos fillos e fillas. 

O CLUB DE LECTURA INFANTIL DO CRA DE RIANXO CELEBRA O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

 

O Club de Lectura Infantil do Cra de Rianxo vai celebrar o Día Internacional da Muller o xoves día 7 de Marzo, ás 16:30 horas na Escola de Abuín-Brión.

Haberá música porque Miriam, antiga alumna do Cra e actualmente estudante na Escola de Música de Rianxo, virá a tocarnos unhas pezas co seu curioso instrumento. Tamén leremos contiños e falaremos con mulleres de Rianxo que compartirán con nós algunha curiosidade sobre a súa profesión. 

Actividade aberta a quen queira asistir e organizada pola Anpa "Irmáns Ínsua" coa colaboración do  profesorado do Cra, da Escola de Música e dos Talleres da Memoria do Concello de Rianxo.  

Distribuir contido