ANPA

OBRADOIRO DA ESCOLA DE MÚSICA DE RIANXO

Dende a Escola de Música de Rianxo infórmannos de que van realizar o V Obradoiro Musical durante os meses de marzo a xuño, para nenos/as de 3 a 7 anos.

 As xornadas serán:

 Venres:

 Rianxo (16:00 a 17:00)

 Taragoña (17:30 a 18:30)

 Asados (19:00 a 20:00)

 Sábados:

 Leiro (16:00 a 17:00)

 Isorna (17:30 a 18:30)

 O prazo de inscrición remata o 26 de febreiro.  O obradoiro comeza o 1 de marzo. O prezo do obradoiro é de 40€ polos catro meses. 

 Máis información nas oficinas do auditorio de 11h30 a 13h00, no  teléfono 671 058 555 ou no e-mail: escolademusicaderianxo@gmail.com.

CON ROSALÍA...

A ANPA IRMÁNS ÍNSUA DO CRA DE RIANXO VEN DE  REALIZAR, O MÉRCORES 20 DE FEBREIRO,  A SÚA SEGUNDA SESIÓN DO CLUB INFANTIL DE LECTURA NA ESCOLA DE CRUCEIRO, ANTIGA ESCOLA "ROSALÍA DE CASTRO"

O CLUB DE LECTURA CONTOU COA PRESENZA DUNHA CONVIDADA DE HONRA, A POETA GALEGA LUZ FANDIÑO,  NUNHA XORNADA PARA LER, CONTAR E CANTAR A ROSALÍA.

UNHA TARDE LITERARIA CON NENOS E NENAS, CON FAMILIAS E MESTRES E CON LUZ FANDIÑO.
E CON ROSALÍA...

*

ver a lembranza a Rosalía na

Escola de Cruceiro

Escola de Rañó

Escola de Pazo

A FEIRA DE ASOCIACIÓNS PARA O DOMINGO 17 TRASLÁDASE A ASADOS

 

Atención!!! En Rianxo aínda non rematou o Antroido 2013 !!!!!

Sábado día 16 Campo de Pasos - Taragoña - 17.30 h.
Certame de CARROZAS Organiza Peña Cicloturista Castro Barbudo. Premios ás mellores carrozas. OBRADOIROS de maquillaxe, globoflexia e complementos
Domingo día 17 - Patio do CEIP ANA MARÍA DIÉGUEZ - ASADOS - dende as 16.30 horas
ENTROIDOlandia (inchábeis, obradoiros e grandes xogos) -16.30 a 20.30 h. - Obradoiros e actividades animación para as crianzas.
Actuación de PETER PUNK - 18.00 h. Posta en escena do seu novo espectáculo PETER PUNK.
Sorteo de AGASALLOS entre as persoas disfrazadas (infantil - xuvenil-adultos e grupos). Require inscrición previa. (a partir das 17.00 h.)
II FEIRA do Entroido - 16.30 h a 20.00 horas. - DEGUSTACIÓN de productos do Entroido, Obradoiros, Actividades de Animación, ... nos postos das diversas entidades culturais participantes (Centro Cultural VICENTE VIDAL de Leiro, Cadro Artístico AIRIÑOS, Asoc Cultural FOGO FATUO, ANPA “Irmáns Ínsua” do CRA de Rianxo, Asoc. Festival ANTROSPINOS, Asoc. Cultural e Xuvenil TOXO BRAVO - Agrup. Teatral CRIATURAS,....entre outras)
CHARANGAS - Ambientación musical polas Charangas “N.A.S.A”, “O RETORNO DOS TERRIBLES” e “VAI DE RODA”
Enterro do TORIBIÑO - Velorio e posterior queima. Organiza Asoc. Cultural e Xuvenil TOXO BRAVO
Máis información aquí.
Agardando que a información sexa do seu interese, reciba un cordial saúdo
Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística
Concello de Rianxo

O CONCELLO DE RIANXO TRASLADA A FEIRA DE ASOCIACIÓNS PARA O DOMINGO 17

Parece que toca parar as máquinas. O Concello de Rianxo traslada ao domingo 17 a Feira de Asociacións. Este é o comunicado oficial: 
Ante as previsións do tempo para mañá Martes de Entroido, nas que se anuncia unha tarde fría e con risco de chuvia, e habida conta de que as actividades programadas por este Concello para celebrar o Entroido están centradas, na súa maior parte, para desenvolver ao aire libre o día mencionado, procédese a trasladar o programa de actos de mañán martes e pasado mércores (inclúese o enterro do inestimable e sempre ben querido Toribiño, pois non vai ser chorado antes de celebrar o Entroido) para a tarde do vindeiro domingo día 17, cos mesmos horarios, na que -coa salvedade dos días que quedan por diante- as previsión climáticas parecen algo máis afortunadas.
Agardamos que o espírito entroidiano siga teso e forte ata o mencionado día
Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística
CONCELLO DE RIANXO
Estupendo!!! así teremos máis tempo para amasar orellas, probar o vestiario, ensaiar as imitacións... Vai estar todo riquísimo!!!Guiño

PARTICIPACIÓN DA ANPA DO CRA NA II FEIRA DE ASOCIACIÓNS DE RIANXO

A Anpa "Irmáns Ínsua" do Cra de Rianxo vai participar na Feira de Asociacións que por segundo ano consecutivo o Concello de Rianxo organiza no Martes de Antroido no Campo de Arriba. Trátase de que pasemos xuntos unha tarde divertida, que entremos en contacto con outras asociacións, que deamos a coñecer aos veciños o que é o Cra e as vantaxes de estudar nel... Para todo isto imos ter un posto no que se farán no momento filloas e chocolate quentiño, e tamén venderemos orellas e rosquillas da casa. O posto será moi bonito porque lembrará ás nosas escolas, grazas aos debuxos das nosas nenas e nenos, que lucirán alí durante a xornada. Iremos todas e todos disfrazados porque o profesorado do Cra está colaborando con nós facilitándonos estes debuxos e emprestándonos a súas batas de traballo... A pérgola e todos os trebellos para facer as filloas veñen da casa de Luísa da Vacariza... e o resto da infraestrutura e a organización xeral corre a cargo dunha moi competente comisión de nais e pais da Escola do Outeiro. Aínda así, para que o éxito estea asegurado é preciso a colaboración de nais e pais de todas as escolas (sexan ou non socios da Anpa). 

Precisamos:

  1. Unha bandexiña de orellas ou rosquillas de cada escola 
  2. Que o día da Feira se complete o horario de atención ao público. A Comisión do Outeiro estableceu as seguintes quendas para repartirnos o traballo: 

15:00-16:00.  Outeiro + Vacariza

16:00-17:00. Cruceiro

17:00-18:00. Pazo + Cuvide

18:00-19:00. Rañó

19:00-20:00. Capela + Quintáns

20:00-21:00. Abuín + Outeiro 

As escolas escollidas para cada hora serán as encargadas de levar a "xerencia" do posto nese momento... pero a axuda, a compañía, a música e o ambiente festivo agradecerase durante toda a xornada.
ÁNIMADEVOS A PARTICIPAR!!!! 

A ANPA IRMÁNS ÍNSUA ORGANIZA UN CLUB DE LECTURA PARA TODOS OS NENOS E NENAS DA ESCOLA

Este mércores 6 de febreiro na Escola de O Pazo a Anpa do Cra de Rianxo comeza co seu Club de Lectura. A actividade é totalmente gratuíta e aberta a todas as crianzas do Cra. Os nenos e nenas asistirán acompañados dun adulto que se fará cargo deles e que tamén poderá gozar coa lectura e con outras propostas moi creativas e divertidas. O horario é de 16:30 a 18:30. Traede a merenda e, se queredes, tamén aos avós!!! Animádevos, ímolo pasar moi ben!

ALERTA MÉDICA

Estase facendo pública a través das redes sociais unha alerta médica sobre o medicamento infantil JUNIFEN AL 4, que afecta ao lote G07 por estar contaminado. Desde a Anpa falamos cunha farmacéutica que nos confirmou que a noticia é certa e que as farmacias teñen orde de retirar ese medicamento. Trátase dun xenérico de Ibuprofeno, que se utiliza para as mesmas patoloxías que o Dalsy. Se alguén o está tomando debe suspender o tratamento e levar o medicamento a unha farmacia. 

Un saúdo

Anpa "Irmáns Ínsua" do C.R.A. de Rianxo

CONVOCATORIA MANIFESTACIÓN EN SANTIAGO PARA DOMINGO 27 DE XANEIRO

A Plataforma “Queremos Galego” convoca a unha manifestación unitaria co lema “Pola lingua que nos une. Queremos galego na escola” que sairá este domingo 27 de xaneiro ás 12 h desde a Alameda de Santiago. A Plataforma, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística, está conformada por máis de 700 entidades diferentes. Sairá un autobús da Comarca da Barbanza que pasará polo Peirao Sete Fogas aproximadamente ás 11 horas (horario orientativo). Prezo 3.00 €. Horario orientativo. Máis información: 981873654 ou na propia páxina Web da plataforma: http://www.queremosgalego.org/

 

CONVOCATORIA DE CONSELLO ESCOLAR

Está convocada a celebración do Consello Escolar para este martes 29 de xaneiro de 2013 ás 18:15 na Sede do Cra en Asados.

Como sabedes, temos uns representantes das nais e pais que estarán alí. Tamén acudirán representantes do profesorado, a dirección do centro, unha representante do Concello de Rianxo... E tamén teremos un/unha representate da Anpa Irmáns Ínsua. É por iso que vos suxerimos que vos poñades en contacto con nós se hai algún tema que queirades que sexa tratado nesa reunión. Podedes facelo a través desta páxina, a través do facebook, mediante o correo electrónico crarianxoanpa@gmail.com, nos teléfonos 654721393 - 981866688, ou dirixíndovos persoalmente aos representantes que a Anpa ten en cada escola.  

Animádevos a participar na educación dos vosos fillos e fillas... hai moito en xogo!!!

CURSO FORMACIÓN DIRECTIVOS DE ANPAS

O sábado dous de febreiro de 11 a 2 da tarde vai celebrarse en Riveira un Curso de Formación de directivos de Anpas impartido polos membros da Federación de Anpas de A Coruña. A este curso poden asistir non só as persoas que formen parte das directivas das Anpas de Riveira, senón de toda a Barbanza e todo aquel que estea interesado en crear un Anpa ou asociación similar. Aínda non se sabe en que lugar de Riveira se vai celebrar, en canto estea decidido comunicarase. 

Un saúdo

 

Teresa, mamá de Dália, Escola de Cruceiro. 

Distribuir contido