PARABÉNS! CHEGAN NOVAS FAMILIAS. BENVIDAS AO CRA!

Esta tarde ides achegarvos á Sede de Asados novas familias cheas de ilusión, e algúns temores, porque vindes informarvos de como é o lugar onde se van escolarizar os vosos meniños e meniñas. A ANPA "Irmáns Ínsua" queremos felicitarvos por ter escollido o Cra de Rianxo porque é unha escola na que as vosas crianzas se van sentir moi a gusto xa que serán atendidos por moi bos profesionais. Van estar moi ben coidadas, van recibir moito cariño e van aprender moitas cousas que levarán con eles toda a vida. Desde agora poñémosnos á vosa disposición para todo o que precisedes e animámosvos a que vos asociedes a nós. A Anpa "Irmáns Ínsua" somos unha asociación de Nais e Pais que temos algún fillo ou filla estudando no Cra de Rianxo e que nos unimos para, entre todas e todos, tratar de que a escola dos nosos fillos e fillas sexa mellor. O máis importante é que entendades que a ANPA non é un organismo alleo que nos organiza, non é unha institución que faga cousas por nós, non é un colectivo que nos apoia. 

A ANPA SOMOS NÓS

Nestes momentos temos varios proxectos inmediatos abertos: o Club de Lectura Infantil da Escola de Cuvide que se celebrará mañá mércores ás cinco e media en Campo Maneiro (Taragoña), a campaña para tratar de impedir que peche a Escola da Vacariza, a festa de Fin de Curso no parque de aventuras do Camping de Rianxo e a participación no Festival Xoubajazz con dúas sesións de contacontos e obradoiros impartidos por familias do Cra.

Animámosvos a participar activamente na educación das vosas fillas e fillos.

O tempo que lles dedicamos ás nosas crianzas sempre é o tempo mellor aproveitado! 

A ANPA DO CRA TAMÉN ESTÁ EN FACEBOOK. FAITE AMIG@!

Pódesnos atopar entrando por Anpa Cra Rianxo Irmáns Ínsua ou podes intentalo no seguinte enlace: 

 

https://www.facebook.com/#!/anpacrarianxo.irmansinsua

 

AMÍGATE!