Skip to Content

Aproximación ao (de)sexo

O 6 de febreiro o alumnado de 3º e 4º da ESO participou nunha actividade consistente nun teatro-foro co título de “A pornografía na adolescencia”, da man da compañía Talía Teatro.

Tratábase dun programa de investigación teatral que terá como finalidade a montaxe dunha peza dramática titulada “Desexo”.

O punto de partida era unha serie de escenas inconclusas para as que o alumnado debía facer propostas coas distintas formas de continuar e os finais posibles.

Para levar a cabo a actividade contamos cunha parella de actores, Marta Ríos e Daniel Trillo, que interpretaban todas as escenas; Bárbara Penas, a sexóloga que asesoraba o programa; e Diego Rey, coordinador do programa e director da obra resultante.

Un interesante programa que pon de manifesto o traballo que aínda queda por facer coa mocidade.

Conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e visita do secretario xeral técnico

 

No día de hoxe realizamos no centro varias actividades en relación coa celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia que será o vindeiro domingo 11 de febreiro. Comezamos cunha charla en liña coa astrofísica Evanthia Hatziminaoglou coa que contactamos a través do programa Skype a Scientist. Ela falounos do seu traballo como investigadora no Observatorio Europeo Austral (ESO) en Alemaña e como xefa do Centro Rexional ALMA, o radiotelescopio máis potente do mundo, situado en Chile e tamén da importancia do papel da muller na ciencia e da conmemoración deste día.

Por outra banda persoal dos CFRs de Ferrol e A Coruña acompañounos ao longo da mañá para presentar o kit didáctico de Polos Creativos creado especialmente para este día. O kit está formado por cinco actividades lúdicas para o alumnado sobre mulleres e ciencia e tamén astrónomas en particular. 

Contamos tamén coa visita do secretario xeral técnico, Manuel Vila, e persoal do seu equipo que compartiu a xornada co alumnado participando activamente nos xogos. Foi unha mañá moi interesante e divertida na que aprendemos e gozamos moito. Grazas todas e todos pola organización e por participar. 

Máis información | Edu XuntaGaliciaPress e Instagram do Club de Ciencia

Entroido 2024: mandadiños do Bartolo para E. Infantil e E. Primaria

Día da Paz 30 de xaneiro 2024 - Lipdub ESO

O alumnado de ESO, polo día da paz do 2024, creou para vós este lipdub en colaboración co seu profesorado.

Coñecendo as nosas institucións

Hoxe o alumnado de 2ºESO participou no programa “Coñece as túas institucións” promovido polo Parlamento de Galicia.

Para levar a cabo esta actividade o alumnado previamente traballou algúns aspectos relacionados con esta temática como a Constitución Española, o Estatuto de Autonomía de Galicia, os símbolos de Galicia e as nosas institucións.

No programa inclúese a visita á Xunta de Galicia e ao Parlamento de Galicia, onde puideron acceder, entre outras dependencias, á biblioteca Nós, ao salón dos pasos perdidos ou Salón da Letras Galegas e ao propio Hemiciclo.

Para completar o día acudimos ao CC As Cancelas para realizar un traballo de sociolingüística, que consistía na comprobación da lingua de uso do persoal traballador do centro tanto en conversas de carácter privado como de atención ao público. Así mesmo, o alumnado debía facerlles unha pequena enquisa sobre o seu coñecemento da realidade do galego.

Primeiro premio Innovagal e visita da directora xeral de Ordenación e Innovación educativa

Con moita ledicia recibimos hoxe o primeiro premio Innovagal na categoría de secundaria e adultos para o noso centro. A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández visitou a nosa escola para darnos os parabéns persoalmente. O premio é para toda a comunidade educativa que día a día traballa para facer o CPI Plurilingüe O Cruce cada día un centro mellor, esforzo compartido con outros moitos centros educativos de Galicia premiados nesta convocatoria e noutras, pasadas e futuras. 

Seguimos! Moitas grazas e parabéns a todas e todos!

Actualización normativa sobre o uso de teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos

Tal e como o recolle a Orde do 4 de xaneiro de 2024, neste centro, prohíbese o uso de teléfonos móbiles e calquera outro dispositivo electrónico (agás o ordenador Edixgal, dado que se trata dunha ferramenta didáctica de uso diario) durante os períodos lectivos (horas de clase) e non lectivos (as entradas e saídas, o tempo de recreo, de comedor escolar, de desprazamento no transporte escolar e os períodos dedicados ao desenvolvemento de actividades complementarias e extraescolares).

Recoméndase ao alumnado que evite asistir ao centro con teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos, xa que en caso de acudir con eles, durante os citados períodos lectivos e non lectivos, o alumnado deberá mantelos inactivos e debidamente gardados, sen estar á vista.

De incumprirse esta norma acompañarase da medida correctora correspondente. 

Tan só, e cando o docente o solicite, poderanse empregar como ferramenta pedagóxica. 

Exceptuarase desta restrición o emprego proporcionado e razoable dos dispositivos por cuestións de oportunidade ou necesidade, médicas ou de outra índole, sempre e cando o motivo estea xustificado da maneira que se considere en cada caso atendidas as circunstancias, e así sexa autorizado pola dirección do centro

Distribuir contido


by Dr. Radut