Skip to Content

ACLARACIÓNS RESPECTO AO PROTOCOLO DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO DA COVID NA ETAPA DE EDUCACIÓN INFANTIL

Estimadas familias,

Ante as dúbidas xurdidas por parte dalgunhas familias após a reunión de infantil o pasado 13 de setembro cómpre clarificar o que establece o protocolo que emana da consellería e que o propio centro elabora e adapta.  

O fin do  mesmo é crear contornas escolares saudables e seguras mediante o establecemento de medidas preventivas, colectivas e individuais, que deben adoptarse para protexer e previr o máximo posible o risco de contaxio por Covid-19.

A distancia a manter entre postos escolares será a máxima que permita a aula, e cando menos de 1,20 metros dentro da aula desde o centro das cadeiras. O uso da máscara será obrigatorio a partir dos 6 anos de idade con independencia do mantemento da distancia interpersonal. Asemesmo será altamente recomendable para o resto do alumnado.

Na etapa de Educación Infantil, e nas unidades e centros de educación especial, conformando grupos estables de convivencia, na aula poderá traballarse mediante grupos colaborativos dun máximo de 5 alumnos/as  que se constituirán como subdivisións dos grupos estables de convivencia para mellorar a trazabilidade dos contactos. Os grupos traballarán cun distanciamento físico, con carácter xeral, de polo menos 1,5 metros respecto dos restantes grupos. Sempre que sexa posible usarase a máscara, porén para o profesorado e o persoal non docente que teña contacto cos grupos de infantil será de uso obrigatorio.

Nas escolas unitarias, aulas unitarias de CRA, unidades e aulas de centros de educación especial e aulas de educación infantil cun número entre 5 e 10 alumnos poderán establecer un único grupo colaborativo que coincidirá co grupo de convivencia estable. NO CEIP DAS VENDAS O GRUPO CLASE DE INFANTIL TEN 11 ALUMNOS/AS polo que cómpre respectar as distancias e grupos sinalados con anterioridade.

O alumnado non compartirá material de uso propio con ningún dos seus/súas compañeiros/as. Nas aulas ou no propio pupitre deberá existir un espazo diferenciado para o material de cada alumno de xeito que non permita ser manipulado por outros compañeiros.

Nas reunións de titoría e nas comunicacións por outros motivos coas familias priorizarase a comunicación por teléfono ou videochamada.

A merenda realizarase de xeito individual en grupos colaborativos e en espazos diferenciados, (debe ser unha merenda que os nenos/as poidan comer sen moita dificultade) no caso de ser posible no patio exterior para garantir o distanciamento sempre que o tempo o permita.

Nas perchas o material ou roupa colocárase do xeito máis individualizado posible.

Recoméndase o inicio da xornada con accións nas que se traballe a lembranza de normas de hixiene e a concienciación do alumnado coa pandemia, actividades que se realizarán presentadas como algo lúdico.

Para o xogo en recantos (ambientes) delimitarase e organizarase o seu uso de xeito individual, garantindo a desinfección posterior ao seu uso, tanto do espazo e como dos materiais. Estes materiais non serán de moitas pezas e serán de fácil desinfección.

Agardamos que isto clarifique as dúbidas que puideran xurdir e lembramos a obriga de cumprilas.

 



blog | by Dr. Radut