Skip to Content

"Día diferente: visita ao pobo-escola de Lodoselo"

Esta semana do 25 de abril comezámola con moita ilusión na aula de Educación Infantil. Tivemos a sorte de iniciar a tempada de saídas cunha visita moi especial ao pobo-escola de Lodoselo grazas ao Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso”.

Os nosos nenos e nenas esperaron este día con moita ilusión e estiveron a altura das circunstancias. A nosa viaxe comezou nun autobús moito máis grande ao que estaban acostumados e portáronse xenial (claro, porque tiñamos un condutor de primeira, grazas Carlos).

Ao chegar, recibíronnos cos brazos abertos Paula, Camilo e Manuel (e tamén a alegre Muma, unha cadela ben simpática que nos acompañou todo o día).

Comezamos a mañá cunha receita de pan, fomos ao forno da aldea para elaboralo. Preparamos os ingredientes, amasamos, decoramos e recitamos unha bendición para que saíse ben rico... Ao final do día recollémolo para levalo a casa e poder compartilo coas nosas familias.

Mentres o pan quedaba no forno, fomos ao xardín sensorial, onde os cativos puxeron a tope os seus 5 sentidos: observaron materiais feitos polos maiores da aldea e foron ao horto en busca de miñocas (e ben grandes que as atoparon...).

Despois, a saída púxose moi interesante cunha viaxe en burro polo núcleo central da aldea. Os nenos e nenas pasárono xenial!

Máis tarde, Paula contounos un fermoso conto “O Carballo con botas” ademais de ensinarnos troncos de diferentes arbores da zona e de plantar unha arbore nos bricks que previamente prepararon os nenos/as nas casas.

Por suposto, tamén houbo tempo para o xantar e o xogo libre.

Rematamos o día vendo e acariciando a distintos animais: coellos, pitiños,... e incluso algúns dos nosos nenos alimentaron a un pequeno aniño que nos veu a visitar.

Por último, despedímonos de Camilo, Paula e Manuel, que nos agasallaron cunha caixa para paxaros para colocar no patio do noso colexio, e con ganas de volver pronto xa que nos trataron xenial!

A viaxe de volta foi máis tranquila para as profes María e Helena, xa que algúns dos nosos pequenos botaron unha sesta pero sen esquecerse de dicir que pronto querían volver a realizar outra saída... oxalá que poidamos moi pronto!

Canto nos divertimos! Unha pequena mostra a continuación...  

 


 



blog | by Dr. Radut