Ao longo do 1º trimestre e parte do 2º trimestre, o alumnado de 4º de Educación Primaria traballou o libro Xa non son malo! de Paula Merlán e Blanca Millán publicado por Antela Editorial.
Xa non son malo! é unha fermosa historia sobre a natureza, pois nela faise fincapé no desenvolvemento de actitudes de respecto ao medio ambiente ao tempo que se propoñen accións para o seu coidado. Así mesmo, póñense en valor as relacións dos membros dunha comunidade co seu entorno natural máis próximo.
É tamén unha historia sobre a amizade, sobre as relacións que se establecen entre os membros que forman parte dun mesma comunidade e, neste contexto, subxace a idea das segundas oportunidades: a posibilidade de liberarse de etiquetas e de romper con estereotipos tradicionais como forma de eliminar prexuízos e roles asociados a elas.
O libro conta a historia de dous compañeiros Lobo Feroz e Ourizo Rufo quenes comparten vivenda e traballan e realizan actividades a prol do coidado e da conservación do medio no que viven: as Fragas Floridas. Xuntos, axudan a evitar incendios, limpan os bosques, seleccionan e reciclan o lixo, consomen produtos da terra…
Malia todo, Lobo Feroz non está moi ben visto: a fin de contas é un lobo e os lobos, por natureza, son malos. Mais iste non é o caso, Lobo non se comporta segundo os estereotipos que lle veñen asociados. De feito, ao longo de todo o texto, Lobo afánese por conseguir que Lobiña Sorriso -de quen está profundamente namorado- mude a opinión que ten del. Lobo, de cativo, foi trasno, incluso “malo”, pero agora xa non o é (de aí o título do libro). A súa teima é conseguir que Lobiña Sorriso vexa tamén que é bo. Despois de diferentes sucesos nos que Lobo Feroz axuda poñendo en risco a súa vida, Lobiña cambia de opinión e dase conta que as segundas oportunidades son necesarias.
Actividade 1: Descubrimento
O alumnado chega un día ao colexio e atópase enriba das mesas un paquete de papel de xornal: o libro.
Ábreno e descubren a maqueta que hai no envoltorio. Despois, ben o libro. Esta actividade nos permite introducir o tema do coidado do medio ambiente, ao falaren, por exemplo sobre a embalaxe de agasallos, sobre a practicidade de usar o envoltorio (de cartón) para darle outro uso: unha maqueta. Esta actividade foi de expresión oral, fixemos unha chuvia de ideas sobre o que significa coidar o medio ambiente e sobre pequenas accións (como envolver un agasallo) que eles poden facer a diario.
Actividade 2: Lectura
Lectura individual silenciosa, lectura grupal en voz alta e lectura grupal dramatizada.
Actividade 3: A creación de libros
Intercambiamos información e coñecementos sobre a creación de libros: o traballo dos autores, dos editores, dos ilustradores… sempre partindo da información que atopamos no libro. Ademais, falamos sobre os tipos encuadernación, a maquetación, as edición, os rexistros, os datos que aparecen nos libros, o custo, a maquinaria, o tipo de papel…
Actividade 4: Maqueta
Montaron a maqueta da casiña que viña no envoltorio. Unha vez montada, cada un a decorou ao seu gusto.
Actividade 5: Caderniño
O conto vén cun marcapáxinas e cun caderniño de actividades que o alumnado foi realizando en diferentes momentos.
Actividade 6: Versionando o conto
Coincidindo co traballo de contidos da aula, o alumnado fixo a versión deste conto en poesía, creando, entre todos a versión en verso do conto.
Actividade 7: Ilustración
Realización de debuxos para ilustrar a versión en poesía do conto, que será entregada a final de curso para a biblioteca do centro.
Actividade 8: Produto final
Aos poucos, a rapazada foi elaborando debuxos e textos que tiveron como resultado final Xa non son malo! en poesía, libriño feito polo alumnado de 4º para agasallar á biblioteca do centro.
O Clube de lectura de 5º de curso de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, elixiu como terceiro libro “Formigas. Misión Rosalía” de Pere Tobaruela da editorial Xerais.
O libro foi traballado nos meses febreiro e marzo do curso escolar 2021/2022 e conta a historia da FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL que son os catro integrantes dos FORMIG4S, unha brigada especial que vai ata calquera recuncho do mundo para esclarecer os casos máis enigmáticos e complicados.
En «Misión Rosalía» os FORMIG4S son alertados de que a obra da célebre poeta se está a esvaecer. Para investigar este estraño suceso han viaxar no tempo ata o século XIX por Compostela e a súa contorna. Alí vivirán unha trepidante aventura para salvagardar o legado e a propia vida de Rosalía de Castro.
Despois da lectura do libro, o alumnado traballou a súa comprensión a través de diversos mapas nos que intentamos representar a historia e os diversos lugares polos que tiveron que atravesar as formigas.
O venres, 4 de febreiro, realizamos a actividade encadrada dentro da XXXII CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA, promovida pola Concellería de Educación do concello de Ourense, que leva por título Encontros co autor/a. Este ano a elixida foi a autora Andrea Maceiras que nos veu a falar do seu libro “A folla azul” que previamente traballamos no noso Club de lectura nos meses de decembro e xaneiro.
O libro A folla azul relata a historia dun mundo verde así como o fogar de moitas tribos indíxenas que viviron alí desde o inicio dos tempos. Relata a historia de Husu Aké, membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verde.
Andrea Maceiras presentounos o seu libro a través dunha presentación que nos fixo reflexionar sobre a natureza. Logo tivemos a oportunidade de facerlle preguntas sobre o seu libro. E para rematar as sinaturas adicadas dos nosos libros. Foi un enorme pracer ter connosco a Andrea Maceiras e xa estamos agardando a que escriba o seu próximo libro.
O alumnado de 2º de Educación Primaria seguimos desfrutando das nosas historias favoritas e, nesta ocasión, foi a quenda de Carlota quen escolleu o libro “Se eu tivera unha púa” de Eva Clemente para contarllo ao resto da clase.
O seu protagonista, Pepincho Repúa, quere atopar amigos cos que xogar. Pero canto estás disposto a pagar para tentalos conseguir? Un raposo con peculiares afeccións, un can moi presumido, unha aguia que non merenda, un sapo que soña con coroas... Estes son algúns dos personaxes que atopará este entrañable ourizo no seu camiño polo bosque. Unha viaxe cargada de aprendizaxe que che levará a descubrir o que é a autoestima e o importante que é aprender a coidarse e dicir que non de cando en vez.
O Clube de lectura de 5º de curso de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, elixiu como segundo libro “A folla azul” de Andrea Maceiras da editorial Xerais.
LIBRO 2º: A folla azul de Andrea Maceiras da editorial Xerais.
O libro foi traballado nos meses decembro, xaneiro e febreiro do curso escolar 2021/2022 e conta a historia da Amazonia que é un mundo verde e único. Tamén é o fogar de moitas tribos indíxenas que viviron alí desde o inicio dos tempos. Algunhas delas manteñen relación coa civilización, mentres que outras decidiron permanecer voluntariamente ocultas no corazón da selva contando a historia de de Husu Aké, membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verde. Na selva amazónica do Brasil vive a nena da tribo Tacaré, Husu Aké. A avoa de Husu Aké ten poderes adiviñatorios. Intúe que o home branco chegará ás terras dos Tacaré causando grandes problemas, por iso decide compartir coa neta todos os seus coñece- mentos, incluídos aqueles que adquiriu de nena cando viviu entre os brancos como a lingua portuguesa.
O día que os brancos chegan á aldea, a avoa de Husu Aké pídelle á nena que abandone o poboado. Os brancos, portadores de virus descoñecidos para os Tacaré, contaxian a poboación. Todos menos a avoa caen enfermos.
Cando Husu Aké regresa á aldea, o xefe noméaa guerreira para que parta en busca de axuda aos habitantes do poboado. A nena, tras ter a enigmática visión dunha folla azul, percorre os confíns da selva ata dar co home branco. O que alí atopa espántaa. O home branco está a destruír a natureza para conseguir ouro. Por sorte, tamén hai brancos bos. Husu Aké coñece unha familia que a axuda. O pai é médico e canda a nai, que é avoga- da, forman parte dunha ONG cuxo símbolo é unha folla azul. A familia viaxa coa nena á aldea e, grazas aos coñecementos médicos do pai, consegue curar a enfermidade que decimaba a poboación.
Husu Aké salvou a súa xente, pero algo nela cambiou para sempre. A nena acabará deixando a aldea para vivir coa familia branca. Alí converterase en avogada e nunha activista polos dereitos dos pobos indíxenas.
Despois da lectura do libro o alumnado traballou a súa comprensión a través de diferentes preguntas e temática:
Temas e valores
Actividades
Antes da lectura
Despois da lectura
As actividades realizadas durante o 11 de decembro de 2021 e o 3 de febreiro de 2022 concluíron coa realización dos debuxos sobre o conto así como a visita da autora, Andrea Maceiras.
No mes de febreiro tivemos un encontro con Andrea Maceiras, autora deste libro.Na seguinte ligazón recollemos esta actividade:
O Clube de lectura de 5º de curso de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, elixiu como primeiro libro “Chalie y la fábrica de chocolate” de Roal Dahl da editorial Alfaguara Juvenil.
LIBRO 1º: Charlie y la fábrica de chocolate de Roald Dahl da editorial Alfaguara Juvenil.
O libro foi traballado ao longo do 1º trimestre do curso escolar 2021/2022 e conta a historia de Charlie Bucket un neno que vive cos seus pais e os seus avós maternos e paternos nunha casa. Son pobres e pasan fame e frío, sobre todo cando o seu pai é despedido do seu traballo. Charlie e o seu avó Joe soñan con visitar a Fábrica de chocolate de Willy Wonka, que leva anos pechada ao público para evitar espionaxe industrial, e o soño farase realidade. Willy Wonka, o dono da fábrica, pon en circulación dentro das súas barras de chocolate, cinco billetes dourados, que poden estar en calquera barra de chocolate, en calquera tenda, e en calquera país. Estes permitirán, aos cinco nenos ou nenas que os atopen, visitar esta fábrica, levar un cargamento de chocolates e lambetadas para sempre e, ademais, o gañador recibirá un premio moi especial. Augustus Gloop, Veruca Salt, Violet Beauregarde, Mike Tevé e Charlie Bucket son os afortunados gañadores. Todos entran cos seus pais, menos Charlie, que vai acompañado polo avó paterno Joe. Unha vez dentro descobren da man de Willy Wonka un marabilloso mundo de chocolate e lambetadas. Cada un dos nenos e nenas vai saíndo da fábrica por mor das súas teimas, defectos e mala educación. Augustus Gloop non pode coa gula, cae a un río de chocolate, e é absorbido por un tubo que o leva fóra do recinto. Violet Beauregarde, a obsesiva mascadora de chicle e competidora incansable, convértese nun arando por probar un chicle experimental con gusto a unha comida completa de dous pratos e sobremesa que aínda seguía en proba. Veruca Salt, nena mequeira e consentida que non para de pedir e esixir, é lanzada ao buraco dos desperdicios por uns esquíos ao tentar levar unha e Mike, agresivo e adicto á televisión, convértese nun pequeno personaxe de televisión ao que han de alongar como a un chicle para que volva ter un aspecto minimamente normal. E por fin só queda na fábrica Charlie, o gañador. O premio é a fábrica: o señor Wonka faise maior e quere un herdeiro. Charlie pensa que non poderá facelo, porque a súa nai estrañaría aos avós e non entrarían todos no ascensor de cristal. Pero Wonka di que si é posible, así que recollen a toda a familia, métena no ascensor de cristal e vanse todos a vivir á fábrica.
Despois da lectura do libro o alumnado traballou a súa comprensión a través de diferentes actividades:
As actividades realizadas durante a semana do 29 de novembro ao 10 de decembro de 2021 concluíron coa realización dos debuxos sobre o conto.
O alumnado de 2º de E.P. seguimos disfrutando cos nosos contos favoritos.
Esta vez foi Maia a que elixiu o seu: Grazas. Historia dun rueiro de Rocío Bonilla; conta a historia sobre a convivencia e as relacións humanas. Unha historia sobre todos nós. Por mor dunha avaría inesperada, a vida do rueiro vai mudar totalmente. Grazas á curiosidade e á empatía, os veciños e veciñas van chegar lonxe, moi lonxe. E farano xuntos.
A partir do conto, ademais de desfrutar da súa lectura, traballamos a comprensión e a descrición dos seus personaxes (como son, como van vestidos, que é o que lles gusta facer…) e aproveitamos esa actividade para coñecernos nós e que nos coñezan un pouco mellor os nos@s compañeir@s.
O conto tamén tiña un xogo co que o pasamos moi ben.
Ao longo deste curso os nenos e nenas de 2º de Educación Primaria imos traballar no Club de lectura e na Hora de ler cos nosos contos favoritos.
O primeiro conto foi escollido por Marco: "Cocorico" de María Luisa Núñez. Cocorico é unha adaptación libre dunha historia tradicional birmana sobre a necesidade de escoitar bos consellos, o importante que é cumprir as promesas e o difícil que é aprender a compartir.
Despois de moitas lecturas e de traballar os personaxes (como falan, como se moven...) fomos a realizar unha representación ás aulas de Educación Infantil.
Foi unha experiencia estupenda, xa que tod@s quixeron participar e disfrutaron moito.
Estamos desexando volver a repetir!!
O 19 de febreiro participamos en “Encontros coa autora” con Iria Misa, autora do libro “Mamá, quero ser Ziggy Stardust” e organizado pola concellería de educación nas instalacións do Liceo de Ourense co fin da promoción do hábito lector entre os escolares ourensáns e o traballo en valores.
A actividade comezou coa dotación, por parte da Concellería dos libros seleccionados para este curso para a súa lectura na aula e o posterior encontro co autor do libro.
Esta actividade ten dous importante obxectivos. Por unha banda poñer en contacto directo aos escolares cos escritores e ilustradores e por outra banda, dar a coñecer e preto o traballo dun escritor e ilustrador.
Os libros foron entregados aos escolares no mes de decembro e hai unhas semanas e tras a lectura, realizouse o encontro con Iria Misa, momento no que o alumnado tivo a oportunidade de coñecela e conversar con ela sobre a temática do libro e as principais mensaxes que se achegaban coa súa lectura.
Antes de asistir a estes encontros, o alumnado de quinto e sexto curso do noso cole xa fixera un traballo exhaustivo desta obra de Iria Misa.
O resumo argumental do libro, trata da historia de Aine, quen naceu cun corpo aparentemente de nena, pero en realidade séntese neno. Aine conta cun amigo imaxinario chamado Thomas, como xeito de fuxida dunha realidade que o abafa.
Nunha viaxe turística cos seus pais, Aine descobre a figura do músico David Bowie, coa que se identifica de inmediato. Desde entón, Thomas e Aine xogan a disfrazarse de Ziggy Stardust, o personaxe creado por Bowie, e a actuar enriba da cama coma se fose un escenario.
O pai de Aine non comprende ao seu fillo. Pero Fran, a súa nai, pouco a pouco irá reaccionando e aceptando a Aine tal e como é, o que provocará a ruptura co seu home. Tampouco a familia extensa de Aine se amosa moi comprensiva co que ven como unha simple teima dunha nena por vestirse e comportarse como un rapaz. Aine visitará a psicólogos, e sufrirá o rexeitamento de moitos compañeiros de escola, e das súas familias, na escola. Pero finalmente conseguirá realizar o seu soño: vivir de acordo a como sente a súa identidade de xénero e actuar na festa de fin de curso do colexio.
Neste libro profundan na transexualidade. Aine é un neno trans que loita por poder mostrarse ao mundo tal e como se sente. Destaca tamén David Bowie como exemplo. A figura do músico está moi presente na novela como referente de persoa de éxito malia non encaixar sempre nos canons impostos socialmente, e é usado por Aine para afirmarse nun mundo que non quere aceptalo tal e como é.
Os escolares tiveron que realizar unha serie de actividades antes e despois da lectura. Primeiro tiñan que observar a portada e razoar a partir de aí sobre que pensaban que trataba o libro. Tamén tiveron que responder a cal foi o último libro que leron e o que máis lles gustou.
Tras a lectura, discutiron na clase sobre como a presión social e as súas convencións condicionan a liberdade individual e o dereito á diferenza. Outro dos aspectos que tiñan que respostar tiña que ver con David Bowie, comentar a súa figura e a súa música na clase.