Novidades

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN

Xa chegaron as esperadas e merecidas vacacións e, un ano máis, o Equipo da Biblioteca Escolar deixanos as súas recomendacións lectoras para este verán. Despois deste curso tan especial e cheo de inquedanzas, agora toca gozar do aire libre, da natureza, do sol, da praia... e como non, tamén de momentos de relax e tranquilidade, acompañados dun bo libro que nos faga soñar, emocionarnos e vivir mil aventuras. 

Se queredes imprimir ou descargar o folleto informativo, aquí tedes o enlace:

- RECOMENDACIÓNS LECTORAS VERÁN 2021

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2021

O 23 de abril é unha das datas máis sinaladas no noso calendario de celebracións e o xa tradicional apadriñamento lector vai asociado no noso colexio a esta efeméride.  Premede na imaxe anterior e veredes como celebramos este curso o DÍA MUNDIAL DO LIBRO e a festa da lectura conxunta. 

ENCONTRO CON ANTÍA YÁÑEZ

Un ano máis participamos na actividade ENCONTROS CO AUTOR/A, que promove o Concello de Ourense, co fin de poñer en contacto aos alumnos e alumnas cos escritores e/ou escritoras e, que coñezan de primeira man a súa obra. 

Este curso, debido ás medidas sanitarias que xa todos coñecedes, foi a propia autora a que se desprazou ata o noso centro para charlar cos rapaces e coas rapazas de 5º de primaria,  grupo ao que vai destinada esta actividade.

O encontro coa xove escritora ANTÍA YÁÑEZ, tivo lugar o pasado venres, 22 de xaneiro, na aula de 5º. Previamente os alumnos e alumnas xa leran un libro da autora, concretamente: PLAN DE RESCATE. 

Para coñecer mellor como resultou esta actividade, premede na imaxe que vos enlazará co blog da biblioteca onde se explica máis detalladamente. 

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA ESTE NADAL

 

O Equipo de Biblioteca do noso centro xa realizou a súa selección de libros para que ao longo deste NADAL todos, dende os máis cativos ata os maiores, podades gozar cos bos momentos que sempre nos proporcionan os libros e as lecturas.

Este ano non se enviará en papel ás casas o boletín informativo onde se recollen estas recomendacións, pero podedes consultalo no blog da biblioteca. Dende alí tedes a posibilidade de descargalo ou imprimilo se queredes telo máis a man.

Premede na imaxe para consultar o boletín en dito blog.

 

Powered by Drupal - Design by artinet