Documentos de referencia

CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños, A Coruña). Un centro LIA.2

O CEIP Milladoiro, de Malpica de Bergantiños é un centro con longa traxectoria no coidado e atención á súa biblioteca escolar e ao traballo para a formación lectora, literaria e nas competencias informacionais e mediáticas do seu alumnado. Xa fora un centro tomado como referencia anteriormente, cando se gravaron vídeos en bibliotecas escolares galegas en colaboración co Ministerio de Educación.  Actualmente o CEIP Milladoiro é un dos 20 centros incluídos no proxecto CENTROS LÍA.2, a través do que a consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional explora a evolución do modelo de biblioteca escolar acorde coas necesidades do alumnado actual e coas tendencias en materia bibliotecaria e educativa.

A través desta nova produción audiovisual, coa axuda das alumnas voluntarias, visitamos de novo a biblioteca escolar dun centro da Galicia rural que pon ao servizo do seu alumnado todos os recursos posibles, pero que sobre todo ofrece oportunidades de aprendizaxe variadas, significativas e imprescindibles na actual sociedade da comunicación e da información. 

CEIP Plurilingüe A PEDRA (Bueu, Pontevedra). Centros LÍA.2

Gravación realizada no CEIP Plurilingüe A PEDRA, de Bueu (Pontevedra) en xuño de 2019. Este centro de educación infantil e primaria está integrado no Plan de mellora de bibliotecas escolares e foi seleccionado pola D. X. De Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional como “Centro LÍA.2”, un programa no que se está explorando as posibilidades da biblioteca escolar como “Centro Creativo das Aprendizaxes”.

Guiados polo alumnado voluntario da biblioteca escolar, podemos coñecer os diferentes espazos desta bibliotecaque, como centro LÍA.2, incorpora recunchos para a investigación, a manipulación, a creación, a expresión, o traballo colaborativo e o xogo. Os libros e a lectura vehiculizan toda a actividade da biblioteca, gañan presenza e conseguen involucrar a toda a comunidade educativa. Os equipamentos están ao servizo das prácticas que se pretenden incentivar, coa vista posta sempre no reforzo das competencias clave contempladas no currículo e, especialmente, no desenvolvemento persoal do alumnado e a creación de vínculos coa lectura, a escrita, a comunicación, o coñecemento e a cultura en xeral. Finalmente, estas bibliotecas son espazos que atenden á dimensión social, constituíndo un factor de igualdade no acceso aos bens culturais dispoñibles.

Convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA. Curso 2019/2020

Biblioteca creativa

Xa está publicada no Portal Educativo a convocatoria do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA para o curso 2019/2020. Mediante este programa preténdese apoiar a cultura da experimentación e da investigación, da robótica e da linguaxe de programación nas bibliotecas dos centros públicos que matriculan alumnado de infantil e primaria e que están integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2019/2020.

Poderán participar neste programa os centros integrados en convocatorias anteriores do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA e seleccionaranse 25 centros de nova incorporación.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de setembro de 2019.

 

 

 

Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2019/2020

Portal Educativo vén de publicar, con data de 2 de setembro de 2019, as Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2019/2020, nos centros de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas adaptacións necesarias a cada tipoloxía de centro. Estas instrucións constan de tres documentos: as Instrucións propiamente ditas, e unhas Anotacións, incluídas como Anexo I , que aclaran e amplian cada unha das cláusulas. Engádese un Anexo II, ao que se fai referencia no texto do documento, unhas orientacións extraídas da orde de convocatoria do Plambe para o presente curso (Disposición adicional primeira, publicada no DOG de 16 de abril de 2019).

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de xuño de 2019

 
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares  e Hora de ler. Neste número 77 de Xuño de 2019 publícanse un total de 5  artigos, nas dúas sub-seccións: Biblioteca escolar e Boas prácticas. Unha revisión destes artigos, e do resto de traballos publicados en números anteriores da revista, serve para achegarse á viva realidade das bibliotecas escolares galegas, auténticos motores de innovación pedagóxica na última década:

 

 Camiño dunha biblioteca inclusiva.

CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)

 

Coñecendo os noso concellos. Proxecto colaborativo en Radio na Biblio.

CEIP Da Pobra de Brollón e Ceip Virxe do Carme de Sober (Lugo)

 

Radio Maraña. A radio da escola de Vilar de Barrio.

CEIP P. de Vilar de Barrio (Ourense)

 

A Cast@radio, unha experiencia de Radio na Biblio.

CEIP P. de Carballedo, Cerdedo-Cotobade (Pontevedra)

 

Desde as bibliotecas escolares ata o infinito e máis alá!

IES Fernando Esquío de Neda (A Coruña)

Estudo: Clubs, lectoras e lectores no ensino secundario de Galicia.

Transcorridos dez anos desde a primeira convocatoria de axudas para o funcionamento de Clubs de lectura destinadas a centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e outros de nivel post-obrigatorio, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos /Asesoría de bibliotecas escolares, abordou a realización dun estudo cualitativo sobre a lectura e os clubs de lectura, os impactos desta iniciativa na cualidade da lectura e nas competencias comunicativas (e outras) do alumnado participante, así como o seu impacto nas comunidades educativas dos centros que contan con club de lectura. José Antonio Millán dirixiu este estudo (Clubs y lectores en la enseñanza secundaria de Galicia), do que se realizou a fase de "grupos de discusión" durante a primavera de 2018 e do que se presentaron as primeiras conclusións nas IX Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, celebradas en novembro de 2018. Velaquí agora o borrador ou pre-publicación do estudo nas dúas versións: galego e castelán, que se pon a disposición do profesorado e de todas as persoas interesadas.

 

4 Retos para a Biblioteca Escolar 2020

O sábado 23 de marzo celebrouse en  Santiago de Compostela  unha  xornada técnica organizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos), para pensar a biblioteca escolar do 2020. Esta xornada de traballo reuniu a persoas expertas no ámbito das bibliotecas en xeral, das bibliotecas escolares en particular xunto a representantes das CCAA presentes na Comisión Técnica de Bibliotecas Escolares e do Ministerio, un dos organismos integrantes do Consejo de Cooperación Bibliotecaria a nivel estatal.

Organizáronse grupos de traballo e análise entre profesionais e persoas expertas que debateron e profundizaron sobre diferentes aspectos da situación actual das bibliotecas escolares. Extraéronse 4 retos concretos para a biblioteca escolar 2020:

Reto 1: Dotar de estabilidade ás bibliotecas escolares.

Reto 2: Promover un modelo de biblioteca escolar como espazo educativo á medida do proxecto de centro.

Reto 3: Concebir a biblioteca escolar como mediadora das lecturas no centro e situala no centro neurálxico das políticas públicas centradas na lectura, en todos os formatos, para todas as finalidades.

Reto 4: Promover unha visión da biblioteca escolar como o contexto privilexiado para o desenvolvemento das competencias mediáticas e informacionais, a alfabetización mediática (AMI) e como requisito para a construción do pensamento crítico.

 

Como resultado de todo isto, elaborouse un documento de urxencia para seguir a traballar pola Biblioteca Escolar.

 

 

 

 

Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2018/2019

O Portal Educativo vén de publicar, con data de 3 de setembro de 2018, as Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2018/2019, nos centros de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coas adaptacións necesarias a cada tipoloxía de centro. Estas instrucións constan de dous documentos: as Instrucións propiamente ditas, e unhas Anotacións, incluídas como Anexo , que aclaran e amplian cada unha das cláusulas. Engádese un Anexo II, ao que se fai referencia no texto do documento, unhas orientacións extraídas da orde de convocatoria do Plambe para o presente curso (Disposición adicional primeira, publicada no DOG de 9 de maio de 2018). 

Bibliotecas LÍA.2, entrega 4: CEIP Canosa-Rus (Coristanco, A Coruña)

 
 
O CEIP Canosa-Rus, de Coristanco (A Coruña), é un centro (como os tres anteriores incluídos no Proxecto LÍA.2), localizado no medio rural, que presenta unha actividade media-alta desde hai anos, cunha importante experiencia na coordinación de proxectos de carácter interdisciplinario, un deles gañador dun dos premios do II Concurso de Traballo por Proxectos, correspondente a traballos realizados no curso 2013/2014: Rus entre planetas. A biblioteca do CEIP Canosa-Rus participa do Proxecto Escornabots e tamén do programa "Radio na biblio" ofrecendo así múltiples oportunidades ao seu alumnado e abrindo á comunidade educativa un espazo creativo de aprendizaxes. Vemos, guiados polo alumnado voluntario da biblioteca, situacións cotiás das que as nenas e os nenos son plenos protagonistas: 
 

Bibliotecas LÍA.2, terceira entrega: CPI Cruz do Sar (Bergondo, A Coruña)

 
 
O CPI Cruz do Sar, de Bergondo (A Coruña), é un centro integrado que alberga alumnado de primaria e de secundaria. A súa biblioteca, denominada "Punto de Encontro", ten unha longa traxectoria con importantes actuacións en materia de lectura, de traballo coa información e de impulso de metodoloxías de proxectos. Algúns dos traballos de carácter interdisciplinario coordinados desde a biblioteca e con participación de todo o centro mereceu recoñecemento como o proxecto "Bergondo nun conto", levado a cabo durante o curso 2013/2014 e que foi premiado no I Concurso de Traballos por Proxectos. A biblioteca do CPI Cruz do Sar foi ampliada no ano 2016 e incluída na primeira fase do Proxecto Centros LÍA.2. Visitamos da man do alumnado voluntario esta biblioteca que acolle diferentes espazos e conta con equipamento que favorece o traballo individual pero tamén  os proxectos colaborativos:

Bibliotecas LÍA.2, entrega 2: CEIP Condesa de Fenosa (O Barco, Ourense)

 
 
O CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco (Ourense) é un dos catro centros integrados no proxecto LÍA.2, a finais de 2016. Durante o ano 2017 e comezos do 2018 a biblioteca deste centro experimentou melloras na súa infraestrutura, distribución espacial, equipamento, mobiliario, recursos bibliográficos e outros. A traxectoria desta biblioteca é xa longa e moi importante en materia de fomento da lectura, uso dos recursos dixitais,  formación de persoas usuarias, implicación das familias, inclusión e, tamén, emprego de metodoloxías activas a través de diferentes proxectos de carácter interdisciplinario. Neste vídeo vemos a biblioteca tal e como está agora e o uso cotían que alumnos e alumnas fan dela, guiados en todo momento por dúas nenas do grupo de voluntariado da biblioteca. Asistimos tamén, inda que brevemente, a unha sesión de contacontos da man de nais da comunidade educativa. 

CDU Ilustrada para bibliotecas escolares

Na liña de traballo de elaboración de materiais para o profesorado, en apoio do seu labor na dinamización das bibliotecas escolares, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar un material que chegará aos centros na primeira quincena de setembro. Trátase dunha versión ILUSTRADA da adaptación da Clasificación Decimal Universal para bibliotecas escoalares que se realizara a comezos deste programa, no ano 2004

Óscar Villán, debuxante que xa elaborara outros materiais para a sinalización das bibliotecas escolares, foi o encargado da realización desta CDU ILUSTRADA, que agardamos poida servir de motivación nas actividades de formación de persoas usuarias das bibliotecas escolares. 

A Clasificación Decimal Universal (CDU) é un sistema estandarizado polo que se distribúen todos os documentos relacionados co coñecemento humano en 10 categorías que, á súa vez, se van subdividindo noutras 10 categorías (e así sucesivamente), na medida en que se precisa maior concreción. Para os centros de infantil e primaria non se recomenda pasar dos dous díxitos, aínda que algunhas categorías, das que pode haber moito material na biblioteca, podería chegar aos tres díxitos. + información AQUÍ

Xa a comezos de curso este cartel completarase con outro material divulgativo sobre esta CDU Ilustrada. 

 

 

Materiais para unha Biblioteca Inclusiva da xornada formativa do 20.02.2018 en RedeBE

 

 

O pasado 20 de febreiro reuníronse en Compostela profesorado procedente de 53 centros integrados incialmente no programa "Bibliotecas Escolares Inclusivas" (centros públicos de educación especial e centros ordinarios que contan con unidades creadas ou habilitadas de educación especial). Foi unha xornada intensa, baixo o lomea BIBLIOTECA INCLUSIVA. LECTURA E DIVERSIDADE, no que se traballou sobre a lectura en contextos de diversidade e, así mesmo, se coñeceron experiencias ben interesantes de centros galegos, de centros ordinarios, e de centros de educación especial, no tratamento da diversidade desde a biblioteca escolar. 

TODOS os materiais (presentacións) desta xornada están xa dispoñibles desde ese  día 20 de febreiro a disposición de todo o profesorado interesado no espazo virtual RedeBE, pero agora xa se pode acceder a TODO O MATERIAL AUDIOVISUAL xenerado nesa xornada. Tamén os recursos seleccionados desde a Asesoría de biblotecas escolares, con diferentes colaboracións.

Impresión 3D: recursos

O pasado venres 6 de outubro reuníronse en Compostela integrantes dos equipos de biblioteca dos centros do Proxecto Escornabots na biblioteca escolar (continuidade), que se inician este ano na impresión 3D, nunha xornada formativa convocada pola D.X. de Centros e Recursos Humanos en colaboración co Servizo de Formación do Profesorado. Estiveron presentes, así mesmo, asesores/as de formación dos centros de Formación e Recursos do Profesorado de toda Galicia (con vinculación a actividades de BE), así como integrantes dos equipos de biblioteca dos centros do Proxecto LÍA.2, que tamén contan con impresora 3D na biblioteca. 

Todos os materiais das xornadas estarán dispoñibles para o profesorado interesado neste espazo destinado ao Proxecto Escornabots na biblioteca escolar e, en breve, tamén en RedeBE

"Espazo fedelleiro", ou cando a biblioteca avanza cara un "centro creativo das aprendizaxes".

 
Comeza o curso e comeza a materializarse un pequeno proxecto piloto no que participan 4 centros educativos [EEI Barrionovo (Arteixo), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco), CPI Cruz do Sar (Bergondo) e CEIP Canosa Rus (Coristanco)] integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, con longa e experimentada traxectoria de atención á biblioteca e de traballo a prol da innovación metodolóxica e situados, ademais, en zonas rurais. Con eses vimbios, a colaboración dos equipos docentes (e o compromiso dos equipos directivos correspondentes), estes centros van axudar a explorar novos avances na configuración da biblioteca escolar como "centro creativo das aprendizaxes".  Durante o curso 2016/2017 recibiron axudas extra para equipamento así como orientación da Asesoría de bibliotecas escolares. A pilotaxe deste Proxecto LIA.2 (unha iniciativa contemplada no Plan LÍA 2016/2020 ca CCEOU), esténdese ao longo do presente curso 2017/2018 coa utilización plena das bibliotecas renovadas e a posta en marcha de proxectos que implican o uso extensivo de todos os recursos e posibilidades da biblioteca escolar. O seguimento desta pilotaxe e as valoracións obtidas, permitirá novos avances na Rede de bibliotecas escolares de Galicia. 
Unha das liñas de traballo marcadas é a inclusión dun espazo maker na biblioteca, que ten comezado en moitos casos coa presenza dos "escornabots", pero que garda moitas outras posibilidades. Vemos un excelente exemplo nesta Inauguración do ESPAZO FEDELLEIRO, da EEI de Barrionovo (Arteixo), un dos centros participantes desta pilotaxe.

Instrucións sobre a organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2017/2018

O Portal Educativo publica as INSTRUCCIÓNS de 1 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Centros e ecursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2017/2018, e que serán de apliación en todos os centros públicos de titularidade da consellería de Cultura, Educación e O.U. que imparten ensinanzas de nivel non universitario, coa adaptación pertinente ás diferentes tipoloxías de centros. Acompañan ás Instrucións propiamente ditas, un Anexo I de Anotacións, e un Anexo XI de Orientacións (este último correspondente á última convocatoria PLAMBE). 

Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares

O Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares é a folla de ruta  da que se dotou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para continuar o seu traballo  a prol das bibliotecas escolares e o fomento da lectura nos vindeiros anos. 
Lectura, Información e Aprendizaxe son os ámbitos de actuación da biblioteca escolar e dan nome a un plan de actuación estruturado en:
  • Obxectivos xerais do Plan LÍA de bibliotecas escolares
  • Unha ducia de desafíos, ou retos que cómpre abordar
  • Liñas de acción medidas concretas
Aínda que xa se vén traballando con esta nova folla de ruta, desde a a administración educativa galega quíxose formalizar e presentar este PLAN LÍA 2016/2020  de bibliotecas escolares nunha biblioteca en pleno funcionamento. Así hoxe, e con este motivo, o Presidente da Xunta de Galicia e o Consellerío de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitaron a biblioteca do IES Maruxa Mallo, de Ordes, e mantiveron un encontro co profesorado do centro, cunha visita incluída ao alumnado que neses momentos traballaba na materia "Investigación e Tratamento da Información", intimamente ligada aos obxectivos que se perseguen no desafío número 5, "as competencias ALFIN/AMI", e que conciben a biblioteca escolar, como instrumento imprescindible para a adquisición de competencias no uso, tratamento e produción de información. 
 

Materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

 

 

Están xa dispoñibles en RedeBE para todo o profesorado interesado os materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Compostela os pasados 18 e 19 de novembro. Tamén estarán, en breve, os vídeos das diferentes intervencións. 

Instrucións sobre a organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2016/2017

O Portal Educativo publica as INSTRUCCIÓNS de 1 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2016/2017, e que serán de apliación en todos os centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e O.U. que imparten ensinanzas de nivel non universitario, coa adaptación pertinente ás diferentes tipoloxías de centros. Acompañan ás Instrucións propiamente ditas, un Anexo I de Anotacións, e un Anexo XI de Orientacións (este último correspondente á última convocatoria PLAMBE). 

 

 

Recursos e iniciativas a prol das ciencias

Os pasados 14 e 15 de abril tiveron lugar en Compostela, na sede do Consello da Cultura Galega, os XVIII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados por esta institución baixo o lema"Nas bocas do futuro: mocidade e lingua".

Convidouse á Asesoría de Bibliotecas Escolares a participar na exposición de recursos para a ciencia en galego e contribuímos con este "póster" no que se recollen recursos e iniciativas desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Cultura, Educación e O.U. deseñadas para impulsar a presenza das ciencias nas bibliotecas escolares e a integración das ciencias e das humanidades nas actividades e propostas destas bibliotecas. Por descontado que estas iniciativas son tamén a favor do uso do galego nas ciencias. 

  • É de gran interese a exposición virtual de todos os pósters que podemos visitar AQUÍ

 

 

 

 

Bibliotecas Escolares no novo número da revista EDUGA

 
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de facer público o número 70 da súa Revista de Educación, EDUGA, correspondente ao segundo semestre de 2015. Coma nos números anteriores, este último EDUGA contén unha sección de Bibliotecas Escolares con varias subseccións (Biblioteca escolar, Boas prácticas, Hora de ler) e, en conxunto, un bo feixe de experiencias en relación co fomento da lectura, o traballo interdisciplinar apoiado e impulsado desde a biblioteca escolar, o voluntariado cultural na biblioteca, a alfabetización informacional, a formación audiovisual, o fondo local, os clubs de lectura, os acompañamentos lectores, ou a adaptación do modelo de biblioteca aos centros con especiais características como son os centros que albergan fundamentalmente ciclos formativos ou alumnado con necesidades específicas de aprendizaxe.
Pódense consultar os artigos directamente nas seguintes ligazóns: 

Instrucións sobre o funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2015/2016

Os centros docentes disporán dunha biblioteca escolar. Tomaranse as medidas organizativas necesrias para que a biblioteca escolar teña un funcionamento estable e sirva aos obxectivos do proxecto lector de centro (Decreto 86/2015 do 25 de xuño polo que se establece o currículo de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato da Comunidade Autónoma de Galicia, artigo 38, punto 3.)

Comeza un novo curso escolar e o Portal Educativo publica as INSTRUCIÓNS de 1 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, para o curso 2015/2016, destinadas aos centros non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

ACCESO AO DOCUMENTO DE INSTRUCIÓNS

Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2014/2015

Os pasados 12 e 13 de marzo de 2015 celebráronse en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2014/2015, coa asistencia de 550 profesoras e profesores, responsables das bibliotecas escolares integradas neste programa da consellería. 

En redeBE, o espazo moodle de Bibliotecas Escolares de Galicia, están dispoñibles xa os materiais destes encontros, co fin de que os equipos de bibliotecas e todo o profesorado interesado poida acceder ás presentacións dos relatores e a outras informacións de interese sobre os contidos do programa. En breve subiranse tamén os vídeos gravados nas diferentes sesións.

Entre os materiais dispoñibles, a versión pdf do cómic VIVIR NO SOLO, con guión de Marilar Aleixandre, editado co gallo da celebración do ano 2015 como Ano Internacional dos Solos. Esta publicación, da Delegación Territorial da Sociedade Española da Ciencia do Solo en Galicia, coa colaboración do concello de Santiago de Compostela, foi distribuída nos encontros de forma que puidese chegar, en formato impreso, a todas as bibliotecas do Plan de mellora. 

Nos encontros distribuíuse tamén o libro "Choven palabras no futuro" editado pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Cultura) en colaboración con GALIX, co gallo da conmemoración dos 25 anos desta Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. 

redeBE: materiais Encontros PLAMBE15

Materiais das V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

 

Están dispoñibles en redeBE os materiais das V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Santiago de Compostela os pasados 7 e 8 de novembro. 

A través deste espazo moodle  pódese acceder ás presentacións de expertos e docentes incluídos no programa das xornadas; os blogues de cada unha das bibliotecas e outras informacións de interese. 

En breve, subiránse tamén á redeBE as gravacións realizadas nas distintas salas.

 

 

 

Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa biblioteca escolar. Curso 2014/2015

O Portal Educativo publica, nesta data de inicio do ano escolar, as INSTRUCIÓNS de 1 de setembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e funcionamento das bibliotecas escolares, para o curso 2014/2015, e que afectan a todos os centros docentes de niveis non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

ACCESO Á PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO 

ACCESO AO TEXTO DAS INSTRUCIÓNS