O IES Basanta Silva, de Vilalba, é un centro cunha traxectoria moi notoria na dinámica de atención da bibiblioteca escolar. Existía xa unha biblioteca, integrada no PLAN de mellora de biblitotecas escolares desde o curso 2015/2016, cunha importante actividade, con espazos amplos e recursos renovados, pero ao entrar a formar parte do Plan LÍA. 2 modificouse a distribución dos recunchos da biblioteca cara a construír un espazo creativo no que dispoñen, por exemplo dun recuncho maker, retiráronse vellos mobles pouco versátiles e ampliándose o espazo de circulación e de lectura informal, entre outras actuacións. Así acadaron unha biblioteca escolar chea de oportunidades e posibilidades para aprender argallando, cun gran atractivo para a rapazada. Da man de alumnado de distintos niveis, usuario da biblioteca escolar e dos seus servizos, e de profesorado do centro, podemos achegarnos á realidade desta biblioteca situada nunha vila do interior de Galicia: unha biblioteca viva onde a lectura, a cultura, a comunicación e a exploración son unha realidade cotiá que axuda a tecer complicidades entre os distintos membros da comunidade educativa.
Documentos de referencia
CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños, A Coruña). Un centro LIA.2
O CEIP Milladoiro, de Malpica de Bergantiños é un centro con longa traxectoria no coidado e atención á súa biblioteca escolar e ao traballo para a formación lectora, literaria e nas competencias informacionais e mediáticas do seu alumnado. Xa fora un centro tomado como referencia anteriormente, cando se gravaron vídeos en bibliotecas escolares galegas en colaboración co Ministerio de Educación. Actualmente o CEIP Milladoiro é un dos 20 centros incluídos no proxecto CENTROS LÍA.2, a través do que a consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional explora a evolución do modelo de biblioteca escolar acorde coas necesidades do alumnado actual e coas tendencias en materia bibliotecaria e educativa.
A través desta nova produción audiovisual, coa axuda das alumnas voluntarias, visitamos de novo a biblioteca escolar dun centro da Galicia rural que pon ao servizo do seu alumnado todos os recursos posibles, pero que sobre todo ofrece oportunidades de aprendizaxe variadas, significativas e imprescindibles na actual sociedade da comunicación e da información.
CEIP Plurilingüe A PEDRA (Bueu, Pontevedra). Centros LÍA.2
Gravación realizada no CEIP Plurilingüe A PEDRA, de Bueu (Pontevedra) en xuño de 2019. Este centro de educación infantil e primaria está integrado no Plan de mellora de bibliotecas escolares e foi seleccionado pola D. X. De Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional como “Centro LÍA.2”, un programa no que se está explorando as posibilidades da biblioteca escolar como “Centro Creativo das Aprendizaxes”.
Guiados polo alumnado voluntario da biblioteca escolar, podemos coñecer os diferentes espazos desta bibliotecaque, como centro LÍA.2, incorpora recunchos para a investigación, a manipulación, a creación, a expresión, o traballo colaborativo e o xogo. Os libros e a lectura vehiculizan toda a actividade da biblioteca, gañan presenza e conseguen involucrar a toda a comunidade educativa. Os equipamentos están ao servizo das prácticas que se pretenden incentivar, coa vista posta sempre no reforzo das competencias clave contempladas no currículo e, especialmente, no desenvolvemento persoal do alumnado e a creación de vínculos coa lectura, a escrita, a comunicación, o coñecemento e a cultura en xeral. Finalmente, estas bibliotecas son espazos que atenden á dimensión social, constituíndo un factor de igualdade no acceso aos bens culturais dispoñibles.
Convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA. Curso 2019/2020
Xa está publicada no Portal Educativo a convocatoria do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA para o curso 2019/2020. Mediante este programa preténdese apoiar a cultura da experimentación e da investigación, da robótica e da linguaxe de programación nas bibliotecas dos centros públicos que matriculan alumnado de infantil e primaria e que están integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2019/2020.
Poderán participar neste programa os centros integrados en convocatorias anteriores do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA e seleccionaranse 25 centros de nova incorporación.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de setembro de 2019.
Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2019/2020
O Portal Educativo vén de publicar, con data de 2 de setembro de 2019, as Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2019/2020, nos centros de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas adaptacións necesarias a cada tipoloxía de centro. Estas instrucións constan de tres documentos: as Instrucións propiamente ditas, e unhas Anotacións, incluídas como Anexo I , que aclaran e amplian cada unha das cláusulas. Engádese un Anexo II, ao que se fai referencia no texto do documento, unhas orientacións extraídas da orde de convocatoria do Plambe para o presente curso (Disposición adicional primeira, publicada no DOG de 16 de abril de 2019).
Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de xuño de 2019
Camiño dunha biblioteca inclusiva. CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) |
Coñecendo os noso concellos. Proxecto colaborativo en Radio na Biblio. CEIP Da Pobra de Brollón e Ceip Virxe do Carme de Sober (Lugo) |
Radio Maraña. A radio da escola de Vilar de Barrio. CEIP P. de Vilar de Barrio (Ourense) |
A Cast@radio, unha experiencia de Radio na Biblio. CEIP P. de Carballedo, Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) |
Desde as bibliotecas escolares ata o infinito e máis alá! IES Fernando Esquío de Neda (A Coruña) |
Estudo: Clubs, lectoras e lectores no ensino secundario de Galicia.
Transcorridos dez anos desde a primeira convocatoria de axudas para o funcionamento de Clubs de lectura destinadas a centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e outros de nivel post-obrigatorio, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos /Asesoría de bibliotecas escolares, abordou a realización dun estudo cualitativo sobre a lectura e os clubs de lectura, os impactos desta iniciativa na cualidade da lectura e nas competencias comunicativas (e outras) do alumnado participante, así como o seu impacto nas comunidades educativas dos centros que contan con club de lectura. José Antonio Millán dirixiu este estudo (Clubs y lectores en la enseñanza secundaria de Galicia), do que se realizou a fase de "grupos de discusión" durante a primavera de 2018 e do que se presentaron as primeiras conclusións nas IX Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, celebradas en novembro de 2018. Velaquí agora o borrador ou pre-publicación do estudo nas dúas versións: galego e castelán, que se pon a disposición do profesorado e de todas as persoas interesadas.
- ESTUDO: CLUBS, LECTORAS E LECTORES NO ENSINO SECUNDARIO DE GALICIA (introdución, estudo de José A. Millán e informe dos clubs de lectura do curso 2017/2018). [Versión en galego]
- ESTUDIO: CLUBS, LECTORAS Y LECTORES EN LA ENSEÑANZA SECUNDARIA DE GALICIA (introducción, estudio de José Antonio Millán e informe de los clubs de lectura en el cuso 2017/2018) [Versión en castellano)
4 Retos para a Biblioteca Escolar 2020
O sábado 23 de marzo celebrouse en Santiago de Compostela unha xornada técnica organizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos), para pensar a biblioteca escolar do 2020. Esta xornada de traballo reuniu a persoas expertas no ámbito das bibliotecas en xeral, das bibliotecas escolares en particular xunto a representantes das CCAA presentes na Comisión Técnica de Bibliotecas Escolares e do Ministerio, un dos organismos integrantes do Consejo de Cooperación Bibliotecaria a nivel estatal.
Organizáronse grupos de traballo e análise entre profesionais e persoas expertas que debateron e profundizaron sobre diferentes aspectos da situación actual das bibliotecas escolares. Extraéronse 4 retos concretos para a biblioteca escolar 2020:
Reto 1: Dotar de estabilidade ás bibliotecas escolares.
Reto 2: Promover un modelo de biblioteca escolar como espazo educativo á medida do proxecto de centro.
Reto 3: Concebir a biblioteca escolar como mediadora das lecturas no centro e situala no centro neurálxico das políticas públicas centradas na lectura, en todos os formatos, para todas as finalidades.
Reto 4: Promover unha visión da biblioteca escolar como o contexto privilexiado para o desenvolvemento das competencias mediáticas e informacionais, a alfabetización mediática (AMI) e como requisito para a construción do pensamento crítico.
Como resultado de todo isto, elaborouse un documento de urxencia para seguir a traballar pola Biblioteca Escolar.
Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2018/2019
O Portal Educativo vén de publicar, con data de 3 de setembro de 2018, as Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2018/2019, nos centros de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coas adaptacións necesarias a cada tipoloxía de centro. Estas instrucións constan de dous documentos: as Instrucións propiamente ditas, e unhas Anotacións, incluídas como Anexo , que aclaran e amplian cada unha das cláusulas. Engádese un Anexo II, ao que se fai referencia no texto do documento, unhas orientacións extraídas da orde de convocatoria do Plambe para o presente curso (Disposición adicional primeira, publicada no DOG de 9 de maio de 2018).
Bibliotecas LÍA.2, entrega 4: CEIP Canosa-Rus (Coristanco, A Coruña)
Bibliotecas LÍA.2, terceira entrega: CPI Cruz do Sar (Bergondo, A Coruña)
Bibliotecas LÍA.2, entrega 2: CEIP Condesa de Fenosa (O Barco, Ourense)
CDU Ilustrada para bibliotecas escolares
Na liña de traballo de elaboración de materiais para o profesorado, en apoio do seu labor na dinamización das bibliotecas escolares, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar un material que chegará aos centros na primeira quincena de setembro. Trátase dunha versión ILUSTRADA da adaptación da Clasificación Decimal Universal para bibliotecas escoalares que se realizara a comezos deste programa, no ano 2004.
Óscar Villán, debuxante que xa elaborara outros materiais para a sinalización das bibliotecas escolares, foi o encargado da realización desta CDU ILUSTRADA, que agardamos poida servir de motivación nas actividades de formación de persoas usuarias das bibliotecas escolares.
A Clasificación Decimal Universal (CDU) é un sistema estandarizado polo que se distribúen todos os documentos relacionados co coñecemento humano en 10 categorías que, á súa vez, se van subdividindo noutras 10 categorías (e así sucesivamente), na medida en que se precisa maior concreción. Para os centros de infantil e primaria non se recomenda pasar dos dous díxitos, aínda que algunhas categorías, das que pode haber moito material na biblioteca, podería chegar aos tres díxitos. + información AQUÍ
Xa a comezos de curso este cartel completarase con outro material divulgativo sobre esta CDU Ilustrada.
Materiais para unha Biblioteca Inclusiva da xornada formativa do 20.02.2018 en RedeBE
O pasado 20 de febreiro reuníronse en Compostela profesorado procedente de 53 centros integrados incialmente no programa "Bibliotecas Escolares Inclusivas" (centros públicos de educación especial e centros ordinarios que contan con unidades creadas ou habilitadas de educación especial). Foi unha xornada intensa, baixo o lomea BIBLIOTECA INCLUSIVA. LECTURA E DIVERSIDADE, no que se traballou sobre a lectura en contextos de diversidade e, así mesmo, se coñeceron experiencias ben interesantes de centros galegos, de centros ordinarios, e de centros de educación especial, no tratamento da diversidade desde a biblioteca escolar.
TODOS os materiais (presentacións) desta xornada están xa dispoñibles desde ese día 20 de febreiro a disposición de todo o profesorado interesado no espazo virtual RedeBE, pero agora xa se pode acceder a TODO O MATERIAL AUDIOVISUAL xenerado nesa xornada. Tamén os recursos seleccionados desde a Asesoría de biblotecas escolares, con diferentes colaboracións.
Impresión 3D: recursos
O pasado venres 6 de outubro reuníronse en Compostela integrantes dos equipos de biblioteca dos centros do Proxecto Escornabots na biblioteca escolar (continuidade), que se inician este ano na impresión 3D, nunha xornada formativa convocada pola D.X. de Centros e Recursos Humanos en colaboración co Servizo de Formación do Profesorado. Estiveron presentes, así mesmo, asesores/as de formación dos centros de Formación e Recursos do Profesorado de toda Galicia (con vinculación a actividades de BE), así como integrantes dos equipos de biblioteca dos centros do Proxecto LÍA.2, que tamén contan con impresora 3D na biblioteca.
Todos os materiais das xornadas estarán dispoñibles para o profesorado interesado neste espazo destinado ao Proxecto Escornabots na biblioteca escolar e, en breve, tamén en RedeBE.
"Espazo fedelleiro", ou cando a biblioteca avanza cara un "centro creativo das aprendizaxes".
Instrucións sobre a organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2017/2018
O Portal Educativo publica as INSTRUCCIÓNS de 1 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Centros e ecursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2017/2018, e que serán de apliación en todos os centros públicos de titularidade da consellería de Cultura, Educación e O.U. que imparten ensinanzas de nivel non universitario, coa adaptación pertinente ás diferentes tipoloxías de centros. Acompañan ás Instrucións propiamente ditas, un Anexo I de Anotacións, e un Anexo XI de Orientacións (este último correspondente á última convocatoria PLAMBE).
Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares
- Obxectivos xerais do Plan LÍA de bibliotecas escolares
- Unha ducia de desafíos, ou retos que cómpre abordar
- Liñas de acción e medidas concretas.
Materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia
Están xa dispoñibles en RedeBE para todo o profesorado interesado os materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Compostela os pasados 18 e 19 de novembro. Tamén estarán, en breve, os vídeos das diferentes intervencións.
- RedeBE: VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia (éntrase como convidado sen contrasinal)
Instrucións sobre a organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2016/2017
O Portal Educativo publica as INSTRUCCIÓNS de 1 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2016/2017, e que serán de apliación en todos os centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e O.U. que imparten ensinanzas de nivel non universitario, coa adaptación pertinente ás diferentes tipoloxías de centros. Acompañan ás Instrucións propiamente ditas, un Anexo I de Anotacións, e un Anexo XI de Orientacións (este último correspondente á última convocatoria PLAMBE).
Recursos e iniciativas a prol das ciencias
Os pasados 14 e 15 de abril tiveron lugar en Compostela, na sede do Consello da Cultura Galega, os XVIII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados por esta institución baixo o lema"Nas bocas do futuro: mocidade e lingua".
Convidouse á Asesoría de Bibliotecas Escolares a participar na exposición de recursos para a ciencia en galego e contribuímos con este "póster" no que se recollen recursos e iniciativas desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Cultura, Educación e O.U. deseñadas para impulsar a presenza das ciencias nas bibliotecas escolares e a integración das ciencias e das humanidades nas actividades e propostas destas bibliotecas. Por descontado que estas iniciativas son tamén a favor do uso do galego nas ciencias.
- É de gran interese a exposición virtual de todos os pósters que podemos visitar AQUÍ
- Programa dos XVIII Encontros para a Normalización Lingüística.
- Galería fotográfica da exposición física
- Vídeos das intervencións nos XVIII Encontros para a Normalización Lingüística
- PÓSTER: Recursos e Iniciativas a prol das ciencias
Bibliotecas Escolares no novo número da revista EDUGA
Instrucións sobre o funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2015/2016
Os centros docentes disporán dunha biblioteca escolar. Tomaranse as medidas organizativas necesrias para que a biblioteca escolar teña un funcionamento estable e sirva aos obxectivos do proxecto lector de centro (Decreto 86/2015 do 25 de xuño polo que se establece o currículo de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato da Comunidade Autónoma de Galicia, artigo 38, punto 3.)
Comeza un novo curso escolar e o Portal Educativo publica as INSTRUCIÓNS de 1 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, para o curso 2015/2016, destinadas aos centros non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2014/2015
Os pasados 12 e 13 de marzo de 2015 celebráronse en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2014/2015, coa asistencia de 550 profesoras e profesores, responsables das bibliotecas escolares integradas neste programa da consellería.
En redeBE, o espazo moodle de Bibliotecas Escolares de Galicia, están dispoñibles xa os materiais destes encontros, co fin de que os equipos de bibliotecas e todo o profesorado interesado poida acceder ás presentacións dos relatores e a outras informacións de interese sobre os contidos do programa. En breve subiranse tamén os vídeos gravados nas diferentes sesións.
Entre os materiais dispoñibles, a versión pdf do cómic VIVIR NO SOLO, con guión de Marilar Aleixandre, editado co gallo da celebración do ano 2015 como Ano Internacional dos Solos. Esta publicación, da Delegación Territorial da Sociedade Española da Ciencia do Solo en Galicia, coa colaboración do concello de Santiago de Compostela, foi distribuída nos encontros de forma que puidese chegar, en formato impreso, a todas as bibliotecas do Plan de mellora.
Nos encontros distribuíuse tamén o libro "Choven palabras no futuro" editado pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Cultura) en colaboración con GALIX, co gallo da conmemoración dos 25 anos desta Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil.
Materiais das V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia
Están dispoñibles en redeBE os materiais das V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Santiago de Compostela os pasados 7 e 8 de novembro.
A través deste espazo moodle pódese acceder ás presentacións de expertos e docentes incluídos no programa das xornadas; os blogues de cada unha das bibliotecas e outras informacións de interese.
En breve, subiránse tamén á redeBE as gravacións realizadas nas distintas salas.