Skip to Content

De conversa con Iria Misa

O pasado venres 28 de febreiro visitounos a escritora Iria Misa, autora de obras xuvenís como Xa non estou aquí (2016) e O segredo do solpor (2018)... mais, sobre todo, de Mamá, quero ser Ziggy Stardust, unha novela que deixou unha forte pegada no alumnado de 1º ESO na materia de Lingua Galega. 

Máis imaxes aquí.

Iria Misa mantivo unha conversa moi ben guiada polos moderadores Breixo, Uxía e Zaira, encargados de facer as primeiras preguntas e dar paso ás consultas dos compañeiros e compañeiras. Soubemos así as motivacións que levaron a Iria a escribir esta novela, como comezou a escribir e publicar e como entende a escritura, a fermosa pegada deste libro nos lectores e lectoras e nela mesma...

Tamén estiveron moi presentes con nós Aine, Thomas..., os protagonistas de Mamá, quero ser Ziggy Stardust, que encarnan unha realidade que está aí, a da infancia transexual, a dos prexuízos que nos impoñen dende moi pequenos para sinalarnos como debemos actuar e como debemos ser por nacermos nenos ou nenas, a das violencias que sofren as persoas que non seguen os roles establecidos... Mais tamén, grazas á firmeza de Aine, á complicidade e comprensión da súa nai, a empatía de moitos outros personaxes ou a David Bowie, que para Iria Misa foi e é un referente moi importante á hora de escribir esta historia, entendemos que debemos perseverar naquilo que cremos e en ser nós mesmos para facer unha sociedade mellor, onde os afectos, a empatía e o respecto á diversidade afectivo-sexual e de todo tipo venzan a ignorancia e a discriminación.

Ao final, a hora pasou voando, fixemos moitas preguntas e aínda fariamos máis, a sinatura de libros que seguiu foi longa e quedamos coas ganas de repetir un novo encontro con iria Misa, a quen lle agradecemos moito a súa visita, a súa proximidade e o seu cariño.



blog | by Dr. Radut