Paco Carballés, produtor do audiovisual galego, no Cabe

Hoxe, 25 de marzo, contamos no Río Cabe coa visita de Paco Carballés, produtor e director galego cunha longa traxectoria na televisión de Galicia.

 

Paco, licenciado en Imaxe e Son pola Universidade de Madrid, contounos como comezou no mundo do audiovisual, como traballou de freelance e a súa posterior entrada na TVG, onde fixo numerosos programas, dende informativos, deportivos, de entretenemento.. 

Na actualidade dirixe  o programa Zigzag Diario, onde se nos presentan  as noticias máis salientables da xornada relativas á actualidade cultural galega.

 

Foi un dos creadores e codirector do Xabarín Club, programa infantil e xuvenil de gran éxito que se emitiu por primeira vez no ano 1994, e que se emite na actualidade na TVG2,  que inclúe series de debuxos animados, videoclips de grupos musicais  e espazos de produción propia. 

 

Tamén nos explicou como funciona unha canle de televisión por dentro, dos medios cos que se conta hoxe en día e das dificultades coas que se atopaban hai anos para que os programas saísen en pantalla, todo acompañado de divertidas anécdotas que fixeron a súa charla do más interesante e didáctica.

Dende o Cabe agradecémosche, Paco, a túa desinteresada colaboración e esperamos contar contigo en futuras ocasións.